En Marea releva ás empresas que xestionaban as eleccións internas tras detectar irregularidades

Para a dirección da coalición existía unha "vontade de facer trampas", polo que son necesarias unha serie de medidas de seguridade

O Consello das Mareas decidiu este sábado cambiar ás empresas que xestionaban as eleccións internas de En Marea tras detectarse que se facilitaron claves para acceder ao censo de forma irregular.

A reunión na que se tomou esta decisión estivo marcada pola ausencia dos críticos, que decidiron non participar ao entender que se trata de "unha burla e unha estafa", segundo denunciou Daniel Calvete ás portas da sede da formación en Compostela, acompañado por Oriana Méndez e Paula Rodríguez.

As eleccións internas para elixir á nova dirección de En Marea debían celebrarse a principios de mes pero por supostas irregularidades no censo puxéronse en marcha dúas investigacións que revelaron entradas desde catro direccións IP, todas elas compartidas por militantes de Esquerda Unida, apuntaron.

Para a dirección de En Marea, segundo explicaron este sábado o portavoz de En Marea, Luís Villares, candidato a ser reelixido; o responsable legal do partido, Gonzalo Rodríguez, e as viceportavoces da formación, Ana Seijas e Vitoria Esteban, existía "vontade de facer trampas", polo que son necesarias unha serie de medidas de seguridade, que comezan polo cambio de empresas.

Con todo, para a dirección de Esquerda Unida, que non tivo acceso ás auditorías, esas "informacións son falsas" e, con elas, "atacan, difaman e calumnian" á organización que lidera a deputada Eva Solla.

 As dúas correntes enfrontadas no proceso de primarias de En Marea son a lista Coidando a Casa encabezada polo actual portavoz, Luís Villares; e Entre todas, liderada polo exdiputado nas Cortes David Bruzos e arroupada por Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas municipais da Coruña, Santiago e Ferrol.

Comentarios