"A igualdade alcánzase con investimentos e con políticas efectivas como as da Xunta"

Sandra Vázquez Domínguez cumpre tres meses á fronte das políticas de igualdade de Galicia, tempo no que comprobou a "implicación" de toda a Xunta para lograla, "desde os conselleiros aos secretarios e directores xerais". Os obxectivos principais son as cero vítimas de violencia de xénero, máis conciliación e corresponsabilidade e garantir os dereitos do colectivo LGTBI
Sandra Vázquez Domínguez. PEPE FERRÍN
photo_camera Sandra Vázquez Domínguez. PEPE FERRÍN

Sandra Vázquez resalta a aposta da Xunta por acabar coa fenda de xénero con orzamentos récord e algúns programas pioneiros no Estado, entre eles unha lei de igualdade en tramitación que se espera aprobar definitivamente nos próximos meses.

Cumpre tres meses á fronte da Secretaría Xeral de Igualdade. Que tal a experiencia?

Moi reconfortante e moi ilusionante. En tres meses vin todo o traballo que se fai desde esta secretaría e a transversalidade que ten a igualdade en todas as áreas do Goberno galego. Foron tres meses intensos, sen vacacións estivais porque era preciso poñerse ao día, pero estou contenta.

A súa predecesora, a tamén lucense Susana López Abella, levaba máis dunha década no cargo. Deulle algún consello?

Susana deume moitísimos bos consellos, pero sobre todo moitas ganas de traballar polos demais. É unha persoa que leva moitos anos loitando en prol da igualdade e cando colles a remuda de alguén así ponse a pel de galiña; pero confío en estar á altura.

Queda pouco de lexislatura. Que lle gustaría facer nese tempo desde a secretaría xeral?

Temos tres liñas importantes. A primeira que nos propoñemos todos na Xunta é cero vítimas de violencia de xénero. O Goberno galego lidera moitas medidas, sendo pioneiro nas axudas de 800 euros ao mes durante un ano para todas as vítimas. Incrementamos os fondos para loitar contra a violencia de xénero este ano ata os 20,5 millóns. Logo, unha segunda liña é sensibilizar no ámbito educativo, cultural e deportivo, aos pequenos e aos adultos, sobre a igualdade, a corresponsabilidade e a conciliación. Aquí temos un plan de 4,8 millóns orientado a entidades locais para que ofrezan servizos como campamentos, ludotecas, madrugadores... que son tan necesarios para permitir a conciliación dos que somos pais.

"A lei de igualdade galega contemplará as novas formas de discriminación vinculadas aos avances tecnolóxicos"

E a terceira liña?

A terceira é lograr a discriminación cero do colectivo LGTBI. Fomos pioneiros en pór en marcha unha lei para eles e queremos seguir loitando para que estas persoas teñan garantidos os seus dereitos. No Observatorio LGTBI analizamos varios informes que eran necesarios e agora, en base a eles, aplicaremos medidas.

A Xunta prepara unha lei de igualdade entre homes e mulleres. Que prazos manexa para aprobala e a que aspira con ela?

Neste momento está en trámite parlamentario e cremos que nos vindeiros meses poderemos aprobar esta lei, que é pioneira e busca blindar o compromiso de Galicia coa defensa integral da muller, impulsando o seu apoderamento e actuando neses ámbitos onde aínda existen esas desigualdades. E tamén contempla as novas formas de discriminación vinculadas aos avances tecnolóxicos.

O enorme peso da sociedade rural en Galicia fai que moitas mulleres sufran aquí unha fenda de xénero con características propias. Hai receitas específicas para o rural?

É certo que moita poboación galega vive no rural, eu mesmo nunha pequena aldea de Vilalba. Recentemente asinamos convenios coas catro federacións máis importantes de mulleres do rural e trasladáronme a importancia e o avance que supoñen estas medidas, porque moitas mulleres acuden a estes colectivos en busca de axuda, sobre todo na parte laboral. Tamén temos enriba da mesa o Plan Emega, no que incrementamos o orzamento un 10% ata acadar os 4,8 millóns e con catro liñas de actuación, unha delas destinada á conciliación; ou o Plan Corresponsables. O noso compromiso é con todas aquelas persoas que traballen pola igualdade, e especialmente no ámbito rural.

"Alguén que propón unha lei que beneficia os agresores e prexudica as vítimas e non rectifica non debe estar nun alto cargo"

Estamos en tempo de preparar orzamentos. Os de Igualdade medraron en 2023 máis do 40% ata rozar os 45 millóns de euros. A igualdade lógrase con investimentos?

Si que se logra con investimentos, pero tamén con medidas e políticas activas que ofrezan resultados en positivo. E eu doulle moita importancia a que a igualdade non só se basea na nosa consellería ou na secretaría xeral, senón en todas as áreas de goberno da Xunta. Todos os conselleiros, secretarios e directores xerais están realizando actividades en aras da igualdade, desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais ata o Plan Proxecta que temos con Educación, etc.

A fenda salarial segue presente en Galicia e cífrase nuns 5.000 euros anuais que cobran de menos as mulleres con respecto aos homes. Como se arranxa iso?

A lei pioneira que temos en tramitación pon as bases para intentar mediar sobre esa fenda, pero mentres tanto desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade non estivemos de brazos cruzados e lévase traballado moito nese sentido. Porque hai moitos empregos masculinizados que teñen maior peso económico e salarial, como o metalúrxico, por poñer un exemplo. E é aí onde queremos actuar. Traballamos sobre todo para explicarlle a todas aquelas mulleres que queiran emprender que non hai ningunha dificultade en que elixan un traballo tradicionalmente masculinizado. Esta mesma semana coñecimos en Silleda un exemplo dunha muller que, a través da Fundación Laboral, accedeu a un curso de formación para manexar excavadoras, un emprego fóra do ámbito feminino, e xa leva seis meses traballando. Pois é un exemplo do que se pode facer grazas ás políticas da Xunta.

Por certo, vostede sentiuse algunha vez discriminada, na política ou fóra dela, por ser muller?

Non, nunca. Pero sei e coñezo que pode haber ámbitos onde si ocorra, así que hai que seguir traballando. Que eu non sentira iso non significa que non pase, e se alguén o sentiu desde a secretaría xeral debemos traballar para que iso non suceda.

"O éxito da selección feminina é exemplo para moitas nenas, pero un feito que nunca debeu de producirse tapouno todo"

Hai certa alarma polo incremento de delitos sexuais, sobre todo entre a mocidade. En que fallamos?

É verdade que hai informes que reflicten un incremento das agresións sexuais. Temos que traballar, e xa o estamos facendo, como por exemplo na elaboración dun protocolo de agresións sexuais, sobre todo para o lecer nocturno, que está pendente de que os colectivos implicados lle dean o seu visto bo. E tamén está todo o que imos facer a través dos fondos Next Generation, que son os cinco centros de crise 24 horas para axudar a todas as vítimas de violencia sexual, situados en Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol e Santiago. Creo que é por aí por onde debemos traballar. Hai un problema e as administracións debemos atopar solucións.

O debate da violencia de xénero en España estivo condicionado pola lei do si é si. Irene Montero, a súa promotora, quere repetir como ministra se finalmente hai Goberno de PSOE-Sumar. Como o ve?

Basicamente unha lei como a do só si é si nunca estivo ben plantexada e está a ter uns erros fatais para as vítimas. Beneficiar os agresores e prexudicar as vítimas non debera de ser o obxectivo de ningunha lei. Eu pediríalle unha rectificación á máxima responsable de igualdade do Goberno en funcións, pero aínda non a tivemos. E penso que alguén así, que segue o camiño de beneficiar aos agresores e non as vítimas, non debera estar nun alto cargo dese hipotético Goberno que din que pode haber en España.

Ángela Rodríguez ‘Pam’, secretaria de Estado de Igualdade en funcións, acaba de dicir que os dous bicos de saúdo tamén son unha forma de violencia sexual.

Sinceiramente non comparto ese tipo de relexións desta dirixente. Cando eu saúdo a unha persoa, acepto se lle quero dar dous bicos, darlle a man ou directamente non a quero saudar. Non empecemos tamén a politizar algo tan tradicional como un saúdo. Defendo que se saúde a xente cando e como cada persoa queira.

A igualdade e a violencia contra a muller tamén protagonizaron o culebrón político deste verán co bico de Rubiales. Que opina?

Non debería terse producido toda esta néboa que tapa o feito de que a selección española feminina de fútbol sexa campioa do mundo. Ese tiña que ser o titular, e non outra cousa. Desgrazadamente, unha persoa, neste caso o señor Rubiales, que era dirixente da Federación Española de Fútbol, fixo algo que nunca debera ter acontecido. Pero insisto en que hai que poñer o foco en que temos a selección campioa do mundo, un equipo no que nos podemos reflectir como sociedade e que é un exemplo para moitas mulleres e nenas, que agora queren ser futbolistas, un deporte ao que eu tamén xoguei de nena e onde o pasaba moi ben. O resto é culebrón, un capítulo xa pasado que non debera ter ocorrido nunca.

"Sigo moi conectada á política municipal; o meu compromiso con Vilalba é inquebrantable"

Unhas papeletas deixárona en maio sen a alcaldía de Vilalba, que finalmente quedou en mans dun goberno de esquerdas. Logo, ela abandonou a acta de concelleira por ser incompatible cun alto cargo da Xunta. En todo caso, Sandra Vázquez deixa claro que iso non significa abandonar a política municipal. En Vilalba vive, ten a súa familia e alí naceu en 2020 o seu fillo Lucas.

Sorprendeu que deixara o Concello de Vilalba tras quedar moi preto da alcaldía. Por que o fixo?

O meu compromiso con Vilalba é inquebrantable e así o digo, sinceramente, porque me sinto moi orgullosa do pobo onde vivo e onde teño a miña familia. Non significa nada que agora leve a Secretaría Xeral de Igualdade, porque é para traballar por Vilalba e tamén por toda Galicia e iso é o que sente o meu corazón. Ademais, eu traballo man a man cos meus compañeiros de Vilalba: son a presidenta a nivel municipal e teño un grupo alí que traballa incansablemente. De feito, estas últimas semanas mantivemos reunións con colectivos como os enlaces sindicais pola folga de basuras que hai, ou cos pais e nais que teñen dificultades para conciliar, para ver o proxecto de Política Social de construír un punto de atención infantil cunha subvención de 120.000 euros e para o que o Concello debe ahora aportar o local.

Parlamento galego: "Aprendín moito nesa etapa na Cámara e teño alí grandes amigos; a secretaría é frenética, non sabes nin en que dia vives!"

Vexo que segue bastante conectada a Vilalba.

Moi conectada e moi orgullosa de todo o grupo municipal, da candidatura e do Partido Popular. Teño que agradecerlles a todo o traballo que fixeron, porque tivemos un resultado magnífico, pero un pacto entre perdedores impediunos gobernar. O PSOE sufriu unha gran perda de votos e nós quedamos a un puñado da maioría, así que penso que como lista máis votada teríamos que gobernar.

Bota de menos o labor parlamentario, no que estivo centrada nos últimos anos?

Son aspectos totalmente diferentes. Si que o boto de menos porque aprendín moito nesa etapa e teño grandes amigos alí, non só no ámbito político senón tamén moitas persoas que traballan no Parlamento e aos que lles gardo gran cariño, igual que a diferentes dirixentes doutros partidos, porque penso que por aí debe ir a política: polos grandes pactos entre grupos, dos que teño asinado algún. Agora, na secretaría xeral, é unha etapa máis frenética, nin sabes en que día vives! Pero estou moi orgullosa de dar todo de min para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, para traballar por todos os galegos. É un orgullo tanto para min como para Vilalba.

"Vexo o presidente moi cercano e activo, imparable, escoitando a pé de rúa os problemas dos galegos e dando solucións"

Que tal ve a Rueda logo do seu primeiro ano á fronte da Xunta?

Pois fago un balance máis que positivo. Soubemos saír dunha situación onde tiñamos de presidente a Feijóo e completamos un cambio perfecto e marabilloso, onde agora o presidente Rueda está a facer un traballo moi importante, sobre todo porque está a pé de rúa coñecendo os problemas dos galegos e ofrecendo solucións. Véxoo moi cercano e moi activo, imparable. Esta semana tivemos un acto onde puxemos enriba da mesa as prioridades da Xunta para os vindeiros meses e fixemos balance dun ano que foi frenético, co cambio de presidente e con dúas convocatorias electorais. Penso que Alfonso Rueda ten máis que un sobresaínte; ten unha matrícula de honra por seguir o camiño de Galicia e darlle solucións a moitos problemas en todos os ámbitos. Ese é o camiño que temos que seguir: non vincularnos aos problemas que teñen outros partidos senón resolver os que teñen todos os galegos, logo de saír dunha crise sanitaria moi difícil. Agora toca traballar para o que temos por diante nos vindeiros meses.

Comentarios