''Ni privatizamos, ni favorecemos a la enseñanza privada, ni reducimos profesorado''

Hai case ano e medio que Jesús Vázquez se fixo cargo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Cuestións alleas á súa xestión, como a crise económica, e a posta en marcha de novas iniciativas, como o decreto do plurilingüismo ou a elaboración dunha lei de autoridade do profesorado, marcaron esta nova etapa. Esta semana enfróntase a outro reto, o inicio dun novo curso en todos os niveis da ensinanza.

Pregunta: Este é o primeiro ano co decreto do plurilingüismo. Están atopando problemas na sua aplicación?

Resposta: O venres abriron o curso 1.090 centros e non temos constancia de ningunha incidencia. O importante é que houbo 73 solicitudes, e que 52 foron aceptadas.

P: A idea é ampliar este número...

R: Procuraremos que chegue a toda a poboación. É de salientar que están moi distribuídos. É certo que hai algunha zona sen ningún debido ao propio panorama educativo, pero hai centros plurilingües no rural, no interior.

P: Neste momento hai docentes en Galicia preparados para dar esas clases en inglés?

R: Hai moito profesorado que ten esas competencias. A proba é que 52 centros cumprían os requisitos. Evidentemente, hai que formalos. Imos ter que traballar.

P: No caso de que algún profesor se negue a cumprir o decreto será sancionado dalgún xeito?

R: O profesorado ten moi claro o seu papel. Moitísimos reaccionaron agora en contra das afirmacións dalgún líder político sobre a insubmisión, incluso non compartindo ideoloxía. Penso que foi un gran erro e que o BNG neste momento ten moita discrepancia interna sobre esa famosa chamada. Non hai ese problema. Podo dicir que a comunidade educativa viu con bos ollos este novo decreto.

P: Os ordenadores do proxecto Abalar non poderán estar listos segundo o previsto. Manéxanse xa novos prazos?

R: Estamos traballando coa empresa para buscar un arranxo. É un proxecto moi complexo, os ordenadores son só unha peza. Evidentemente, hai unha notificación por parte da empresa de que non vai poder traballar nestes primeiros días, pero esperamos que nas próximas semanas se poidan ir efectuando as entregas, pouco a pouco pero sen parar.

P: O presidente Feijóo anunciou que se poderá sancionar á empresa...

R: Unha vez que se incumpre o contrato a Consellería ten esa capacidade, pero tampouco quero demonizar. Parece que estás machacando. O importante é o éxito do proxecto, a partir de aí, a empresa será sancionada porque así se establece, pero repito que non quero demonizar a ninguén. O proxecto vai moito máis alá do que fixeron outras comunidades, que se limitaron a entregar uns ordenadores sen nada qu

P: Por segundo ano a FP supera á universidade na matriculación de novos alumnos, pero suprimíronse ciclos. Non é contradictorio?

R: Non. Haberá que ver cales son os ciclos que teñen demanda, porque son probablemente aqueles que están encartados na sociedade. Estase facendo un traballo moi duro. Neste ano e pico levamos máis de 20 currículos adaptados e imos poñer en marcha oito máis proximamente. Non se pode consolidar a ineficiencia, pero aí onde vai haber alumnos haberá incluso que duplicar turnos. Iso é traballar a prol da educación, non abrir por abrir. Puxéronse ciclos iguais en practicamente todas as vilas e institutos, co cal, agora non hai demanda e si doutros.

P: Supoño que a crise económica tamén afecta a esta consellería...

R: Afecta a todo o mundo. A situación económica que ven é dramática e todos temos que ser conscientes. A partir de aí, teremos que traballar de maneira que a calidade do ensino público non se resinta. O que aquí pasou é algo nunca visto, as políticas de despilfarro. En dous anos pásase de ter todo a que o recorte por parte do Goberno central sexa tal que, evidentemente, teremos que aplicar políticas de eficiencia, como estamos vendo.

P: A crise tamén planea sobre as universidades, que ademais estrea novo sistema de financiamento...

R: O día 20 haberá unha reunión para seguir traballando. A nosa proposta é acabalo este ano, para que nos presupostos xa figure e o ano que vén xa poidan estar traballando con este novo plan.

P: Algunhas universidades seguen queixándose de diferencias...

R: Pero esa diferencia de trato era co anterior plan. Haberá que traballar para conseguir unha universidade competitiva, máis eficiente. O actual Goberno non é responsable do anterior plan.

P: Tamén segue aberto o eterno debate sobre Medicina...

R: É un tema no que non vou entrar. Sorpréndenme moito estas liortas entre alcaldes do mesmo signo, a diferencia de postura do partido socialista, que dependendo de onde goberna di unha cousa. Este Goberno ten a mesma palabra dende o primeiro momento.

P: Que balance fai da súa xestión?

R: Foi un ano con cambios. Todo Goberno ten que decidir, e cando ve que algo non funciona apostar por outros modelos. É certo que son anos dunha dificultade engadida, porque estamos traballando cuns presupostos que nunca existiron. Por primeira vez os presupostos dunha comunidade caen e, por desgraza, van seguir caendo. Estamos intentando levar os recortes a partidas que non afectan directamente ao aspecto educativo, pero a situación é a que vén marcada e todo o mundo coñece. Traballamos con toda a ilusión e dende logo con lealdade e dicíndolle á xente a verdade.

P: A oposición chegou a pedir a súa dimisión...

R: En ano e medio que levamos no goberno comprobouse que nada do que se nos acusaba era certo. Nin se privatizaba, nin se favorecía máis á privada, nin se reduciu profesorado... Non vou facer política de educación, o meu servicio é á poboación, aos pais, aos alumnos, aos docentes e aos equipos directivos. Penso que en moitas ocasións quen máis di defender o ensino público estalle a facer un dano continuo non decindo a verdade, coa única intencionalidade de danar a un goberno.

Comentarios