Manuel Gallego Jorreto obtén o Premio Nacional de Arquitectura

O ourensán xa gañara este prestixioso galardón hai máis de 20 anos

Manuel Gallego Jorreto. J. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Manuel Gallego Jorreto. J. VÁZQUEZ (AEP)

Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, Ourense, 1936), autor, entre outros, do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, foi galardoado este mércores co Premio Nacional de Arquitectura, un recoñecemento que xa obtivo en 1997 polo edificio do Museo de Belas Artes da Coruña.

O premio, dotado con 60.000 euros, está promovido polo Ministerio de Fomento.

OBRA. Gallego Jorreto, doutor arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, foi catedrático do departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e deu clases durante 40 anos.

A súa obra, segundo explica Fomento nunha nota, caracterízase por "un diálogo honesto entre os materiais tradicionais, os oficios e a modernidade".

O arquitecto, autor tamén do Museo de Arte Sacra da Coruña, é Premio Nacional da Cultura Galega e Premio na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

A obra do dobre gañador do Premio Nacional de Arquitectura caracterízase por axuntar modernidade e tradición e os seus traballos representan á mellor arquitectura galega contemporánea.

Entre os seus traballos destacan as vivendas unifamiliares de Corrubedo (1970), e de O Carballo (1979), o Complexo Presidencial de Galicia (2002), o Centro Cultural e o Concello da illa de Arousa (2005-2008), a lonxa de Lira (2008), o centro cultural en Ourense (2009) e o museo do Papel do Carballiño (2004).

Tras graduarse en 1963, traballou no estudo de Alejandro de la Sota até 1966, ano no que se incorporou aos servizos provinciais do ministerio da Vivenda na Coruña.

Entre os seus premios destacan a Medalla de Ouro da Arquitectura do Consello Superior de Colexios de Arquitectos.

ESTILO. O seu método de traballo, segundo contou el mesmo, empeza con anotacións escritas, non con debuxos, e logo con planos, esbozos e maquetas e non termina o seu proxecto ata que acaba a obra de forma que ás veces ten dúas solucións contrarias para o mesmo problema porque pensa que "os opostos sempre van ben".

Así, no Museo das Peregrinacións –ás costas do Obradoiro–, cando o proxecto xa estaba feito, cambiou de formigón a pezas de ferro, porque os camións que transportan o primeiro adoitan romper o pavimento.

Na súa opinión, se a arquitectura non permite "vivir e vivila" non é arquitectura, especialmente se se trata de vivendas e espazos públicos, e busca sempre o "compoñente doméstico".

Sempre en procura do desenvolvemento da cidade moderna e a construción na natureza, ten tanto traballos nos que pretendeu que as súas construcións "non se notasen" como aqueles en os que buscou a máxima expresión.

"A arquitectura –aseguraba na presentación da retrospectiva que lle dedicou a Fundación Barrié en 2016– non se pode explicar con palabras, é experiencia en estado puro. O fundamental é preguntarse por que as cousas son como son".

O xurado do premio, reunido este martes, estivo presidido por Elías Torres Tur e José Antonio Martínez Lapeña, premiados en 2016, e formado por Rafael Moneo, premiado en 2015, Manuel Blanco Lage, Luz Fernández de Valderrama, Fuensanta Neto de la Cierva, Luis Fernández-Galiano e Concha Barrigós e co director xeral de Arquitectura, Vivenda e Chan, Francisco Javier Martín, como secretario.

Comentarios