¿Mantéñense as citas médicas previas ao estado de alarma?

O Sergas avisará "sempre" a cada paciente dos cambios nas súas citas e potenciará a asistencia telefónica 

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) avisará "sempre" e de xeito "individual" a cada paciente sobre anulacións e cambios nas súas citas, tanto de atención primaria como hospitalaria, por mor da reprogramación prevista na declaración de emerxencia sanitaria para facer fronte ao coronavirus covid-19. Así o asegura a Consellería de Sanidade a través dun comunicado, no que tamén avisa de que se os usuarios non reciben ningún aviso será porque "se mantén a cita que xa teñen". 

A suspensión ou o adiamento tamén poderá afectar á actividade cirúrxica programada, aínda que se manterá a cirurxía oncolóxica, a de urxencia e a de pacientes máis graves. Ademais, optarase por "promover" a consulta telefónica "en todos os casos posibles", para evitar que a cidadanía acuda aos centros sanitarios, e potenciar a atención domiciliaria tanto para a recollida de mostras como para o teleseguimiento de pacientes, a través da plataforma Telea. 

En declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, garantiu que "toda a rede do Sergas se mantén operativa ao 100 por 100" para facer fronte a esta crise sanitaria, á vez que explicou que mantén "varias comunicacións diarias" tanto cos xerentes das áreas sanitarias de Galicia como co Ministerio de Sanidade e o resto de comunidades autónomas.

Sanidade asegura que se os usuarios non reciben ningún aviso será porque "se mantén a cita que xa teñen" 

HOSPITAIS PRIVADOS E AMBULANCIAS. Así mesmo, contactou con "todos os hospitais privados" da comunidade, que pasan a estar baixo o mando das autoridades durante o estado de alarma, para comunicarlles que "nos próximos días" se lles enviará instrucións de actuación "similares" á dos hospitais públicos. 

En paralelo, o conselleiro explicou que o director de Urxencias Sanitarias-061 se puxo en contacto coas empresas de ambulancias, tanto as que teñen un contrato en vigor con Sanidade como as que non, para "facer un censo" destes vehículos sanitarios e que estean "operativos e coordinados" co sector público. 

No tocante ás oficinas de farmacias, a Consellería de Sanidade permitirá dispensar medicamenos a domicilio a aqueles usuarios que residan en zonas rurais illadas, así como aos dependentes e enfermos crónicos "independentemente de onde residan". 

O Sergas tamén autorizará a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios dos pacientes ou que sexa un familiar quen a recolla nestes centros "para evitar o desprazamento" dos enfermos.

"ESFORZO" DOS SANITARIOS. Por outra banda, Jesús Vázquez Almuiña volveu manifestar o seu agradecemento ao "esforzo de todos os traballadores" da sanidade pública galega, "que nestes días están a ser un exemplo para todos".  O conselleiro tamén expresou as súas "condolencias" á familia do terceiro falecido con coronavirus en Galicia. Trátase dun home de 45 anos que contaba con patoloxía previa e que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). 

Comentarios