Iker, a nena da curva e outras historias

Permítome tomarme unhas cantas licenzas para un tema serio abondo, pero vai ser que o vou facer porque penso que a xente ás veces non atende a razóns e si a supersticións e aínda segue crendo de sobremaneira no máis alá e demais fenomenos inexplicables pola ciencia, pola razón e non tendo en conta as leis e algo moi importante que se chama prevención de riscos laborais.

Así que, utilizando o medo como outros estados utilizan a cultura do terror, voulles falar dunha cousa. O caso é que pode que dentro de moi pouco tempo ou se cadra uns aniños, dependendo do caso, teñamos a Iker Jiménez merodeando por estes lares para observar e dar conta dos fenómenos paranormais que de seguro van acontecer nesta nosa terra.

O programa Cuarto Milenio terá material abondo para nutrirse no caso de vir a Galicia e non falo nin de meigas, nin de mouras na cova do tesouro, nin de figas e menos aínda de cruceiros.

Xa que andivemos estragando a paisaxe con fermosos bloques de cemento, que estouramos montes de granito a golpe de dinamita para que o AVE circule polo territorio e que o pouco achegamento que temos a Portugal se basea na man de obra e nas toallas...por que non xuntalo todo e facer cada día unha Galicia máis linda e máis linda e mellor e mellor. Por que non facer de Galicia a terra meiga por excelencia?

Pois vamos por bo camiño, estamos construíndo unha terra feiticeita a máis non poder e así seguirá se os inspectores de traballo non se aplican nos seus quefaceres. Cando o AVE entre en funcionamento (alá polo 2012?) pode que algunha pantasma vaia vagando de vagón a vagón lembrando a morte dun traballador durante as obras e pode que por Cerceda faga aparición outro, asustando aos pasaxeiros con historias de accidentes laborais doutros tempos.

Ao mesmo tempo nunha estrada de Castro de Rei apareceráselle a un empresario a Santa Compaña, desta vez coa Estadea á fronte cun sospeitoso acento portugués, lembrándolle os erros cometidos anos atrás.

En Taboada, tamén terán a súa pantasma particular, outro obreiro luso, que se lle aparecerá a todo aquel que a día de hoxe faga ouvidos xordos a todos estes accidentes laborais, mesmo ao que decide que a Garda Civil debe controlar aos portugueses e demais obreiros nas súas rutas de volta para casa e non aos empresarios que deciden que por facer horas de máis non pasa nada...

Nada. Pero lembren, Iker Jiménez anda xogando ás pantasmas, pero os mortos están mortos de verdade. A nena da curva seguro que o entendería.

Comentarios