En Marea escenifica unidade para arroupar a Noriega no terceiro aniversario do seu goberno

O alcalde santiagués xogará cos tempos para desvelar se opta á reelección e pretende anunciar a súa decisión no outono 

Noriega, con Beiras, Villares, Gómez Reino, Díaz, Quinteiro y Suárez, entre otros. EFE
photo_camera Noriega, con Beiras, Villares, Gómez Reino, Día, Quinteiro y Suárez, entre otros. EFE

A familia de En Marea case ao completo arroupou este sábado a Martiño Noriega no terceiro aniversario da chegada ao goberno da capital galega de Compostela Aberta (CA). Nun momento de incerteza e tensións internas no espazo rupturista a nivel galego, poucas figuras de referencia de En Marea faltaron na foto xunto a Noriega, que ten a intención de manexar os tempos de cara a desvelar se optará á reelección. 

A un ano para unha cita nas urnas na que a esquerda rupturista xógase a súa consolidación no mapa político galego, a carballeira de San Lourenzo acolleu a festa de aniversario de CA á fronte do Pazo de Raxoi. Unha cita que non se perdeu o portavoz de En Marea, Luís Villares, que chegou ao lugar acompañado por Xosé Manuel Beiras e algunhas das persoas de confianza do maxistrado na dirección do partido instrumental, cuestionada desde hai tempo por algunhas das figuras de referencia do espazo político. 

En Marea aparcou este sábado as diferenzas para compartir mesa ao redor de Compostela Aberta. Alí estiveron os deputados estatais Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Yolanda Díaz, ou os parlamentarios galegos Antón Sánchez, Luca Chao ou Paula Quinteiro, a quen puido verse compartir foto de grupo con Villares, que o pasado venres se resignou a que a deputada continuará no Pazo do Hórreo logo de tres meses dun pulso que avivou as tensións internas do partido instrumental. 

No acto participaron deputados estatais e autonómicos como Paula Quinteiro, quen compartiu foto de grupo con Luís Villares

Tamén acudiron a San Lourenzo o número uno de Podemos Galicia, Carmen Santos, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Así, a única ausencia destacable foi a do rexedor herculino, Xulio Ferreiro, que este domingo celebrará un acto similar ao organizado por Compostela Aberta e que servirá de aniversario polo tamén tres anos de goberno de Marea Atlántica. 

"Se somos capaces de bailar e de tomar un vermú, por suposto que seremos capaces de facer fronte aos desafíos políticos", asegurou Villares en declaracións aos medios á súa chegada, nas que apelou á importancia de transmitir unha mensaxe de "unidade" ao redor de En Marea e mostrou o seu desexo de que Noriega repita como candidato en 2019.

CANDIDATO EN 2019. Con todo, o alcalde santiagués pretende manexar os tempos e non desvelará a súa decisión até o comezo do novo curso político. Será no outono cando confirme se opta ou non á reelección. Noriega afirma que aínda non tomou a decisión e que esta será reflexionada de maneira "colectiva", á vez que recoñece que situarse na carreira á Alcaldía con moita antelación podería supor un 'hándicap', lembrando que en 2015 non desvelou o seu salto desde Teo a Santiago até pouco antes dun mes para a cita coas urnas. 

"Os tempos hai que medilos. Vou dar o período de reflexión que teña que dar; non é unha pose", remarcou, para logo teorizar con que os "tempos políticos non se viven como se vivían antes". "Nas últimas tres semanas pasaron dous presidentes do Goberno, tres ministros de Cultura e dous adestradores do Real Madrid", chanceou.

NORIEGA QUITA FERRO AOS "LIDERADOS PERSOAIS". Xa na súa intervención, fronte aos Villares, Beiras, Carmen Santos, Antón Sánchez ou Yolanda Díaz; o rexedor santiagués quitou ferro aos "liderados" persoais e enxalzou os "colectivos", sobre os que, segundo Noriega, debe pivotar o proxecto de unidade popular.

"Os liderados que non se poñen ao servizo da xente son onanistas, no peor sentido da palabra. Teñen que sintonizar cos intereses dos veciños", reivindicou o tamén membro de Anova, que chamou a "non pensar en liderados persoais" porque suporía "dar pasos atrás". "Non hai máis aló", pechou. 
 

Comentarios