Marta Cabarcos: "Grazas ao curso que fixen atopei traballo"

Unha das persoas beneficiadas polo Pacto Provincial polo Emprego II fixo as prácticas no centro de día Alalas, onde atende a persoas dependentes
Marta Cabarcos
photo_camera Marta Cabarcos

En caso de accidente Marta Cabarcos tíñao claro: chamaba ao 112. Agora non é preciso, a formación que recibiu ao amparo dos cursos do Pacto Provincial polo Emprego téñenlle posibilitado saber o que facer nunha situación de emerxencia. Marta recibiu coñecementos durante seis meses no curso de auxiliar de axuda a domicilio a persoas dependentes. Unha vez rematou, o centro de día Alalas, no que fixo as prácticas, decidiu contar con ela e actualmente espera unha nova chamada para volver traballar.

¿Qué facía antes de comezar o curso?

Levaba dous anos e medio en paro, aínda que antes traballara en diferentes sectores  próximos á miña zona de residencia, Castro Riberas de Lea. Tamén estiven traballando como axudante de produción na mexilloneira Vitalmar.

¿Cal é a súa situación na actualidade?

Agora estou cubrindo baixas e vacacións no centro, polo que cando haxa unha nova persoa nesta situación volveranme chamar. O meu traballo consiste en ir polos domicilios das persoas dependentes e atender as necesidades de cada un. Ás veces hai que facer curas, outras mobilizacións ou facerlles a comida. O importante é que a todos se lles presta unha axuda, a que cada un precisa. É unha dedicación personalizada.

¿En que curso se inscribiu?

Fixen un curso de seis meses de auxiliar de axuda a domicilio e persoas dependentes. Tiña que trasladarme todos os días a Lugo para recibir a formación pero coido que pagou a pena.

¿Que a motivou a inscribirse no curso?

Tiña a necidade de facer algo novo. Non só me anotei a ese, senón a algún outro para ter máis posibilidades. Non sabía nada da materia que ía aprender e interesoume. E hoxe podo dicir que grazas a ese curso conseguín traballo, polo que sempre vou estar agradecida.

¿Que valoración fai do curso?

Chamábame a atención esta rama e sempre o pensei en clave persoal. Pensaba que se o día de mañá miña avoa ou miña nai poden necesitar axuda ou coidados, estaría ben saber como facelo. Non pretendía máis ca iso, ter unha idea para, en caso de necesidade, poder darlle unha resposta á miña familia. O certo é que as expectativas que levaba víronse moi superadas.

¿En que lle prexudica que o curso non teña certificado de profesionalidade?

Eu só teño estudos de EXB, polo que para ter ese certificado á marxe do curso tería que obter previamente o título de Eso. Coido que se nos debera axudar tamén a poder conseguir estas titulacións para que non nos vexamos limitados no noso traballo. Se eu tivera o certificado de profesionalidade agora podería ter un traballo máis estable porque podería entrar en plantilla e non só cubrir baixas ou vacacións.

¿Que supuxo o curso para vostede?

Supuxo un antes e un despois na miña vida, non só a nivel profesional, que tamén. Descubrín que o traballo que fago se me da ben e que me encanta a rama que elixín. Poder axudar aos demais é sempre unha satisfacción.

¿Que papel cre que debe xogar a Deputación en relación co emprego?

Creo que se nos poden facilitar algo máis as cousas. Por exemplo, eu non son de Lugo e tiña que desprazarme a diario para recibir a formación. E teño dous nenos que estaban na escola a esa hora, pero hai que organizalo todo. Se hai alguén que non ten coche, isto representa unha limitación.

¿Como ve a programación e o deseño deste Pacto Provincial polo Emprego?

Fomos pouco a pouco. O profesorado e as prácticas funcionan moi ben, eu aprendín moito en pouco tempo. Creo que unha boa idea sería axudar na formación aos que non temos estudos e que non se estanquen en poucas especialidades, que propoñan novas saídas para atender novos nichos de mercado.

Comentarios