Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

"Se o medio ambiente está enfermo, non pode haber abellas sas"

Unha abella liba o néctar dunha flor. EFE (AEP)
Unha abella liba o néctar dunha flor. EFE (AEP)

O domingo celébrase o día internacional deste insecto, ameazado polos pesticidas, o cambio climático e a praga de vespas velutinas ►Arredor de 3.600 apicultores coidan de 150.000 colmeas en Galicia, cuxa maior produción de mel se dá no sur de Lugo e en Ourense

 

As abellas son centinelas do medio ambiente. Segundo as estimacións da Unión Europea, o 80% das plantas silvestres desaparecerían sen a acción polinizadora destes insectos himenópteros e ata un 76% da alimentación humana depende do traballo delas. Este domingo, o día 20 de maio, celébrase por vez primeira o Día Mundial das Abellas, con actividades convocadas en todo o mundo que tamén terán a súa réplica en Galicia con propostas en Allariz, Narón ou Baiona.

Suso Asorey, voceiro da Asociación Galega de Apicultura, asegura que a situación está a tornarse "dramática" en Galicia, onde arredor de 3.600 gandeiros de abellas coidan de aproximadamente 150.000 colmeas. A maior parte dos abelleiros galegos teñen unha produción pequena que serve como complemento para outra actividade vencellada ao territorio —"o das abellas é un sector moi inseguro, pola alta mortandade"—, mentres que no sur da provincia de Lugo e en Ourense se atopan as explotacións máis grandes e profesionalizadas de mel de Galicia, hoxe acollidas nunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

A desaparición de colmeas enteiras e a escaseza crecente de abellas é un problema non só de índole económico, que lles provoca cuantiosas perdas aos produtores, senón tamén medioambiental. "O das abellas é só a punta do iceberg; un síntoma de que imos por moi mal camiño".

Cifra Asorey as principais ameazas ás que se enfrontan estes insectos da familia de Maya: o uso de pesticidas, o quecemento global debido ao cambio climático e á acción humana e, máis recentemente, á praga de vespas velutinas que afecta todo o país; sobre todo, as áreas costeiras da Mariña e as Rías Baixas e as bisbarras máis cálidas.

Polo que respecta ao emprego de insecticidas químicos nos cultivos, Asorey indica que desde 1994, cando empezaron a empregarse, percibiuse un incremento da mortandade que pasou do 10% anual a un 30% ou 40 por cento. Sobre este aspecto, os apicultores celebran a decisión comunitaria de prohibir o uso ao aire libre de pesticidas neonicotinoides a partir do 31 de decembro. "Xa percibimos unha mellora desde 2013, coa prohibición doutros tres pesticidas. Teremos agora que vixiar que se cumpra a normativa de usar os neonicotinoides só en invernadoiros e agardar a que en dous ou tres anos a terra vaia eliminando os seus restos", relata Suso Asorey. Ao tempo, incide na necesidade de estar "alerta" para que non cheguen outros pesticidas "novos e igual de danosos". "Levounos máis de vinte anos aos apicultores de toda Europa acadar este logro", enfatiza.

Polo que atinxe ao cambio climático, Asorey comenta que as abellas son animais moi sensibles. "As xeadas primaverais do ano pasado, seguidas dun verán e outono de seca provocou a morte de entre un 60% e un 70% das abellas. As abellas deste ano viñeron moi frouxas da tempada pasada e a primavera está tardando en chegar; está este ano moito máis atrasada do que viñan sendo nos últimos anos e isto afecta os seus ciclos biolóxicos". Así mesmo, enfatiza que a acción humana que favorece o monocultivo de eucalipto no monte e de millo forraxeiro nas terras de labradío tampouco favorecen a biodiversidade. "O das abellas é só a punta do iceberg", repite.

"Estamos vendo microclimas acentuados en lugares con só cinco quilómetros de distancia e a deriva do cambio climático o que nos di é que se non son as vespas velutinas serán outras as ameazadas que se nos veñan". Precisamente, as vespas velutinas constitúen o meirande cabalo de batalla para os apicultores neste tempo e a primavera é o tempo para capturar as raíñas e evitar que aniñen e fagan máis estragos.

Suso Asorey lamenta a falla dunha estratexia autonómica ou máis global para facerlle fronte a esta ameaza. "Dependemos un pouco do voluntarismo dos apicultores, que poñen trampas caseiras. Algúns concellos colaboran, outros non. Nalgún sitio, a Consellería do Medio Rural está a repartir algunhas trampas comercias...". Explica o voceiro dos abelleiros de Galicia que nas últimas semanas están a ser moi elevadas as capturas de raíñas na Mariña de Lugo e nas Rías Baixas, os lugares de clima máis tépedo onde se producen os maiores asentamentos. "Para ver o alcance nas terras do interior aínda haberá que agardar unhas semanas".

As trampas caseiras constrúense en botellas ou bidóns de plástico, aos que se lles corta a parte superior e se coloca de modo invertido, como un funil, para que as vespas non poidan saír unha vez que entran. Estes contedores énchense cunha beberaxe alcohólica. Gústalles a cervexa negra e o vermú vermello e tamén o zume de arandos ou o mosto tinto. "É importante que teña alcohol, xa que evita que as abellas, ás que non lles gusta, caian nas trampas", engade Asorey.

As celebracións do Día Mundial das Abellas incluirán exposicións, charlas e degustacións a cargo da Asociación Galega de Apicultores o domingo, no marco do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Tamén haberá programación didáctica en Narón e, en Baiona, unha feira nas Xornadas Apícolas do Val Miñor.

"Se o medio ambiente está enfermo, non pode haber abellas sas"
Comentarios