José Luis Iglesias: ''El prognóstico de la anorexia no es tan bueno como la gente piensa; solo la mitad cura totalmente''

O doutor Iglesias leva dende os anos noventa tratando trastornos alimentarios e froito desta experiencia xurde Un pozo moi fondo, un libro que pretende axudar aos adultos a detectar a tempo este tipo de problemas. "Moitas veces os pais non poden controlar a vida dos seus fillos", recoñece este pediatra do Chus.Oo libro foi presentado a semana pasada en Santiago e está editado por Galaxia. É a primeira obra divulgativa deste especialista en pediatría e puericultura.

PREGUNTA: ¿Como xurdiu este libro?
RESPOSTA:
Unha das cousas que facía cando os meus pacientes levaban algún tempo de tratamento e estaban mellor era pedirlles que me escribisen como vían a súa experiencia e como pasaron a enfermidade. Así xunteime cun montón de escritos, e vin que había un sustrato estupendo para un libro.

P: Unha clave para detectar estes trastornos está nos pais. ¿Precisan moita axuda?
R:
É importante que, sen alarmismos, os pais teñan unha serie de conceptos para que non se retrase o diagnóstico e para darse conta das chamadas de atención cando van aparecendo. Cando unha adolescente de 14 ou 16 anos empeza a facer unha dieta restritiva, baixando calorías e facendo máis exercicio do que facía habitualmente, é unha chamada de atención e pode estar comenzando unha situación de risco. Os pais teñen que estar atentos. É perigoso porque unha porcentaxe destes rapaces teñen un trastorno e pode ser catastrófico.

P: ¿Como evolucionou esta doenza?
R:
Dende os anos setenta triplicouse a incidencia. Na actualidade dan entre 150 e 200 casos por cada 100.000 habitantes.

P: O título da obra é Un pozo moi fondo. ¿Hai saída?
R:
A frase é dunha rapaza que describía así a súa enfermidade cando se empezou a dar conta. Resúltaballe moi dificil saír. Certamente non dixo unha mentira, porque o prognóstico non é tan bo como a xente pensa. Só o 50% cura totalmente. Un pouco menos, un 30%, segue con algún trastorno relacionado. E hai un 20% de casos que se cronifican. É unha porcentaxe alta. A medio prazo a mortalidade é alta e moi precoz, unha cantidade a ter moi en consideración.

P: ¿É un problema exclusivamente feminino?
R:
A estadística é clara, as mulleres son nove de cada dez. A sociedade presionou durante moito máis tempo á muller co aspecto externo. Quizais os homes na última década estanse coidando máis, pero é unha cousa reciente.

P: ¿Pero tratan casos de homes?
R:
Os homes plantexan unha forma expresiva baseada non tanto na delgadez como na busca de maior musculación. Son máis de facer exercicio e pesas, e se adelgazan non teñen músculos nin graxa.

P: ¿Hai suficiente concienciación?
R:
A xente sabe que existe; outra cousa é que saiban o que facer. Si noto que, por exemplo, acuden a consulta con máis antelación. Hai dez anos podía chegar unha rapaza que levaba un ano ou máis tempo cun trastorno deste tipo. Agora veñen en tres ou catro meses. Pero moitas veces os pais non as poden controlar; comen no instituto e aínda que se salten unha comida non pasa nada.

P: ¿Hai algún caso dos que tratou que lle chamase máis a atención?
R:
Os primeiros casos impresionan máis. Recordo unha paciente que era unha rapaza guapísima. Cando a coñecín aínda tiña un peso aceptable, e o primeiro que me dixo, cunha cara angustiada, foi: "¿Doutor, vesme gorda?". Eu miraba para ela e pensaba que debería estar orgullosa, porque outra nesa situación sería a raíña da festa. Pero ela víase distorsionada. Isto demostroume que era unha enfermidade moi seria.

Comentarios