Habemus 'acordo marco'

"Haberá acordo marco no relativo ós concellos". Con estas verbas, e despois de máis de tres horas de reunión, o coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, anunciou ás nove da noite que PSdeG e os nacionalistas chegaran a un acordo nacional que sentará as bases para os gobernos de coalición que ambas formacións integrarán en máis de 70 municipios galegos.

Jorquera, que foi o primeiro en intervir, valorou que "foron negociacións traballosas, a comisión fixo ben os seus deberes, as dúas forzas amosaron sentido de responsabilidade e tiveron unha actitude flexible" co fin de superar as diferenzas que dificultaban chegar a este punto de encontro.

O resultado destas negociacións, que permaneceron rotas durante tres días, é un acordo marco "que as dúas forzas consideramos aceptable", segundo o nacionalista, que anunciou tamén que "o vindeiro luns asinaremos formalmente o acordo".

O pacto entre socialistas e nacionalistas afecta igualmente ás deputacións da Coruña e Lugo. De feito, Jorquera reiterou que "chegamos a un acordo para asegurar a gobernabilidade das deputacións", aínda que haberá que agardar á próxima semana para afondar en cuestións programáticas. Isto obrigará á comisión negociadora a reunirse de novo.

Filosofía bipartita: Da Xunta ós concellos
Pola súa parte, o secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, non dubidou en afirmar que "ámbalas dúas organizacións estivemos á altura das circunstancias que os cidadáns demandaban". Varela explicou que aínda queda pendente "un intercambio de documentos" para concretar acordos que si están definidos na "filosofía que ambas forzas compartimos", pero que non están incluídos "nos textos".

O BNG considera que se trata de “un bo acordo, que se axusta ó que defendimos dende o comezo das negociacións” e que permite trasladar a estrutura establecida na Xunta a máis de 90 concellos.

Un alcalde e un tenente alcalde
O “acordo marco” pretende impulsar en todas as cidades, salvo en Ferrol, gobernos de coalición nos que haxa un alcalde e un tenente alcalde con dous referentes políticos diferentes.

A Coruña e Lugo quedarían deste modo equiparados a Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo, aínda que o acordo establece que as negociacións locais poden introducir matices. No caso de Ferrol, un caso diferente ós demáis na que hai maior diversidade de forzas políticas na negociación, preferíuse deixar que sexa o ámbito local o que prime.

Uso preferente do galego e vivenda protexida
Hai un compromiso por parte das dúas forzas de camiñar cara un modelo territorial que impulse ás comarcas e ás áreas metropolitanas, a creación de emprego nos concellos e a cooperación coa Xunta en cuestións de benestar e igualdade. Asimesmo, chegouse a un acordo para o uso preferente do galego, de forma oral e escrita.

En canto á reserva de chan para a vivenda protexida, os concellos con máis de 20.000 habitatantes, alcanzará o 40%, quedándose no 30% nos máis pequenos.

Lugo e A Coruña, casos por concretar
Tanto Jorquera como Varela refugaron responder ás preguntas formuladas polo xornalistas, centradas en se este "acordo marco" aplicarase igualmente ós casos de Lugo e A Coruña, os que máis dificultaban as negociacións.

O nacionalista despachou o asunto indicando que iso saberase "o luns, que será formalmente presentado o acordo". Varela engadiu que "aínda temos que traballar nalgúns puntos" e aludiu a que "manifestamos en todo momento que os gobernos de coalición eran a fórmula máis estable, potente e eficaz de gobernación".

Comentarios