Leiceaga felicita a Sánchez pola "eliminación do ruído interno do partido"

"Ten por diante aínda dous anos de lexislatura" para defender o seu proxecto para o partido, sinalou

Xoaquín Fernández Leiceaga. EP
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga. EP

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, felicitou este luns ao secretario xeral do PSOE a nivel federal, Pedro Sánchez, pola "eliminación do ruído interno do partido" no primeiro ano desde a súa chegada ao cargo.

Para Leiceaga, o PSOE está agora "moito máis ordenado" que antes da chegada de Sánchez, quen -lembrou- "ten por diante aínda dous anos de lexislatura" para defender o seu proxecto para o partido.

Un ano en política "parece moito", engadiu o portavoz socialista que, a pesar diso, considerou que é "pouco tempo para facer unha avaliación do que está a suceder".

Fernández Leiceaga defendeu que "na competencia polo liderado no seo das forzas de esquerda, claramente o Partido Socialista de Pedro Sánchez está a gañarlle a carreira a outras formacións políticas".

Do mesmo xeito, terciou que se dan as "condicións adecuadas" para que, cun proxecto "atractivo e transversal", o PSOE poida conseguir destacarse como alternativa nas próximas eleccións municipais e autonómicas.

"Algo vai dicir sobre o rumbo que hai que tomar", agregou o membro do PSdeG sobre o futuro resultado destes comicios.

Comentarios