"Ser xuíz achega seriedade na loita contra a corrupción"

"Haberá 'sorpasso' e será de En Marea sobre o PP"

O candidato de En Marea lidera unha papeleta asentada sobre dous piares, a xustiza social e a loita contra a corrupción, e que só contempla un final posible: a derrota das políticas de "recortes e sufrimento" de Feijóo
Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Cal é o obxectivo de En Marea?

Gañar as eleccións para representar á cidadanía de Galicia.

Por que debo votar a En Marea?

Por dúas cousas: porque imos acabar coa corrupción e faremos que a xente do PP que estivo roubando devolva ata o último euro, e en segundo lugar porque imos abrir unha nova etapa de xustiza social para que todo o mundo teña novas oportunidades en Galicia.

Primeiras medidas "Poñer todo ao servizo da Fiscalía para que quen roubou devolva o roubado e un decreto de garantías sociais mínimas"

 

E por que merece Feijóo non renovar a súa presidencia?

Porque todos sabemos que é o candidato da corrupción, dos recortes, do sufrimento e dos narcotraficantes, e por tanto non ten nada bo que ofrecer a este país.

Cal sería a súa primeira medida?

En loita contra a corrupción sería poñer todo ao servizo da Fiscalía para que a xente que roubou devolva todo o roubado. E, en materia normativa, un decreto de garantías sociais mínimas que se ocupe de tres aspectos fundamentais: da vivenda, para acabar cos 39 desafiuzamentos ao mes que se levan a cabo en Galicia; da pobreza material severa, porque hai 30.000 persoas que non teñen a oportunidade mesmo de cubrir as comidas con normalidade; e da pobreza enerxética, para axudar aos fogares que non poidan acceder a calefacción no inverno.

Na súa campaña, campos como a educación ou a sanidade tiveron bastante peso. En El ala Oeste de la Casa Blanca sostiñan que eran unha aposta electoral arriscada.

Todos aqueles que están en lista de espera ou que teñen nenos ou nenas en idade escolar comprenderán que son medidas moi necesarias. Necesitamos rescatar a sanidade e a educación para que volvan ser servizos públicos esenciais, o que nunca deberon deixar de ser.

Considera reforzar as competencias autonómicas de Galicia?

Xa anunciamos a nosa intención de desenvolver completamente o Estatuto de autonomía -ao que renunciou Feijóo, que non cre no autogoberno-, así como completar a transferencia de competencias que prevé a Consititución. Algunhas son claves para Galicia, como en vixilancia e seguridade marítima, en materia laboral para controlar o mercado de traballo, en tráfico viario e en dous asuntos que afectan á provincia de Lugo: a xestión de portos para que o de San Cibrao poida ser utilizado con fins comerciais e en transporte ferroviario para establecer un servizo de cercanías que vertebre a zona centro e sur co resto do país.

O interior e o rural "Que o candidato á Xunta se presente por Lugo indica a nosa visión integral de país"

Como se concilian as correntes nacionalistas de En Marea cun partido estatal como Podemos?

En Marea é un partido político que está en Galicia, só en Galicia e todo en Galicia. Non hai contradición ideolóxica. Todos defendemos un proxecto nacional que significa gobernar en todo o país e pensar en todo o país, sen deixar a ninguén atrás. Non como o PP, que gobernaba para os concellos que lle votaban, marxinando o resto.

Haberá sorpasso o 25-S?

Si, de En Marea sobre o PP. Estamos aquí para gañar as eleccións.

Parece que será necesario pactar. Está aberto a negociacións?

Estamos decididos a acabar coas políticas de recortes e corrupción do PP. Para iso chegaremos aos acordos que sexan necesarios. Só temos dúas condicións esenciais: o compromiso contra a corrupción e gobernar para maiorías sociais.

Influencia estatal "Nós, dende Galicia, evitaremos as terceiras eleccións amosando que é posible un espazo de entendemento"

Aceptaría pactar como vicepresidente ou só dende a presidencia?

Cremos que imos ser a forza máis votada en Galicia, polo que creo que chegaremos a ese proceso. E teñamos a condición que teñamos, garantimos un goberno de alternativas ás políticas de sufrimento do PP. En Marea vai abrir un novo ciclo en Galicia coa derrota de Feijóo, pero tamén en España. Porque nós, desde Galicia, evitaremos as terceiras eleccións demostrando que é posible un espazo de entendemento.

Feijóo reclama os votos de Ciudadanos e dos socialistas moderados. Entre afíns de que partidos tradicio- nais pide o seu voto En Marea?

Reclamamos o voto de todas as persoas fartas da corrupción e do saqueo, dos recortes, do sufrimento e que estean a favor de que se goberne en clave de xustiza social, de igualdade de oportunidades e de recuperar as institucións non para os amigos, senón para a xente e para que a xente sexa máis feliz.

Adoita achacarse a En Marea un marcado peso urbano e atlántico. Que medidas prevé para o rural e as provincias do interior?

Que o candidato á Xunta se presente por Lugo indica a nosa visión integral de país. O compromiso co conxunto do rural amósase coa aposta pola comarcalización dos servizos esenciais para que todo o mundo teña garantido o acceso, a unha distancia e un tempo razoables, á educación, á sanidade, aos servizos sociais ou ás políticas activas de emprego. De forma máis específica, fixemos unha proposta en relación á transformación da industria láctea, non como o PP, esperando a que as multinacionais nos veñan a facer a campaña, senón explicando o que e o como: cun investimento coordinado polo Igape máis os produtores de leite que lles gustaría sumarse e as industrias lácteas locais. Son propostas serias e cribles, como a revitalización do banco de terras para que se aproveite o agro e, por tanto, logo non arda o monte.

Comentarios