En Marea apoia os funcionarios de Xustiza e pide o cesamento do director xeral de Función Pública

Villares reuniuse co comité de folga durante un receso da mesa de negociación

Representantes dos funcionarios de Xustiza despregaron pancartas este martes no Parlamento de Galicia. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Representantes dos funcionarios de Xustiza despregaron pancartas este martes no Parlamento de Galicia. LAVANDEIRA JR (EFE)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu este martes o cesamento do director xeral de Función Pública da Xunta, José María Barreiro, e apoiou os funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia que están en folga indefinida, que "teñen razón" coas súas "xustas reivindicacións".

Durante un receso da mesa de negociacións entre os representantes dos sindicatos SPJ USO, A Xustiza CUT, FeSP UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC OO e os directores xerais de Función Pública e Xustiza, José María Barreiro e Juan José Martín, na Escola Galega de Administración Pública (Egap), Villares reuniuse co comité de folga.

"Estamos aquí para apoiar aos traballadores de Xustiza nas súas xustas reivindicacións como fixemos no Parlamento de Galicia en decembro. Esixímoslle á Xunta de Galicia, e concretamente ao conselleiro Roda e a Feijóo, que escoiten as reivindicacións", detallou o portavoz de En Marea ante os xornalistas.

Considerou que o que reclaman os funcionarios "contribúe a mellorar o servizo público da Administración de Xustiza" e serve para "recuperar condicións laborais perdidas, recuperar postos de traballo perdidos e equiparar salarialmente aos traballadores", o que "redunda en beneficio do servizo público de Xustiza".

Mostrouse moi crítico co resultado da mesa deste luns, que coincidiu coa novena xornada laboral consecutiva de folga, cando os traballadores aseguraron que Barreiro lles dixo que se non estaban contentos coas condicións en Galicia, se fosen a outra comunidade.

"Consideramos inadmisible que despois dunha semana de folga onde os traballadores están a facer un esforzo moi grande para lograr unha mellora do servizo público, o único que teñen en fronte é a un director de Función Pública que os manda á emigración se non aceptan a oferta que fai a Xunta", continuou.

Por ese motivo demandou o seu "cesamento inmediato", pois sostén que "non pode estar á fronte da negociación alguén que ofrece aos traballadores emigrar no canto de facer o que están a facer, loitando polos dereitos que non só os seus, son os de toda a cidadanía galega, a ter unha administración pública e unha Administración de Xustiza que funcione ben", engadiu.

Villares pediu, ademais, "que se poña directamente Roda ao mando desta negociación" e "que sexa responsable porque o colapso da Xustiza é culpa de quen está a entorpecer o seu funcionamento diariamente con recortes en persoal, con recortes en medios materiais e facendo que os xuízos se demoren anos e anos".

O obxectivo é conseguir unha "xustiza áxil", pois cre que é "o que necesita a sociedade", nun contexto no que os funcionarios "non piden ningún privilexio" senón que reclaman "non quedar peor que estaban".

"Feijóo subiuse o soldo o ano pasado un 7,5% e aquí véñennos con recortes. Perderon máis dun 14 % de poder adquisitivo desde que empezou a crise. Queremos que recuperen o poder adquisitivo, que cando se poñan enfermos non sexan penalizados por iso, que se repoñan todos os postos de traballo perdidos e, ademais, que se lles pague polo traballo que fai", aseverou.

"É tanto pedir? Dixeron —agrega— que xa temos o mesmo PIB que antes da crise. Pois que se note. A recuperación económica ten que ser recuperación de dereitos e non admitiremos, desde as forzas parlamentarias, nin un paso atrás con respecto á reivindicación aprobada no Parlamento por unanimidade. Os traballadores teñen razón", declarou.

En Marea apoiará "ata o final" aos traballadores, e estará con eles "ata que consigan o que é xusto", que é a "recuperación dunhas condicións salariais e laborais dignas, que é o propio dun servizo público moderno e democrático", resolveu.

Comentarios