Máis de 3.500 autónomos do comercio déronse de baixa no primeiro trimestre do ano

O constante goteo de peches de comercios en Galicia semella non ter fin. E se hai unha área na que este desangramento está especialmente presente é na Coruña, onde nos últimos dez anos, segundo datos da Federación Galega de Comercio, se pasou de 7.500 comercios a 2.500. “Unha traxedia”, afirma o presidente da Federación de Autónomos de Galicia, Francisco Javier Pérez Bello, xa que “o comercio de proximidade, ademais de dar vida, daba emprego e o diñeiro quedaba aquí, reinvestíase na cidade”.

Unido á crise global, o establecemento de grandes centros comerciais ás aforas que dispoñen
de aparcamentos e aglutinan moita oferta está matando o pequeno comercio. Só na Coruña hai once áreas deste tipo, tres abertas nos últimos tres anos, con Marineda City como máximo expoñente.

Mentres, os datos do pequeno comercio asustan. Os peches oficiais non se coñecen, pero só no primeiro trimestre deste ano 3.575 autónomos do comercio de toda Galicia déronse de baixa, o que adoita traducirse en baixadas permanentes de reixas, porque cada unha das pequenas tendas que iluminan as cidades pertence a un emprendedor sacrificado.

Desta cifra, a peor parte lévana A Coruña e Pontevedra. Na provincia coruñesa, entre xaneiro e marzo foron 1.851 autónomos os que abandonaron o sector do comercio, e en Pontevedra foron 1.171.

En Lugo e Ourense, con moita menos poboación, os peches son moito menores, pero tamén o é a densidade de comercios. En Lugo foron 260 os que pecharon e en Ourense, 293. 

ASÍ O VEN

"Importouse o americano e está matando o comercio": Francisco Javier Pérez Bello / Federación de Autónomos de Galicia

“A crise está afectando moito o comercio porque o consumo está baixo mínimos. Nas áreas de Vigo e A Coruña moi especialmente pola competencia doutras fórmulas comerciais, que ademais compiten entre si. Están matando o pequeno comercio. Importouse o sistema americano, cando o estilo de vida é moi diferente. Había que apostar polo europeo, cun urbanismo comercial coidado nas cidades. Aquí as típicas rúas comerciais están en vías de desaparecer ou quedar unha soa por cidade”.

"O único que pode facer o comerciante é subsistir": José Maía Seijas López / Federación Galega de Comercio

“O consumo descendeu moito e para o comercio é difícil subsistir.O consumidor non ten cartos. E o comerciante, se non vende, ten que botar man do seu diñeiro, co que chega un momento no que só dá perdas e a única solución é o peche. Esperamos que a finais de ano ou en 2013 empece a mellorar. O único que pode facer o comerciante é subsistir se ten con que. O comercio medrou demasiado, tanto o pequeno como as grandes áreas, pero o consumo non e agora estamos moi mal”.

Comentarios