Marea Galeguista avoga por "un goberno progresista" na Xunta de Galicia

Aposta por impulsar unha "carta de dereitos cidadáns" que supoña o fin do "negocio dos coidados"
Pancho Casal. MAREA GALEGUISTA
photo_camera Pancho Casal. MAREA GALEGUISTA

O candidato á Presidencia da Xunta por Marea Galeguista, Pancho Casal, móstrase satisfeito e "orgulloso" da campaña electoral, "sen mitins", da coalición que se formou por parte de En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista. Asegura, neste sentido, que "non para de crecer", a pesar de "partir dunha condición moi débil", e mesmo afirma que terían posibilidades de lograr representación por Pontevedra e A Coruña. 

Cun programa que inclúe eixos como a "enerxía, feminismo, medio ambiente, servizos sociais e rural", Casal asegurou, nunha entrevista concedida a Europa Press, que a coalición, se é "decisiva", apoiará un "goberno progresista", pero cre que hai que "contar tamén coa xente que votou ao PP". "Non se pode gobernar de costas aos votantes do PP", manifestou. 

Após defender que as candidaturas de Marea Galeguista están conformadas por traballadores, non por "profesionais" da política, explicou que unha das liñas da coalición que lidera é que "se goberne desde o Parlamento, contando con todos e traendo ao PP ao consenso". 

"Que non haxa maiorías absolutas, que o PP estea na oposición. Cando o PP está na oposición ábrese máis a dialogar, senón nunca se prestarían apoiar unha lei de ingreso mínimo vital", puxo como exemplo Casal, que entende que hai que "gobernar desde o Parlamento" e "contar con eles, na -iso si- oposición".

"A nova normalidade ten que ser de todo, menos normal"

"EN NINGÚN CASO". Iso si, deixou claro que "non, en ningún caso" formaría parte dun goberno de Feijóo. "Non só vai de votar a Feijóo, senón de construír país, de cambiar as formas de facer política. Eu sufrín tres anos e medio de rodete e presentei unha lei contra a pobreza enerxética que me levou tres meses e que non me permitiron tramitar", lamentou. 

"Pero poderemos falar con eles, porque se non é presidente, Feijóo buscarase a vida nunha fundación ou consello de administración, pero nós non permitiriamos que fixesen con eles o que fixeron connosco. Imos deixalos falar, seguro que teñen cousas de interese que dicir", garantiu. 

En opinión de Pancho Casal, era "imprescindible un segundo debate electoral" como o que se celebrou o pasado luns na CRTVG. Ao seu xuízo, tamén lles permitiría dar a coñecer o seu proxecto, que diferencia do de Galicia en Común-Anova Mareas, a coalición na que están Podemos e Esquerda Unida e coa que confía que non haxa "confusión" de papeletas polos nomes.

"A NOVA NORMALIDADE, TODO MENOS NORMAL". "A nova normalidade ten que ser de todo, menos normal", salientou, na entrevista concedida a Europa Press, Pancho Casal, quen volveu a pór encima da mesa que Marea Galeguista "vai esixir 10.000 millóns de euros" dos fondos europeos para o desenvolvemento de Galicia nos próximos anos. Ademais, a súa formación política "garante" unha "sanidade pública, residencias públicas e unha educación pública de calidade". 

En canto ao BNG, lamentou que "leva tres anos pedindo" a transferencia da AP-9 para Galicia, pero desde que "pactaron con Sánchez a investidura, non falan" diso

Unha das cuestións que, asegura Casal, diferencia esta formación política do resto é que, a "diferenza" de Podemos e Esquerda Unida, "unha formación política centrada en Galicia, sen ataduras". 

"Imos ser moi esixentes, porque a mellor maneira de ser solidarios, é ser fortes", subliñou Casal, quen lembrou os orzamentos presentados por Pedro Sánchez que foron apoiados por Podemos en 2019 (aínda que despois convocáronse as eleccións porque non saíron adiante): "Galicia foi absolutamente esmagada. Non se pode repetir. Se gobernan eles sen depender de Marea Galeguista, non van vir a Galicia os 10.000 millóns de euros. É unha diferenza fundamental", explicou. 

En canto ao BNG, lamentou que "leva tres anos pedindo" a transferencia da AP-9 para Galicia, pero desde que "pactaron con Sánchez a investidura, non falan" diso. "Por iso eu chámolles o tripartito de Pedro Sánchez. Marea Galeguista non ten as mans atadas", remarcou Casal. 

Mentres, puxo ao candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, como cabeza dun goberno "de burócratas" e advertiu de que se goberna o dirixente popular, o Parlamento "seguirá amordazado", fronte á proposta da súa formación de "gobernar desde" a Cámara lexislativa. 

"Iso é o que vén trasladar a Marea Galeguista: capacidade de decisión sen mans atadas, un concepto de soberanismo cidadán, máis amplo que o BNG, sen considerar que haxa galegos bos e malos, amable", incidiu o candidato á Presidencia, quen avisou de que "os partidos do tripartido conseguiron derrotar ao PP só nunha ocasión" nos anos de democracia, polo que os convidou a "mirarse no espello.

Comentarios