miércoles. 16.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 16.10.2019
El tiempo

Levantan a suspensión das primarias de En Marea e estudan unha nova data

Imaxe de arquivo de Villares na sede de En Marea. AGN
Imaxe de arquivo de Villares na sede de En Marea. AGN

Este mércores realizáronse as probas de seguridade coas novas compañías que se encargarán de supervisar as votacións

A Comisión de Garantías acordou levantar a suspensión sobre as primarias de En Marea que paralizaron as votacións, polo que o Comité Electoral prevé marcar unha data para as eleccións proximamente.

A decisión foi comunicada este mércores en rolda de prensa por Adrián Acción e foi adoptada con tres votos a favor, de persoas afíns á dirección, e un en contra, o de Manuel Nogueira, que sinala que é o Comité Electoral o órgano que ten que ter a supervisión e control do censo, que tería que ser desde o día 23 de novembro o Comité Electoral.

Despois de que o Consello das Mareas decidise relevar ás anteriores empresas encargadas do censo (Bisagra) e do sistema de votacións (Agora Voting) aducindo razóns de "perda de confianza" nas mesmas, este mércores realizáronse as probas de seguridade coas novas compañías.

A empresa Ledmon Mercadotecnia, tal e como informaron, foi a elixida pola coordinadora para encargarse tanto da xestión do censo como das votacións.

Os críticos denuncian que o sistema de proba demostrou irregularidades

A empresa tamén se encarga de implementar o sistema de verificación de voto vía sms, así como da incorporación dos nomes dos candidatos na papeleta electrónica e da actualización dos contrasinais de todos os inscritos. Á súa vez, tamén se contratou a Openkratio para actuar "como autoridade independente de control das votacións".

No simulacro participaron membros do Comité Electoral e das dúas candidaturas, dando por válido o sistema, aínda que terá que soportar variacións noutro simulacro que podería celebrarse esta mesma semana.

Iso débese a que os críticos denuncian que o sistema de proba demostrou irregularidades poñendo en evidencia que o novo proceso é "de xeito evidente de parte".

Segundo a súa denuncia, cando un tenta votar accede ao seu usuario e contrasinal de Medrando –o censo da formación– e programa leva a unha xanela que obriga a cambiar o contrasinal e despois dirixe a dúas votacións, unha para o Consello das Mareas e outra para a Comisión de garantías.

Con todo, tal e como censuran, esta páxina como "primeira opción e ocupando toda a pantalla" indica a lista de Coidando a Casa, liderada por Luís Villares, mentres que se ha de navegar para atopar a de Entre Todas que encabeza David Bruzos.

Para a comisión de garantías este problema é "provisional" e estase traballando en emendalo en aras de realizar "outro simulacro coa papeleta xa definitiva" en presenza de interventores de ambas as listas.

O Comité Electoral prevé reunirse para fixar a data dos comicios aínda que, polo momento, segue sen emendarse o feito de que na actualidade haxa 16 persoas que din formar parte dun órgano que só pode contar con 13. Así as cousas, desde o Comité sinalaron a Efe que tentarán fixar unha data de votación antes de que finalice o ano porque "o importante é votar". 

Levantan a suspensión das primarias de En Marea e estudan unha nova...
Comentarios