José Albela: ''Si el vodka se hacía con patata, ¿por que no elaborar uno?''

Tras anos de experiencia con licores, albariño e ata xenebra, unha destilería de Vedra, preto de Santiago, atrévese agora con Nordés, o primeiro vodka galego a base de pataca. O seu responsable de produción desvélanos os seus segredos.

P ¿Como xurdiu a idea de elaborar esta bebida?
R
Pensamos que, se o vodka nos seus inicios se facía de pataca, aínda que despois se foi cambiando a cereais como o trigo, ¿por que coa calidade de patacas que hai en Galicia non imos facer un?

P ¿Por que se deixou de usar a pataca na elaboración de vodka?
R
Non é que se deixara de usar; úsase moito menos polo seu custo, porque o produto final sae moito máis caro utilizando pataca que cereal. Os vodkas de pataca agora mesmo no mercado son moi escasos. Aquí a pataca é dunha extraordinaria calidade e pensamos que tiña que saír ben.

P ¿Só usan pataca galega?
R
Si, a pataca é sempre cultivada aquí. Esta é de Xinzo, pola cantidade que necesitabamos.

P Para facer un litro, ¿cantos quilos de patacas fan falta?
R
Máis ou menos con cen quilos de patacas podemos facer entre 15 e 20 botellas de vodka.

P ¿Pódese chegar a diferenciar o vodka orixinal polaco do galego?
R
O vodka é como todo: inflúe moito, moito, a materia prima. Teño probado vodkas polacos que eran moi similares ao que nos quedou, porque vodkas bos de pataca hai pouquiños, uns 15. Algo sempre se diferencian, porque a pataca que utilizamos xa non é a mesma.

Para todos os petos
O primeiro vodka galego elaborado con pataca saíu á venda por un prezo que rolda os 30 euros, similar ao da xenebra da mesma marca. A primeira produción é de 10.000 botellas, que se distribuirán sobre todo na comunidade galega, pero tamén en Portugal e outras provincias españolas.

“Sorprendeume moito o combinado de Nordés con tónica; faise moi agradable”

P ¿Onde aprenderon a facer vodka? Porque supoño que terá algún truco diferente.
R
Truco tampouco. O único é que aquí non hai unha cultura de destilado de pataca e parece unha cousa estraña, pero o proceso é sinxelo. Non houbo moito que aprender, só saber como parte unha elaboración de vodka por libros e a partir de aí tiñamos todo: tradición á hora de destilar, aparatos de destilación modernos e as patacas. Non nos faltaba nada máis que facelo.

P ¿Pode facerse durante todo o ano ou só vale algún tipo de pataca?
R
A vantaxe que temos coas patacas novas é que deixan moi ben a pel, que teñen unha pel moi finiña, incluso se son moi novas non hai nin que pelalas; con lavalas case lles cae a pel. A partir de agora, compraremos as patacas das máis novas.

P ¿Cantas probas tiveron que facer ata que deron co toque ideal para o vodka?
R
Co que fixemos probas foi con diferentes variedades de patacas. Eliximos unha cun alto contido en almidón. Si tivemos que decidir entre catro ou tres destilacións. Catro deixábano máis neutro e parecido ao que hai no mercado; e tres deixaban un produto máis diferenciador que lembra a materia prima. Foi o que quedou.

P ¿Con que combina ben este destilado?
R
Non son un experto en combinados, pero probeino e sorprendeume moito con tónica, cando pensei que só servía para os gin-tonic. O vodka-tonic empeza a estar de moda e gustoume moito porque se facía súper agradable. Tamén queda moi ben con laranxa e limón, os típicos combinados.

Comentarios