Jove lidera a sociedade de investimento para impulsar empresas galegas

Manuel Jove liderará unha sociedade de investimento que parte cun capital de 100 millóns de euros. Un fondo de capital risco acordado hoxe polo consello reitor da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, e que servirá para captar e promocionar proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega.

Ningún dos socios deste novo instrumento poderá ter uha participación superior ao 20% do capital, e a Xunta controlará un 5%, tal e como explicou José Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía. O proxecto non está pechado, polo que non quixo anunciar quen serán os accionistas desta iniciativa.

Tampouco especificou Manuel Jove, expresidente de Fadesa e principal impulsor da idea, quen contribuirá o capital do proxecto, aínda que confirmou que será un dos socio. Jove espera contar cun "gran grupo de empresas de gran nivel, incluídas as tres principais institucións financeiras de Galicia". As aludidas, Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor, xa comprometeron a súa presenza.

Comentarios