Lores únese con varios alcaldes contra a "incautación" de remanentes por Facenda

O rexedor interveu nunha reunión telemática na que participaron mandatarios municipais como José Luis Almeida ou Kichi
20170314_ggarcia_237
photo_camera Fernández Lores. EP

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este venres nun encontro de alcaldes contra o criterio de repartición dos 5.000 millóns de euros que o Ministerio Facenda puxo sobre a mesa para aqueles concellos que lles cedan os seus aforros. 

O rexedor do BNG interveu nunha reunión telemática, convocado polo primeiro edil de Zaragoza, o popular Jorge Azcón, na que tamén participaron o alcalde de Madrid, José Luís Martínez Almeida (PP); o rexedor de Cádiz, José María González, Kichi (Adiante Cádiz- Podemos); o de Bilbao, José Mari Aburto (PNV); o de Granada, Luis Salvador (Ciudadanos); o de Lleida, Miquel Pueyo (Esquerra Republicana); o de Reus, Carlos Pellicer (Junts per Reus); o de Murcia, José Francisco Ballesta (PP); así como o de Santa Cruz de Tenerife, José Manuel Bermúdez (Coalición Canaria). 

Ademais, desculpou a súa ausencia neste encontro pero forma parte desta fronte común adheríndose ao acordo o alcalde de Valencia, Joan Ribó (Compromís). 

Deste xeito, conforman a fronte alcaldes de practicamente todos os partidos políticos excepto do PSOE, formación que aprobou en soidade a proposta que o goberno de Pedro Sánchez fixo á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O voto de calidade do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, rompeu o empate e o consenso que caracterizou a esta organización que representa aos concellos de España. 

Respecto diso, nunha rolda de prensa, Lores explicou que na reunión deste xoves os alcaldes expresaron o seu "rexeitamento" ao real decreto de Facenda derivado do acordo da FEMP "que consideramos inxusto, discriminatorio e que viola a autonomía municipal". 

Entre outras cuestións, piden "que haxa un financiamento directo independentemente da situación financeira dos concellos" para atender á situación derivada da Covid-19. 

Os alcaldes consideran "inxusto" o real decreto de Facenda

E é que, segundo advertiu o primeiro edil de Pontevedra, coa proposta da FEMP, "todos os concellos saen prexudicados porque, dalgunha maneira, están a facer unha incautación dos remanentes municipais". "Non é un acordo de repartición de 5.000 millóns, é un acordo de incautación de 14.000 millóns", sentenciou. 

Ademais, estes rexedores tamén reclaman "respecto á autonomía municipal" á hora de definir en que se gasta ese diñeiro. "Os concellos somos maiores de idade e sabemos que é o que temos que facer", dixo. 

No caso daqueles concellos que teñan superávit e conten con remanentes de tesouraría, este grupo de alcaldes demanda que se poidan utilizar "sen limitacións". Para iso, van solicitar "que se levante a regra de gasto, déficit e endebedamento" contempladas na Lei de Estabilidade financeira "polo menos durante o exercicio 2021". 

Ademais, piden que se defina "o acceso dos concellos aos fondos europeos", os 140.000 millóns cos que contará España procedentes do fondo de recuperación europeo.

TRASLADO AO MINISTERIO DE FACENDA. Este posicionamento será trasladado ao Ministerio de Facenda e farase unha invitación aos alcaldes de todas as capitais de provincia e dos municipios de máis de 100.000 habitantes "que queiran sumarse". Agora estes rexedores quedaron emprazados para unha nova reunión en setembro para facer un seguimento da súa iniciativa. 

O primeiro edil pontevedrés insistiu en que os concellos respectaron esa Lei Montoro que lles "imposibilitou facer investimentos e dar servizos aos cidadáns" e unha vez que o goberno locais acumularon aforros "agora, de súpeto, incáutanolos o Estado que durante todos estes anos aumentou dunha maneira exponencial a débeda". "Cando temos unha hucha non a podemos utilizar nunha situación de emerxencia", lamentou o rexedor nacionalista. 

No caso de Pontevedra son uns 19 millóns de euros a cantidade que atesoura como liquidez "que non podemos utilizar". Lores antes de asistir a esta reunión comunicoullo ao portavoz local do PSOE, socio no Goberno municipal "e non puxo ningunha pega". 

Finalmente, lembrou que o real-decreto debe pasar polo Congreso dos Deputados e é bastante improbable que teña apoios suficientes.

Comentarios