"Marcoume sentir que as creacións culturais son propiedade de todos máis aló do seu valor catastral"

Casas seleccionadas para bienais, plans urbanísticos, tendas de moda, o altar para a visita de Bieito XVI, escenarios de teatro e televisión, restauracións históricas... A traxectoria de Iago Seara amosa unha inquedanza polo rol social, cultural e identitario da arquitectura

Iago Seara (Ourense, 1948). PEPE FERRÍN
photo_camera Iago Seara (Ourense, 1948). PEPE FERRÍN

Como se constrúe unha carreira tan variada como a súa? 
Non se pode entender a miña traxectoria nin os tempos que vivín sen asuntos como a formación privilexiada que tiven na Escola de Arquitectura de Madrid cunha xeración de mestres extraordinarios, nas beiras do goberno autárquico franquista e a necesidade de abrirse ao mundo occidental, que posibilitaron que esta xeración expresase nas súas feituras o reencontro co legado da arquitectura republicana e de entreguerras, o Movemento Moderno da Arquitectura. Aqueles mestres transmitían o papel da visión humanista da sociedade e o papel nela da arquitectura e o urbanismo, e compartían o compromiso coa resistencia cultural ao franquismo dende unha arquitectura formativa que se entendía dentro da transversalidade das diferentes artes. Logo, profesores máis novos atraíannos cunha visión máis social. E o movemento estudantil dirixíanos ao compromiso co uso e entendemento e vivencia do espazo público e a necesidade da reordenación do mesmo. De aí a miña elección da especialidade de Urbanismo.

Pero ao final foi tendendo cara ao patrimonio cultural. 
O exercicio de propiedade cidadá do espazo público e a emoción cultural son unhas das sensacións que marcaron a miña vida, pero sobre todo o meu devalar profesional. Sentir que todas as manifestacións culturais, materiais e inmateriais, mobles ou inmobles, son propiedade de todos nós máis aló do seu valor catastral, sexan ou non públicas. Despois, vivín a Transición ao rebufo da campaña para salvar o Teatro Principal de Ourense, un lugar da memoria cultural que resistira ao cine máis cutre do franquismo oficial. Este proceso foi determinante para ir escorando cara ao patrimonio cultural e a súa conservación e protección crítica. 

O seu afondamento na arquitectura de Galicia produciuse antes, durante o servizo militar.
Durante a mili en Parga obrigueime a recoñocer a expresión da resistencia do Movemento Moderno da Arquitectura en Galicia, matizada polo crisol da paisaxe urbana e rural, da man de arquitectos que nos anos 70 e 80 se esforzaban en buscar a sintonía coa paisaxe, o lugar urbano ou rural e a tradición recreada, resultando unha simbiose de arquitectura e constución permanente da mesma que me impresionou.

E por que entrou a formar parte da Administración autonómica? 
Entrei a organizar os servizos técnicos da incipiente Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta chamado polo entón director, Luis Álvarez Pousa. A decisión estaba xa moi meditada, pois o compromiso co Manifesto de Realidade Galega para a colaboración na galeguización de todas as institucións da nova orde constitucional obrigoume moito naquel tempo. Puiden participar na construción do edificio que ía albergar o Parlamento e no Centro Galego de Arte Contemporánea. Mereceu a pena, pero non tanto como o día a día dos doce anos nos servizos do Patrimonio Cultural Galego.

A arquitectura pode desenvolverse como arte na actualidade? 
Si, e moito máis agora que dende o Land Art o espazo é o soporte de todo tipo de manifestacións artísticas. Estas experiencias son un recordatorio á arquitectura de que esa é a súa razón de ser e do ser, e que debe ter presente que ten que resolver todo tipo de satisfaccións, fundamentalmente as máis imprescindibles para os sectores sociais máis necesitados. O dereito á vivenda é máis que un rexistro constitucional; é un dereito da procura da felicidade que deben priorizar as administracións equilibrando ao máximo o valor de uso por riba do valor de cambio, que hoxe é preponderante e que lle fai moito dano á arquitectura.

Que prezo pagaron a arquitectura e o arquitecto coa crise? 
Eu destacaría o maior equilibrio entre a nova creación e a conservación, a rehabilitación de toda clase de tipoloxías que constitúen un rico parque que estaba, e está, expectante para a súa rehabilitación, o que é unha obriga social e política. Hoxe son prioritarios a sustentabilidade, a sensibilidade paisaxística, as necesidades reclamadas dende procesos identitarios... Creo que a Xunta apostou forte neste senso cando interrompeu o proxecto da Cidade da Cultura. A transparencia nos procesos ou o aspecto social son valores que sempre debían terse en conta na arquitectura, na cidade e na paisaxe pero aos que a superficialidade de crer que unha época de bonanza ía perdurar nos fixo banalizar.

Proxectos como a Cidade da Cultura prexudicaron a imaxe dunha arquitectura, digamos, de prestixio? Non cre que máis que prexudicar á arquitectura de prestixio favoreceuna?
Por sorte, uns arquitectos deixaron de ser entendidos como tales cando a forza da razón descubriu que o rei do conto estaba espido. O exceso de imaxe e as desmesuradas feituras construtivas que non emanan da razón de ser e do ser do programa e servicio que, como arte social, debe conquistar unha edificación, non teñen sentido. Aqueles traballos chamaban a atención dos xestores políticos, pero só iso. Foi unha fase económica falta de reflexión na que se malgastou presuposto impoñéndonos traballos de arquitectos á moda, de falsa globalidade, cando a nivel local ou rexional estaba a tradición das auténticas razóns de ser das obras de arquitectura. 

Crer que ía perdurar a época de bonanza fixo banalizar valores sempre a ter en conta como o aspecto social ou a transparencia"

Con todo, é reivindicable unha dimensión estética da arquitectura fronte ao feísmo urbanístico? 
Non entendo por que non se supera dunha vez por todas esa percepción mistificada da paisaxe, o feísmo, e os novos elementos que intentan desestruturala. Son claramente feitos formais que están aí e que deveñen ás veces daquelas infraccións urbanísticas e outras da falla do exercicio das policías urbanísticas. Tamén está o feito de que grandes transformacións no mundo rural e vilego, coma a demografía, trastocaron os procesos devidos dende séculos e non se acomodaron aos novos valores, xa non tan funcionais e directos coma antes, ata parecer que as paisaxes e os seus elementos estruturadores son ruínas da paisaxe fundacional da que falaba Otero Pedrayo, ou tamén que a paisaxe rural e vilega devalou en grandes extensións e áreas de paisaxe etnográfica, en verbas de Carlos Casares. Polo tanto, o termo feísmo é unha groseira simplificación e unha mistificación do problema de fondo. O feísmo reducido ao tratamento dos edificios novos, a medio facer, mal acabados, ou a conxuntos duns e outros, non é a cuestión. O feísmo, máis ben, apréciase anacrónica e anarquicamente introducido á forza nunha paisaxe de fondos e longos procesos de humanización.

É un tópico inxusto en Galicia? 
Tan só é un feito ou proceso ao que se chegou por razóns económicas, demográficas, sociais... nunha época na que converxeron procesos demográficos que produciron un retorno desclasado ao rural e ao periurbano dende as vilas e da cidade. Tamén existía unha ausencia da cultura da paisaxe e do medio rural e vilego, e moito máis da cultura do patrimonio cultural e paisaxístico. Non é idiosincrático pero tampouco un tópico xeneralizable. Cada caso ten a súa biografía. Pero sobre todo é unha falla de seguimento e de políticas de culturización, de recuperación dos valores rurais, vilegos e patrimoniais polos concellos e a acción civil. 

O feísmo apréciase introducido á forza anacrónica e anarquicamente nunha paisaxe de fondos e longos procesos de humanización"

Que opina dos plans de catálogos estéticos e sancións da Xunta? 
Ogallá non fosen necesarios, pero estes plans, conxuntamente con medidas de enriquecemento cultural nos valores paisaxísticos e patrimoniais, son imprescindibles. Vexa o salto cualitativo que supuxo a legalización da categoría nova de Paisaxe Cultural dentro do ben de interese cultural galego ou o Atlas da Paisaxe Galega. A paisaxe colle así o seu lugar e esas medidas —ben razoadas e difundidas—, asumidas polos concellos de forma proactiva e apoiados por políticas ben deseñadas, conxurados todos nunha acción moral consciente, lograrían grandes resultados. Pero se non hai esta conxura proactiva de nada serven.

Os problemas do urbanismo galego son de base? Planéase mal?
O binomio urbanismo e xestión política do territorio son indisociables e a responsabilidade dun e doutro é compartible e coincidente á hora da planificación, pero este paradigma non exime aos propietarios catastrais. Se non existe converxencia na acción moral consciente, o planeamento non se remata e prodúcense as paradas nos procesos de elaboración. Teñen que encontrarse os intereses dos particulares cos intereses das colectividades, dos que os propietarios tamén se benefician acotío.

Son axeitadas medidas como o Plan Básico Autonómico para desbloquear o urbanismo nos concellos sen plan de ordenación? 
É un paso importante. Non importa que o gato sexa branco ou negro, senón que cace o rato. Dende esta perspectiva os concellos que foron incapaces de concretar un plan teñen unha solución tutelada pola Administración. Aínda que eu pediría unha reflexión crítica á hora de aplicalo nos conxuntos históricos, que non se axustarían ben co ordenamento se se aplicasen criterios xeralistas. Ademais, deberíanse acompañar de campañas sobre os valores identitarios, culturais e económicos da paisaxe.

Priorizar a rehabilitación en lugar da construción é unha solución para unha sociedade sustentable?
Si. Cando se fai moderada, a arquitectura acada os encontros que resolven, ou aparellan, as feituras do espazo construído. A arquitectura debe ser comprendida como a ordenación do espazo e/ou a súa construción, conservación e restauración. Se o sostible é o mantemento e a conservación preventiva dos feitos herdados, serviría a unha sociedade máis sostible física e culturalmente. Logrando cotas de sostibilidade económica maiores, a arquitectura reporta maior sostibilidade humanitaria.

Non é necesario xustificar os investimentos no Camiño"

En xeral, que tal se coida o patrimonio en Galicia? 
En xeral ben. A sensibilidade social xerou unha maior fidelización co Patrimonio Cultural que trae consigo unha maior caracterización e categorización do mesmo patrimonio moble, inmoble, territorial ou paisaxístico e, por riba, do patrimonio inmaterial que é soportado e evocado a través da materialidade. Hoxe esa caracterización e categorización devén daquelas organizacións de índole territorial e sectorial que, como expresión dunha maior sensibilidade ao medio ambiente natural e cultural, teñen unha mellor percepción dos bens e polo tanto das súas necesidades de conservación e transmisión. Este salto cualitativo e cuantitativo obriga á administración e á sociedade responsable a novos paradigmas de caracterización e conservación do patrimonio. Aínda que soe algo iluso a sociedade civil, as administracións e todos nós temos que posicionarnos no paradigma dunha colaboración natural que vaia máis aló. E habería, tamén, que tirar da liña do voluntariado especializado e do micromecenado. Todo un reto posible. 

Estes coidados están demasiado envorcados sobre o Camiño? Refírome a casos como a Torre dos Moreno en Ribadeo, que malia ser Ben de Interese Cultural (BIC) se atopa na Lista Vermella do Patrimonio pola súa degradación. 
Non é necesario xustificar os investimentos no Camiño, e moito menos se é Patrimonio Mundial. Ademais, os camiños, como unidades paisaxísticas que son, teñen asociadas as áreas territoriais que as soportan, co seu territorio histórico e as súas áreas de amortecemento, que son aquelas definidas polo soporte paisaxístico concibido como un todo, como unha área de especial interese paisaxística que vai máis aló do BIC e se amplía ao seu territorio histórico asociado. É máis que responsable a preocupación presupostaria das distintas administracións. Eu só sinto a falta da resposta de Europa, que non se percibe malia que concibe o Camiño como un manifesto material e espiritual que expresa unha exposición da identidade europea. Pola outra banda, o caso que nomea é un predio privado e, polo tanto, son os seus propietarios os primeiros responsables en mantelo, seguidos do Concello e, inaprazablemente, da Deputación, sen deixar de lado a responsabilidade subsidiaria das outras administracións. Na Lista Vermella de Hispania Nostra, polo risco que supón o seu estado de conservación, hai 26 bens en Galicia. Non son desexables, pero en relación coas distintas categorías, elementos e extensións territoriais patrimonializadas, que son enormes na comunidade, a cifra non é tan alarmante. Na Lista Negra —é dicir, con risco de desaparecer— non temos ningún ben.

Hai que facer fincapé tamén na sensibilización do cidadán? A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego denunciou a frecuente venda por internet de hórreos, que tamén son BIC.
Todas estas cuestións están reguladas xuridicamente. Soamente se pode suxerir, sabendo que estamos todos de acordo, que se dote e amplíe axeitadamente a policía que ten como obxectivo a protección dos bens culturais galegos.

Toda obra ten unha dimensión espiritual ou artística"

A restauración achégalle un grao de satisfacción semellante ao do deseño propio? 
Por suposto. É arquitectura pura e, polo tanto, a satisfacción de intervir nela é un exercicio de responsabilidade e de certa felicidade compartida: a da actuación nun ben público e cultural, co que significa de oportunidade de coñecelo mellor a través do proxecto, da dirección de obra e a memoria final e, todo iso, nun documento construído a escala 1/1. Un privilexio.

Desta herdanza pódense aprender cousas para a arquitectura contemporánea? 
Todas. Non hai mellor investigación sobre calquera dimensión da arquitectura. Trabállase sobre un feito positivo e non sobre mistificacións non desexables de informacións de terceiros, papeis ou fotografías... Ogallá estes procesos, tan directos, fosen transmitidos en vivo á sociedade, tamén expectante e interesada.

Moitos dos seus traballos enmárcanse nun ámbito relixioso. Como pode plasmar conceptos como a espiritualidade unha disciplina tan rotundamente física como a arquitectura? 
En todo proxecto e obra arquitectónica e nas feituras do espazo sempre se procura conseguir a evocación que emana do espírito persoal e do da comunidade a servir. Polo tanto, toda obra ten unha dimensión espiritual ou artística. Evocar un uso emocional é factible e, ás veces, obrigado, sobre todo cando se trata de intervir en espazos que xa son obxecto de procesos como a fidelización dunha comunidade —poñamos por caso a restauración da Virxe da Barca, en Muxía, un santuario altamente fidelizado pola xente, que quixo opinar sobre o resultado finalmente conseguido—. Todo xoga o seu papel aí: a luz natural, a textura dos materiais, o xeito de aparellalos, a cor, as proporcións, as dimensións... No caso tanto do escenario para a visita de Bieito XVI como da igrexa de Fontiñas partíase desa tradición inesquecible, pero tamén partín dun escoitar e deixar participar os sentimentos auténticos da comunidade que traballaban decotío na construción da súa parroquia, que era unha parroquia nova, a de Fontiñas.

Que grande obra lle queda?
Calquera que me toque afrontareina con prudencia, como fixen sempre, pero tamén como a grande obra da miña vida.

Comentarios