Investiduras sen sorpresas

Javier Losada será o alcalde da Coruña os vindeiros catro anos (Foto: M.Pérez/AGN)
photo_camera Javier Losada será o alcalde da Coruña os vindeiros catro anos (Foto: M.Pérez/AGN)

Os novos alcaldes dos 315 concellos galegos tomaron posesión esta mañá, nunhas sesións de investidura caracterizadas polo 'acordo marco' entre o PSdeG e o BNG. Nas sete grandes cidades galegas o pacto mantívose sen incidencias, e os problemas chegaron da man das localidades máis pequenas onde varios concelleiros romperon a disciplina de partido.

Ourense, comezo dunha nova etapa
Ningunha sorpresa houbo na cidade das Burgas onde o novo alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez propuxo na súa investidura establecer un "pacto dende o primeiro día" con todos os cidadáns para aumentar a influencia de Ourense en Galicia mediante un "gran proxecto colectivo". Pola súa parte, o nacionalista Alexandre Sánchez Vidal será o tenente de alcalde.

Francisco Rodríguez logrou a alcaldía co apoio do BNG despois de doce anos de hexemonía do PP con Manuel Cabezas e Enrique Nóvoa á fronte da corporación municipal. Conseguiu 14 votos -8 do PSOE e 6 do BNG- fronte ós 13 dos concelleiros do PP. No seu primeiro discurso o rexedor socialista manifestou a súa intención de apostar por dar "máis oportunidades, máis emprego e máis vivenda ó alcance de todos" indicando que un dos grandes retos será a chegada do tren de alta velocidade.

Santiago, Coruña e Vigo: pactos de última hora
O socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo apostou hoxe por consolidar Santiago como terceira área comercial de Galicia coa ampliación da oferta de chan industrial, comercial, novas comunicacións e infraestruturas nos próximos catro anos. Así o sinalou no seu discurso de investidura como alcalde da capital galega, despois do acto de constitución da corporación local. O rexedor expresou, ó final do seu discurso, o seu agradecemento ós seus socios de goberno, os nacionalistas liderados polo que será o segundo responsable da entidade local e portavoz municipal, Néstor Rego, por reeditar o pacto que xa en 2003 selaran co PSdeG.

Os dous grupos presentaron hoxe tamén a súa proposta de reparto das áreas, nas que hai cambios para ambos partidos: o PSdeG controlará os departamentos de Benestar Social e Muller, Educación e Mocidade, Deportes e Normalización Lingüística, ata a actualidade en mans do BNG. Pola súa parte, as principais novidades para os nacionalistas son as áreas de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Rehabilitación e Cidade Histórica.

Na Coruña, o socialista Javier Losada foi investido alcalde esta mañá cos votos do PSOE e do BNG despois da constitución da nova corporación municipal. O candidato á reelección obtivo 17 votos fronte os 10 conseguidos polo aspirante do Partido Popular, Carlos Negreira. Os nacionalistas respaldaron finalmente a Losada despois de firmar a última hora de onte un pacto para formar un goberno de coalición.

Losada situou como metas estratéxicas da nova lexislatura a axilización das obras do porto exterior de Punta Langosteira, a transformación da fachada marítima da Coruña, a vivenda e a mellora do transporte público entre a cidade e a comarca. O pacto de goberno entre PSOE e BNG supón a creación de nove tenencias de alcaldía das que seis serán ocupadas por concelleiros socialistas e tres por edís nacionalistas.

O socialista Abel Caballero é tamén dende esta mañá o novo alcalde de Vigo, despois de recibir o apoio na sesión de investidura dos nove concelleiros do seu grupo e dos cinco edís do BNG que lle permitiron obter os 14 precisos -só un de vantaxe sobre o PP de Corina Porro- para lograr a maioría absoluta necesaria para facerse co bastón de mando. O tren de alta velocidade, a nova autovía entre a cidade olívica e Pontevedra e o desenvolvemento do aeroporto do Peinador e do porto estiveron entre os seus proxectos para esta nova lexislatura, xunto coa intención de converter a Vigo no centro da eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

Pontevedra e Lugo seguirán coas negociacións
En Pontevedra, o nacionalista Miguel Fernández Lores foi investido como alcalde por terceiro mandato consecutivo, co apoio dos seis concelleiros socialistas, que cumpliron co acordo marco firmado en Santiago entre PSOE e BNG respaldando a súa candidatura pese a ter chegado ó pleno de constitución da nova corporación sen un acordo de goberno. Os obxectivos prioritarios do novo goberno municipal serán as infraestruturas de mobilidade, a rede viaria e transporte e fomentar a economía xeradora de emprego. A candidata socialista, Teresa Casal, quen na xornada de onte manifestara xa o seu respaldo á candidatura de Fernández Lores, indicou que para obter un goberno máis estable, o BNG debe poñer máis da súa parte.

En Lugo, a abstención dos concelleiros do BNG posibilitou que José López Orozco obtivese o seu terceiro mandato consecutivo grazas ó apoio dos 12 edís do seu grupo. O  portavoz dos nacionalistas, Anxo Laxe, xustificou a decisión do seu grupo afirmando que "non queremos dar un cheque en branco". A pesares disto López Orozco agradecéulles o seu apoio explicando que "é necesario chegar a un acordo", facendo referencia ó pacto aínda non pechado. O luns ambos grupos volverán ás negociacións para intentar resolver as súas diferenzas no reparto de áreas dentro da corporación municipal.

En Ferrol cumpliuse o pactado
En Ferrol tampouco houbo sorpresas e Vicente Irisarri foi elixido novo alcalde de Ferrol, co apoio dos votos dos concelleiros de Esquerda Unida. No seu discurso de investidura, o socialista fixo referencia á figura de Pablo Iglesias á hora de conseguir levar a cabo un proxecto que "non só aumente a riqueza da cidade senón que se distribúa do mellor xeito posible".

Comentarios