"O máis habitual é que as víboras traben sen veleno"

Tras os últimos ataques de víboras en Ferrol, ACoruña ou o Xurés os expertos chaman á calma: non é doado cruzarse cunha serpe e moito menos que trabe. E aínda que o faga, a nosa vida non estará en perigo
Martiño Cabana, biólogo da asociación de custodia do territorio
photo_camera Martiño Cabana, biólogo da asociación de custodia do territorio

¿Hai certa psicose estes días cos ataques de serpes en Galicia. Detectan un aumento de víboras?
Non, de feito cada vez hai menos por varias razóns fundamentais: a destrución do seu hábitat, a mortalidade directa por encontros con xente que as mata e os atropelos en estradas, que aínda que son difíciles de cuantificar é de supoñer que é un factor importante nun lugar como Galicia, cunha rede de estradas tan ampla.

¿E inflúe o abandono do rural en que haxa máis animais deste tipo ao haber máis monte?
Non ten por que ser así. Nos últimos 15 ou 20 anos aumentou moito a cobertura vexetal en Galicia e nesas zonas non penetra o sol, polo que as serpes non se desenvolven, igual que nos montes de eucalipto ou nas carballeiras pechadas á luz. Esa lenda de que cando vemos toxos e silvas haberá cobras habitualmente non é así.

¿Entón onde será máis doado que atopemos unha víbora?
Galicia é moi diversa e a víbora é unha especie complexa. Por norma xeral a de Seoane, maioritaria aquí, é rara en zonas moi quentes de Ourense e tamén en Pontevedra; é dicir, escasea na metade sur. E a outra especie, a fociñuda, limítase a zonas altas ourensás como O Xurés ou puntos da Gudiña. En xeral o hábitat máis frecuente para atopar unha víbora son zonas de toxeira na costa, puntos bastante interesantes para elas, igual que os bordes de camiños, os muros de pedra vellos ou as herbas detrás das dunas.

Falouse de ataques nas dunas de Ferrol a bañistas. ¿Hai risco de ver víboras nas praias?
Non. De feito a duna en si non a coloniza, porque é unha área con moita salinidade e pouco alimento. Pero si un pouco máis atrás, onde empezan eses herbazais con máis diversidade. De feito, a que trabou o rapaz de Ferrol foi nesa franxa de herba antes da praia.

¿E nos ríos?
Se hai unha zona solleira pode habelas, igual que preto das casas baixo montóns de leña ou herba, onde sempre convén andar con certa precaución. Pero en zonas de auga o máis habitual é que atopemos cobras viperinas do xénero natrix, que imitan as víboras na cor, na forma e no bufido, pero que resultan inofensivas.

¿E que temos que facer se nos atopamos cunha víbora?
Nada, porque o primeiro que fará será fuxir. E se se nos mete na casa ou nos estorba o mellor é coller escoba e recolledor e devolvela ao monte, xa que tes que estar moi cerca para que te trabe ao non ser unha serpe forte ou que se levante. Iso sí, en ningún caso collela coa man, porque hai xente coa manía de coller todos os bichos.

¡Canto dano fixo Frank de la Jungla!
O problema adoita ser coas crías, que son pequenas como un bolígrafo BIC e a xente confíase. As adultas son máis listas e non gastarán o veleno con nós, porque lles custa moito producilo, así que a maioría das veces que nos traben serán mordeduras secas, sen veleno, onde a ferida nin hincha. Iso é o máis habitual. Pero as crías son máis problemáticas porque non controlan aínda ben a inxección de veleno e os accidentes con elas son máis serios: teñen menos, pero é máis puro e inxéctano todo.

¿Cal é máis perigosa para nós, a víbora de Seoane ou a fociñuda?
Depende de moitas cousas, pero polo xeral a fociñuda ten máis veleno e é máis perigosa. Foi a que trabou o biólogo que tiveron que trasladar no Xurés, pero é case imposible de ver. E a víbora de Seoane en Galicia é menos velenosa incluso que a do resto do Cantábrico. A non ser que sexas alérxico ou tomes un medicamento que potencie o veleno, non implica risco grave, nin sequera para nenos e maiores. Hai que estar tranquilo e ir ao hospital porque notaremos que hincha a zona e escurece, e sendo dolorosa non é insoportable.

Comentarios