Os grupos parlamentarios continúan sen acordo sobre Ucraína

O BNG acusa o PP e o PSOE de usar aos "mortos" para atacalo, mentres que estes culpan os nacionalistas de negarse a apoiar o labor do Goberno e da UE
Olalla Rodil. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Olalla Rodil. LAVANDEIRA JR. (Efe)

Os grupos da Cámara galega continúan sen chegar a un texto de consenso para a lectura dunha declaración institucional de condena da invasión de Ucraína e o BNG acusou ao Partido Popular e ao PSOE de "utilizar a dor dun pobo, os mortos e os refuxiados" da guerra para atacar á súa formación.

Na xornada do luns, tanto o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, como o portavoz dos socialistas, Luís Álvarez, criticaron que os nacionalistas galegos non respondesen o texto consensuado entre ambas as formacións para condenar a invasión e apelaron aos nacionalistas a "condenar sen ambigüidades" a agresión ao pobo ucraíno. 

Este martes, o BNG trasladou aos restantes grupos un texto alternativo que, segundo sinala, xa foi obxecto de consenso entre todas as forzas políticas na Deputación da Coruña e acusou ao PP e ao PSOE de "utilizar a dor dun pobo, os mortos e os refuxiados desta guerra para atacar ao Bloque". "É o máis indecente en política que vin desde que estou neste Parlamento", sostivo a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil. 

En concreto, o texto do BNG inclúe catro puntos: Condena da agresión de Rusia a Ucraína e a total solidariedade co pobo ucraíno; petición dun inmediato alto ao lume e a retirada das tropas rusas do seu territorio; respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk, e traballar pola resolución do conflito no marco da Onu e da Osce; así como o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para alcanzar acordos de paz duradeiros. 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou que estean a utilizar este asunto para atacar ao Bloque. "Nada máis lonxe diso, non só incorporamos o texto do Bloque no que respecta á solidariedade do pobo ucraíno, o que pasa é que o BNG se nega a apoiar ao noso goberno, a apoiar á Unión Europea e a apoiar as decisións que se están adoptando", sostivo.

Fronte a iso, Pedro Puy asegurou que "é o momento de mostrar unidade e de mostra firmeza" como tamén coincide o PSOE. "Hai unha agresión, unha invasión contraria ao dereito internacional, a comunidade internacional na que nós participamos, os países democráticos, a través da Unión Europea (UE), a través da Otan, están a tentar dar garantías de paz e de seguridade aos países que están preto do conflito e, por suposto, introducimos na declaración unha proposta de axuda e solidariedade cos refuxiados", sinalou. 

Con todo, lamentou que o Bloque "non está polo labor de apoiar o que está a facer a Unión Europea e no que se está facendo no ámbito europeo e os países europeos". 
Ademais, o portavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez, advertiu que "o único que cabe de forma sensata" desde o Parlamento e fronte á invasión de Ucraína por Rusia é "apoiar aos organismos internacionais, á UE e á Otan, e ao goberno de España dentro das accións coordinadas co resto de institucións". 

O responsable socialista sostivo que a realidade é que "hai unha invasión a un terceiro país" por parte de Rusia en contra da legalidade internacional. "E ante isto só cabe unha resposta contundente, non cabe ningún tipo de medias tintas", asegura.

TEXTO ACORDADO ENTRE PP E PSOE. Así as cousas, o texto acordado entre populares e socialistas pide condenar "enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirase".

"Esta agresión supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países", apunta o texto que propón mostrar a "absoluta solidariedade" da Cámara galega co pobo ucraíno. 

Ademais, sinala que o Parlamento se manifesta "á beira do Goberno de España e da UE, reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos compartidos con Europa". 

"Expresamos o máis firme compromiso deste Parlamento coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da UE", apunta a proposta, que tamén propón apoiar o labor que as Forzas Armadas españolas.

Tamén apoia á UE para que se interpoñan as sancións necesarias co obxectivo de que se poña fin ao conflito ante estes feitos "tan graves que ameazan a paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns ucraínos". "E apoiamos á Unión Europea para que se interpoñan as sancións necesarias co obxectivo de que poidan ter algún tipo de efecto no goberno ruso de Vladimir Putin".

Por último, apoia mobilizar todos o recurso para acoller a refuxiados.

SOLIDARIEDADE DO PRESIDENTE DA CÁMARA. No pleno deste martes o presidente da Cámara, Miguel Santalices, trasladou a súa solidariedade co pobo ucraíno exhibindo no Hemiciclo a medalla que unha delegación da Rada Suprema de Ucraína obsequiou ao Parlamento de Galicia nunha visita efectuada en 2017. 

Comentarios