'Hai enfermidades profesionais da muller que pasan por doenzas comúns'

María Deben, delegada provincial da Consellería de Traballo na Coruña (Irene Molina. AGN)
photo_camera María Deben, delegada provincial da Consellería de Traballo na Coruña (Irene Molina. AGN)

A delegada provincial da Consellería de Traballo en A Coruña, María Debén, é unha das principales impulsoras da Lei de Traballo en Igualdade, unha normativa aprobada recentemente e que aspira a mudar a situación da muller nas empresas galegas, fomentando a igualdade e o impulso da presenza feminina en sectores onde son unha franca minoría.

P: ¿Pode unha norma abarcar algo tan amplo como a igualdade no traballo?

R: O marco normativo é un dos instrumentos máis potentes contra calquera tipo de desigualdade. A consellería púxose un listón moi alto, porque quixemos facer unha norma que abarcase todos os ámbitos onde esa desigualdade é manifiesta. Pero é unha lei pioneira que non hai en ningunha comunidade, e na que abordamos aspectos que son competencia exclusiva da Xunta. De feito, a lei é un instrumento, non un obxectivo en si mesmo.

Elaboración da lei
P: ¿Cal foi o paso previo para elaborar este texto normativo?

R: O primeiro labor que se fixo foi unha análise do mercado laboral, para ver como influía a condición de muller neste ámbito. Fixémolo en 2005, e atopámos un panorama moi preocupante. Preto do 64% dos desempregados eran mulleres. Pero en xeral, esa situación tamén se ve en aspectos que son máis difíciles de cuantificar.

P: ¿A que se refire?

R: Pois por exemplo, analizamos a presenza das mulleres en postos de dirección. E vimos que tampouco están en sectores como a educación, onde a maioría das traballadoras son mulleres pero os postos de dirección non os ocupan elas. Por iso cremos que con independencia de facer políticas concretas e específicas, hai que dar dous ou tres pasos máis adiante.

Saúde no traballo
P
: A Lei tamén inclúe medidas no eido da siniestralidade laboral. ¿Como está a situación na actualidade?

R: Pois sabemos que hai unha serie de enfermidades que afectan máis as mulleres, pola súa propia fisioloxía e desempeño profesional, e que nunca foron analizadas nin valoradas. É necesario facer unha análise da saúde e da seguridade laboral dende a perspectiva de xénero, e así obriga esta Lei. Moitas enfermidades que afectan ás mulleres traballadoras na práctica pasan como doenzas comúns.

P: Coa progresiva inclusión das mulleres no mercado laboral, ¿haberá novos problemas neste eido?

R: Analizando a problemática da siniestralidade, vemos que as mortes afectan principalmente a homes, porque se dan sobre todo en sectores como a construcción ou industria. No momento en que as mulleres esteamos aí tamén se dará iso. Por primeira vez, se analiza a problemática da seguridade laboral dende unha perspectiva de xénero.

Vida laboral vs vida familiar
P
: Unha das bases da lei é a conciliación. ¿Como está afectando a falta desta práctica nas empresas galegas?

R: Os labores de coidado e de atención aos dependentes son feitos na súa maioría por mulleres. Ese traballo invisible non foi contabilizado, e non se lles pode esixir ás mulleres que se sigan ocupando dos coidados dos nenos, e que ademais se incorporen en plenitude ao mercado laboral. Se non temos en conta que na distribución dos usos do tempo todavía non utilizan os criterios de igualdade, levaremos ás mulleres a unha situación moi dificultosa.

P: ¿E como se pode variar esta situación?

R: Indo por diante do que é a conciliación. A corresponsabilidade lévase a práctica cun montón de medidas. Por exemplo, establecimos na Administración galega un permiso de paternidade de 29 días, porque entendemos que os homes deben asumir como responsabilidade propia o coidado dos menores e dos dependentes.

Comentarios