Un rexistro recolle xa varios centros de experiencias

As mans do voluntariado ambiental da Xunta chegan ata as Fragas do Eume

Unha experiencia experimental leva un grupo de oito mozos ao parque natural para contribuír á erradicación das plantas invasoras
Os mozos, cos técnicos, adícanse a errádicar as plantas invasoras que ameazan as especies autóctonas
photo_camera Os mozos, cos técnicos, adícanse a errádicar as plantas invasoras que ameazan as especies autóctonas

O programa de voluntariado ambiental da Xunta celebrou  a  xornada  que  rende homenaxe á entrega solidaria coas mans na masa. Decidido a facerse máis grande e a superar as barreiras das estacións, o proxecto chegou ao Día Internacional do Voluntariado —conmemorado o sábado— estreando a súa ampliación á tempada invernal e entrando por primeira vez nas Fragas do Eume, para contribuír ao coidado dun parque natural cun valor ecolóxico incalculable. Alí, para conservalo, estaban o sábado oito mozos, que seguirán ata o vindeiro día 11 sobre o terreo dedicados a erradicar plantas ‘invasoras’ para asegurar o futuro da vida autóctona.

O grupo púxose mans á obra o venres no marco do programa posto en marcha de forma conxunta polas consellerías de Política Social e de Medio Ambiente, que quixeron estar cos voluntarios no seu día. Por iso o sábado recibiron a visita das directoras xerais de Xuventude e, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de Conservación da Natureza, Ana María Díaz. Os mozos son unha avanzada do que pode ser un proxecto consolidado no futuro, porque forman parte dunha «quenda experimental» que leva o programa da Xunta máis aló da súa actividade habitual, en tempada estival, no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O equipo está dedicado estes días a tarefas de erradicación de plantas alóctonas, que nos últimos tempos ameazan especies como o carballo ou o castiñeiro. A iniciativa está coordinada por técnicos de Medio Ambiente e fai posible que os mozos, ao tempo que gozan dun espazo privilexiado, axuden ao seu coidado e mantemento. E nesa combinación está precisamente a esencia do programa da Xunta.

O programa autonómico, circunscrito ata agora ás Illas Atlánticas, esténdese por primeira vez á tempada invernal e a novos espazos

Os voluntarios teñen cuberta a manutención, o aloxamento e o material necesario para desenvolver o seu labor, ademais de contar cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Ao finalizar a actividade poden obter un certificado acreditativo e a súa actuación será inscrita como experiencia no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Ese ‘arquivo’ e o historial do programa ambiental evidencian que, como salientou Cecilia Vázquez,  na  sociedade  galega existe implicación e disposición para participar en accións solidarias e de voluntariado.

«Este programa fai posible canalizar a través do voluntariado a participación activa da sociedade no coidado e na conservación dos ecosistemas, ao tempo que permite aos voluntarios gozar dos parques naturais galegos e dos seus valores», sinalou na súa visita a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, quen valorou a axuda nas tarefas de recuperación da diversidade. Afondou nesa liña Ana María Díaz, para cualificar ese tipo de iniciativas de «imprescindibles» e destacar que implican a sociedade no coñecemento e na protección do medio ambiente, unha das principais liñas de actuación promovidas pola consellería do ramo.

O grupo das fragas recibiu o sábado, o Día do Voluntariado, unha visita das directoras xerais de Conservación da Natureza e de Xuventude

Illas atlánticas. Con eses resultados, a experiencia nas Fragas do Eume amplía un programa circunscrito ata agora ás Illas Atlánticas, que acolleron entre os meses de maio e agosto unha serie de actividades nas que participaron 291 voluntarios maiores de 16 anos. O seu labor —nas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, con catro accións diferentes— estivo coordinado polos técnicos do parque nacional e centrouse especialmente na colaboración en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna e flora, aínda que tamén foi máis aló.

De feito, algúns grupos serviron de apoio en tarefas de guía e de información, na limpeza de praias e na vixilancia de incendios, así como no apoio ás persoas con diversidade funcional que visitaron as illas Cíes, por exemplo.

Comentarios