Isolux Corsán e UGT volven á mesa de negociación do conflito do lixo

Contenedores repletos en Padrón (Foto: Otto.AGN)
photo_camera Contenedores repletos en Padrón (Foto: Otto.AGN)

A Consellería de Traballo media xa no conflito entre Isolux Corsán, a empresa encargada do servizo de Recollida Selectiva de Residuos Urbanos e do lixo orgánico nalgúns concellos, e os seus traballadores. Os empregados de Isolux están en folga dende o pasado domingo para esixir á empresa melloras salariais, de horarios e novos camións.

O departamento que dirixe Ricardo Varela convocou unha reunión para hoxe, para que representantes de UGT, sindicato convocante e da empresa concesionaria “senten a negociar e resolvan o conflito”. Fontes de UGT cualifican de “situación límite” a vivida polos municipios de Padrón, O Grove, Salvaterra e Tui.

A Consellería de Medio Ambiente, pola súa parte, non actuará como mediadora durante a reunión, tal e como pediu o rexedor de Padrón. Tampouco activará os servizos mínimos como esixe a empresa Isolux. Este departamento autonómico remítese “á Lei de Administración Local de Galicia e á Lei de Residuos Sólidos Urbanos”, que ditamina que “deben ser os propios concellos que adxudicaron a concesión á empresa” os que se fagan cargo do cumplimento destes servizos, mediante brigadas municipais.

Servizos mínimos, tema principal
Segundo o secretario xeral de Servizos de UGT, Ernesto Fontanes, a Xunta convocou a reunión para “esixir” a posta en marcha de servizos mínimos naqueles concellos onde o parón afecta tamén á recollida de lixo orgánico, e non para “a procura de solucións reais sobre a situación dos traballadores de Isolux”. Fontanes agrega que “aló onde hai recollida de lixo orgánico non é preciso servizos mínimos, xa que cos plásticos non hai risco para a saúde”.

A empresa concesionaria do servizo de recollida aproveitará a reunión de mañá para “instar ó sindicato” a que poña en marcha “estes servizos mínimos” en todos os municipios afectados pola folga de traballadores, pero non adianta información sobre a resposta ás demandas dos traballadores. “O único que dicimos por agora sobre a nosa postura é a esixencia de comezar cos servizos mínimos”, afirmou a portavoz de Isolux Corsán, Macarena Ramírez.

Sobre o que se tratará na reunión de hoxe, para os representantes do sindicato que ampara ós traballadores “o máis importantes son as condicións dos traballadores”. Segundo o portavoz de Servizos de UGT, José Vázquez, “os cidadáns merecen servizos de calidade, e esta calidade vai aparellada a que os traballadores teñan unhas condicións dignas”.

Plástico e lixo orgánico no mesmo contedor
“Os colectores de lixo orgánico xa están completamente cheos e hai un cheiro moi forte na rúa Tetuan”, comenta Marta Rodríguez, veciña do concello de Padrón, onde o paro afecta tamén á recollida de residuos orgánicos. Afirma que “moitos veciños botan o lixo en colectores de municipios limítrofes, como Rois, Pontecesures e Dodro” porque ó estar cheos os contedores, o lixo deposítase directamente no chan. Rodríguez sentencia que “a situación é moi grave e por iso a folga ten que rematar”.

“Algúns veciños están botando plásticos e o lixo orgánico na mesma bolsa”, expresou Juan García Fuentes, alcalde de Negreira. Este concello coruñés está afectado unicamente polo parón na recollida do contedor amarelo e onte amencía “impecable”, segundo expresou un veciño do municipio. “Non hai nin un papel fóra dos colectores, pero é que moita xente está tirando xuntos na mesma bolsa o lixo orgánico e os plásticos”, aproveitando que os contedores de residuos orgánicos se baleiran con normalidade.

O concello de Arzúa tampouco ten "moitos problemas co lixo”, declarou o seu alcalde, Xaquín García. “É un municipio pequeno, non hai moitos habitantes e a recollida de lixo non orgánico faise cando se chama á empresa, catro ou cinco veces ó mes”.

Comentarios