Isabel Faraldo: "Podemos non vai permitir que lle pidan que se retire ou o ninguneen"

A candidata de Podemos Galicia á Xunta tamén é administrativa sanitaria e sindicalista, a exconcelleira da Coruña defende a importancia para Galicia do proxecto de Podemos, cuxo "contrato coa cidadanía" é o que o diferenza do resto de forzas da esquerda. E sácalle importancia ás enquisas: "Nós imos xogar ata o último minuto"
undefined
photo_camera Isabel Faraldo Calvo (A Coruña, 1966).

Isabel Faraldo cre que Podemos Galicia vai de menos a máis nesta campaña, na que está disposta a reverter as enquisas, especialmente na provincia da Coruña, onde máis posibilidades teñen de entrar, afirma. Malia todo, non renuncian a un proxecto político para toda Galicia, co foco posto non só en derrotar o PP, senón a «reverter as súas políticas".

Que sensacións lle está deixando polo de agora a campaña electoral das autonómicas?
Moi positivas, a verdade, porque estou atopando unha xente moi entregada en cada acto. Cando empezamos, parecía que todo o mundo se preguntaba por que se presentaba Podemos a estas eleccións, mentres que hoxe ninguén o cuestiona. Estamos no ecuador da campaña e quedou claro que Podemos Galicia ten un proxecto potente e eu estou moi orgullosade poder encabezalo.

As enquisas sitúan por agora a Podemos lonxe de entrar no Parlamento. Vese con opcións?
Eu estou acostumada a que os partidos se xogan ata o último minuto. Nestes últimos anos, as enquisas poucas veces reflectiron a realidade das urnas, máis alá de que poidan acertar un gañador, pero non foron capaces de concretar cantos escanos terá cada un, por exemplo. Xa pasou no ano 2015, nas eleccións municipais, cando houbo partidos que gañaron alcaldías cando ninguén lles daba esa opción. As enquisas acábanas tumbando as urnas e nós imos xogar ata o final.

En que provincia terían máis preto entrar segundo os datos que manexa Podemos Galicia?
Na provincia da Coruña, aínda que en Pontevedra tamén podería ser. Pero sobre todo A Coruña.

Iso significa que renuncian entón a facer campaña electoral en Lugo e en Ourense?
Nós non renunciamos a nada. Temos catro candidatas, unha por provincia. E eu cando defendo a industria en Galicia, pois sempre poño o foco en Alcoa, unha empresa á que non podemos deixar caer e que está na Mariña de Lugo. E cando falamos das políticas relacionadas cos macroparques eólicos, falamos de toda Galicia, igual que ocorre por exemplo coa pesca. Pero hai que entender que é lóxico que se temos máis posibilidades de entrar na Coruña, potenciemos alí a nosa campaña.

Na esquerda hai quen os culpa de dividir o voto por non unirse a Sumar. Que lles diría?
Pois diríalles que en Podemos levamos dez anos nos que sempre unimos, apostando polas alianzas e polas coalicións. O que non podemos facer, como fixeron algúns, é pedirlle a Podemos que se retire do campo; nin a Podemos nin a ninguén, porque eu non vexo que lle pidan isto a outras formacións.

Somos un proxecto que sempre traballamos pola unidade e non imos permitir que tenten invisibilizarnos nin ningunearnos. Que diferenza a Podemos do resto de partidos da esquerda?
Varias cousas. Unha é o noso contrato coa cidadanía, que para nós é un contrato a cumplir e sempre o demostramos así en todos os territorios onde nos presentamos. Somos un proxecto transformador e iso foi algo que ás veces nos custou disgustos, pero para nós é imprescindible cumprir co que dicimos, con ese contrato que temos coa xente. Logo tamén somos diferentes en que dicimos o que outros calan, non somos politicamente nin socialmente correctos. E por último e quizais máis importante: de Podemos non se pode agardar xamais nin un só recorte que lle afecte á clase traballadora, nin unha perda de dereitos que lle afecte ao cidadán. E non poden dicir o mesmo outras forzas progresistas.

Que considera vostede prioritario para Galicia e os galegos se chega á Xunta?
Sempre digo que o prioritario, porque afecta a toda a cidadanía, e porque está en vías de extinción e de desmantelamento, é a sanidade pública, que por certo tamén é a máxima preocupación dos galegos. Ter 40.000 intervencións en espera, 9.000 persoas con problemas de saúde mental agardando cita, máis trinta centros de saúde pechados, 2.000 millóns restados á sanidade... Todo iso está custando vidas e é imprescindible revertelo. Á par, tamén está a situación da dependencia en Galicia, onde é tremendo ter de media de espera 365 días para unha valoración, e que máis de 500 persoas morreron esperando por dereitos que lles corresponden por lei. Isto é o primeiro que habería que resoler, pero a partir de aí hai moitas cousas que arranxar en Galicia.

Quedou satisfeita co debate electoral a cinco da CRTVG?
Moi satisfeita, a verdade. Sobre todo porque vin moita satisfacción arredor de min, e así unha sempre o ve mellor todo.

Quen lle gustou e quen a decepcionou máis tanto no debate como na campaña en xeral?
A verdade é que no debate non podo dicir quen me gustou máis porque estaba excesivamente concentrada no meu e tería que volver a velo. E despois, non sei se decepcionou, pero si que me impresionou a pouca estabilidade, a pouca fortaleza e a figura do señor Rueda. Penso que representou á perfección o proxecto que el lidera: desgastado e obsoleto.

Xógase moito Podemos como partido o vindeiro domingo nas urnas en Galicia?
Eu creo que quen se xoga moito é a cidadanía de Galicia. Non reverter as políticas do Partido Popular sería algo gravísimo para a comunidade, porque suporía outros catro anos de perda de dereitos e da perda de moitas posibilidades de avance e de progreso para situar a Galicia no lugar que lle corresponden. Nós temos que centrarnos niso, en ser capaces de botar o PP do Goberno e despois de reverter as súas políticas. Aí, nesa loita, atoparase sempre a Podemos.

Comentarios