''Ourense es la única denominación oficial de nuestra provincia''

Tras nove meses á fronte do PP ourensán, José Manuel Baltar Blanco síntese cómodo afrontando a súa axenda provincial, que compatibiliza coa vicepresidencia do Parlamento. En clave ourensá, ten a mente moi posta nas eleccións municipais.

Pregunta: Seguen aumentando as afiliacións no PP ourensán?

Resposta:
Cada día estanse rexistrando oito ou dez novos afiliados, o cal é destacable, sobre todo porque veñen con ganas de participar e desenvolver un traballo político, fundamentalmente na cidade. Estamos constituindo un equipo que se chama Ourense 14, polo número de concelleiros que outorgan a maioría absoluta, coa finalidade de afondar no traballo político de cara ás municipais e facer un programa electoral feito con achegas de todos.

P:
Ao saír elixido dixo que a lealdade sería clave para as municipais. Como están a traballar?

R:
Mírase levar os mellores candidatos posibles en cada concello, os que conecten mellor cos cidadáns e que sexan capaces de desenvolver un mellor traballo. A principios de decembro agardamos ter ultimados os 92 cabezas de lista e falamos de superar o 30% de renovación nos candidatos. É un obxectivo que nos marcamos, que está saíndo espontaneamente cara os afiliados nas propostas que nos elevan as xuntas locais. É un avance importante e unha aposta que os cidadáns teñen que ver nun esforzo pola renovación de caras e de proxectos políticos.

P:
A saída da alcaldía de Isaac Vila ten algo que ver con deslealdades?

R: En absoluto. A saída de Isaac Vila, que está no comité executivo do partido en Ourense, haina que ver como un capítulo máis dunha reorganización interna dentro do grupo popular de Xinzo de Limia.

P:
Serán candidatos Juan Manuel Jiménez Morán, en Verín, e Antonio Rodríguez Miranda en Allariz?

R:
Absolutamente, xa dixen dende o primeiro día que unha cousa é a situación precongresual e outra o partido a partir dese momento. Ningún presidente provincial de ningún partido pode renunciar a empregar nos concellos aos seus mellores referentes políticos. Jiménez segurísimo que revalidará con maioría absoluta a alcaldía de Verín. Sobre Miranda, que é portavoz do grupo municipal da oposición e presidente do PP de Allariz, non hai razón pola que dende a dirección provincial se optara por designar a outra persoa. Todos queremos obter os mellores resultados.

P:
Cales son as súas expectativas nas municipais? Pode medrar o PP en Ourense?

R:
É a provincia con máis participación electoral e maior apoio ao PP. Movémonos en porcentaxes en torno ao 50% e a nosa aspiración é seguir movéndonos nesas porcentaxes, sendo conscientes de que a despoboación é un factor importante que pode minorar esa expectativa. Tamén o feito de que o voto emigrante se suprima. Pero o propósito é ser a forza maioritaria en Ourense, a provincia con máis participación e onde o PP teña máis apoio. 60 alcaldías, de 92, levan agora o calificativo popular. Agardamos superar ese número e manter a deputación provincial, que é a que di quen gaña as eleccións nunha provincia.

P: Iniciaron unha campaña nas cidades... É compatible o galeguismo que promulga o PP ourensán coa teima do 'L' do PP coruñés?

R: Non quixera facer casus belli deste asunto, pero eu teño claro que a lingua propia de Galicia é o galego. E non pasa nada por expresarme en galego ou castelán.

P:
Pero apoiaría o bilingüismo na toponimia, 'Orense'?

R: Ourense é a única denominación da nosa provincia e na situación actual, se queremos ser respectuosos coas leis, o din claramente. Que pode cambiar? Pode, non hai nada inmutable, tamén pode cambiar a Constitución.

P:
Como ve á oposición en Galicia?

R:
O socialismo está desnortado e o nacionalismo penso que está en caída libre dende que foron as eleccións autonómicas.

P:
E o asunto do transfugüismo? Irán tránsfugas nas listas do PP de Ourense?

R: Non creo que teñamos ese problema. En Trives houbo moción de censura pero o actual alcalde non será candidato e queda por resolver o tema de Calvos de Randín. Pero non podemos ignorar o dobre discurso. O PSdeG ten á fronte da súa escola de formación a unha persoa que se beneficiou dunha moción de censura, o senador ourensán Miguel Fidalgo. Hai algún discurso político que patina no PSOE.

P:
É o caciquismo un problema de Ourense?

R:
Iso lévao dicindo Pachi Vázquez e volverá co mapa do caciquismo nuns meses. No século XIX podía ter unha lectura correcta en todas partes, pero agora os cidadáns xulgan aos políticos nas eleccións.

Orzamentos
P: Estamos en época de orzamentar. Cre que os orzamentos, estatais e galegos, son xustos con Ourense?

R:
Todos queremos máis e os presupostos xerais son sempre papel mollado. Contémplanse investimentos e sabemos que a execución orzamentaria é nula e que gran cantidade de millóns quedan no papel pero non pasan ao terreo dos feitos. En Ourense está ben que se diga que somos a provincia na que máis se inviste per cápita, pero tamén me gustaría o cálculo por metro cadrado. Seguro que non saímos tan beneficiados. É a eterna visión dos orzamentos.

P:
E que di das contas da Xunta?

R: Son defendibles nun contexto de crise, actúa en todas as comarcas e supón investir máis que o Estado na provincia para 2011. Tamén se invistirán 15 millóns máis que no 2010.

P: Acertou Zapatero co cambio de Goberno?

R:
Penso que non tiña outra opción, pero non é un goberno para resolver unha crise económica, senón para vender o invendible.

P:
Hai acordo para que os emigrantes non voten nas municipais. Como se reflectirá nos resultados?

R:
Pode afectar nalgún concelleiro, pero á hora de conformar maioría non incidirá.

P:
E nas campañas?

R:
Non penso que haxa que ir só na búsqueda do voto. Hai que manter contacto con esa poboación.

Comentarios