martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

"O home que ameazou con facerme o da Manada segue acosando con perfís falsos"

Aida Feal. EP
Aida Feal. EP
Aida Feal, unha rapaza de Ares, foi vítima de acoso polas redes sociais. O seu caso vén de acadar unha histórica sentenza, unha das primeiras que impón unha orde de afastamento por delitos de ciberacoso

Por ser muller e ter a mala sorte de topar cun infeliz nas redes sociais, Aida tivo que aturar ameazas como ándate con ojo ou te vamos a hacer lo mismo que la Manada. Aos seus 24 anos, esta rapaza de Ares está medicada polo trauma que lle provocou o seu acosador, que acaba de ser condenado nunha sentenza que crea xurisprudencia ao decretar orde de afastamento por un delito de ciberacoso. Eso si, hai dúbidas de que a multa, de 360 euros, surtira efecto co procesado, un coruñés de 31 anos ao que ninguén pon cara, pois evitouno ao non acudir ao xuízo. Aida conta o seu pesadelo.

Cando comezou o teu calvario?
O 25 de setembro de 2019. Esta persoa ponse en contacto comigo vía Instagram. Establecemos conversación e seguimos falando durante días por Whatsapp. O sábado desa mesma semana eu fun de festa cunha amiga e subín unha foto ao Instagram. Cal foi a miña sorpresa que el me recriminou que andaba de festa e non lle estaba contestando, que estaba pasando del. Empezou a insultarme. Collín e díxenlle que o sentía pero non ía soportar estes comportamentos nunha persoa coa que solo levo falando tres días. O que fixen foi bloquealo no Whatsapp, deixei o móbil e olvideime do tema. Pensei que ía ser un percance que ía quedar aí...

Entón comezou a súa campaña de acoso.
Si. Horas máis tarde volveu a contactarme por Instagram. Eu non lle contestei e, días máis tarde, o 30 de setembro localizoume por Facebook. Tampouco lle fixen caso e bloqueeino. Ao día seguinte volveu a carga, outra vez por Instagram, pero esta vez xa desvariando con ameazas moi graves.

Como cales?
"Te vamos a hacer lo mismo que la Manada", "uno tras otro", "ándate con cuidado", "no salgas mucho a la calle por si acaso... ".

E aí denunciaches.
Primeiro decidín falalo cos meus pais. Eu tiña moito medo porque non sabía ata que punto esta persoa podería chegar a cumprir esas ameazas. Estaba asustada e decidín denuncialo na Guardia Civil de Mugardos. O 2 de outubro interpuxen a primeira denuncia. Atendéronne moi ben e ao pouco xa me comentaron que era un perfil falso no que se agochaba un home de 31 anos da Coruña. El dixérame que era de Valdoviño [a uns 30 quilómetros de Ares].

Tranquilizoute saber que ao menos non o tiñas ao lado da casa?
Si, iso alivioume bastante. Díxenllo aos meus pais e foi todo ben ata que a finais de outubro me empezou a falar en oculto, con chamadas ás cinco da madrugada. A primeira vez non collín pero as dúas seguintes si. Nunha non se escoitaba absolutamente nada agás a súa respiración. Na terceira escoitei a súa risa e como me chamaba toxiño, polo meu nome en Instagram, que era toxo.

Moi inquietante e desagradable...
Si. E a partir de aí comezou a chamarme seguido, creou máis perfís falsos para seguir ameazándome e acosándome. Creou máis de 10 perfís entre outubro e febreiro. Eu facía capturas de todo porque xa o estaban investigando. Con iso póxenlle a segunda denuncia.

O acosador de Aida usa perfís falsos para que no o ppoidan recoñecer. E como non foi a xuízo, só a Garda Civil lle pon cara

E parou cando lle notificaron que estaba sendo investigado?
Non. A última vez que se puxo en contacto conmigo foi en xullo deste ano, pero non lle contestei.

Aí xa sabía que o ían xulgar.
Si. O 30 de setembro foi cando tiven o xuízo e non se presentou. Foi moi ben todo, a sentenza foi favorable e estou moi agradecida, tanto á xuíza como ás miñas avogadas, Maite e María José Pereira Beceiro.

Foi lento o proceso?
Ao revés, foi moi rápido. O primeiro xuízo ía celebrarse en xaneiro [de 2020] , pero el estaba mal citado e pospuxérono ata marzo. Logo chegou a pandemia e paralizou todo.

Sabes se á Garda Civil lle foi sinxelo dar con el?
Si. Rastrexaron a IP dos distintos perfís que lles mostrei e coincidían. Tamén lles axudou moitísimo que eu tivese o seu número de teléfono. Tiven a sorte ou desgracia de que el mo dera.

Toda lei ten a súa razón de ser, pero cres que quizais se debería expoñer máis a identidade de acosadores como o do teu caso para que o pensen dúas veces?
Así como estou dando eu a cara, que non fixen nada malo, creo que sería bo para as vítimas que se publiquen certas cousas. Non digo datos persoais, pero ao menos as fotos dos perfís falsos, para poñer en alerta a posibles novas vítimas. Porque a pesar da sentencia segue facendo o mesmo.

"Deberían publicarse fotos dos perfís que sege a usar para alertar así a posibles novas vítimas"

Segue acosando a máis mozas?
Si, segue a crear perfís falsos coas mesmas fotos, intentando falar con rapazas.

Entón podería haber novas vítimas.
Si.

Que mensaxe lle mandarías ás mulleres que se senten acosadas?
Denunciar non é fácil pero é o que hai que facer. Que as mulleres non pensen que están soas porque non é así, e menos que pensen que a culpa é súa, porque a culpa é da persoa que está facendo o mal.

Sentícheste arroupada?
Moitísimo. Teño a sorte de ter uns pais que me apoiaron desde o primeiro momento e compañeiros e compañeiras do meu partido político que me axudaron e me orientaron. E sen deixar que me afundira, porque eu a comezos de ano estiven con principios de depresión por todo isto.

Como estás agora?
Eu estaba ben ata que esta persoa comezou a acosarme. Tiven que pedir axuda psiquiátrica e a día de hoxe sigo medicada. Pero podo dicir que estou moitísimo mellor que hai uns meses.

"Agradezo moito a orde de afastamento, pero non me vale de moito porque non sei quen é"

Semella que todo nel era mentira. Nin de Valdoviño, outra idade... Ao principio sospeitaches algo?
Os primeiros días era un rapaz que falaba moi ben, estábamonos coñecendo. Foi a partir do día que estaba eu de festa cando dixen: aquí pasa algo. Foi cando empecei a sospeitar dunha conta falsa.

Como ten perfis falsos, non chegaches a verlle a cara?
Non, e iso e algo que a día de hoxe me segue dando medo. A min a orde de alonxamento paréceme moi ben, pero non me serve de nada se eu non sei quen é.

A lei é a que é. Pero pode parecer escaso que o teu caso se castigue cun delito leve de ameazas, o mesmo que se nunha discusión de tráfico un conductor insulta ao outro e lle di: Voute matar!

A min chegaríame a sentenza se servise para que el deixase de facelo, pero polo visto non serviu porque segue a crear perfís falsos.

"O home que ameazou con facerme o da Manada segue acosando con...
Comentarios