Jacobo Rey: "A gratuidade das escolas infantís chega nun momento clave e é algo irreversible"

Acaba de arrincar o primeiro curso da historia para os nenos de 0 a 3 anos con todas as garderías de Galicia gratuítas. Desde a consellería valoran esta medida pioneira, convencidos da súa eficacia á hora de conciliar e da súa importancia para a economía familiar cando os prezos están polas nubes. "Detrás de Galicia virán os demais", augura Jacobo Rey
Jacobo Rey. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Jacobo Rey. PEPE FERRÍN (AGN)

Como empezou o curso nas escolas infantís galegas?
Por agora todo perfecto. O que pode xerar máis inquedanza ou dúbidas é que as familias non coñezan como funciona o sistema de gratuidade, pero como todo o tramitan a Xunta e as propias escolas, é moito máis doado.

Que lle trasladan as familias?
Que están moi contentas. E a satisfacción é aínda maior porque non só é implantar a medida, senón o momento no que se fai: coa inflación a máis do 10%. Os galegos sofren un aumento do gasto que non é culpa da Xunta, pero non podemos ser alleos e por iso actuamos con medidas como esta gratuidade, que supón aforrar entre 1.500 e 2.000 euros por familia ao ano ou, o que é o mesmo, inxectar eses cartos no fogar.

Incrementou esta gratuidade a matrícula nas garderías?
Si. Xa o notamos na reserva de prazas en privamera. O ciclo de 0 a 3 anos é diferente ao resto da etapa educativa, porque a matriculación é constante ao longo do curso, a medida que nacen nenos; e tamén porque non todos usan as escolas no nesmo horario. Pero malia a iso e á caída da natalidade, si detectamos casos de familias que non ían usar escola infantil e que grazas á gratuidade si o farán; ou que usaban horario reducido e pasan a xornada completa, o que lles dará máis facilidade para conciliar e incluso para non ter que renunciar a un traballo. Porque somos conscientes de que a escola infantil é unha ferramenta clave de conciliación, unha tarefa que hai 40 anos facían avoas, tías e nais, algunhas renunciando para sempre á súa carreira laboral.

Coas escolas infantís e as 95 casas niño, hai cobertura dabondo en todo o territorio galego?
Ao incorporar na gratuidade as escolas privadas e de iniciativa social, que funcionan como un concerto, a cobertura é total. Onde máis dificultades había era nos concellos pouco poboados que non tiñan gardería nin nenos dabondo para abrir unha. Pero iso combiou en 2016 coas casas niño, coas que chegamos a sitios onde non había ningún recurso. Estiven hai pouco en Navia de Suarna, Triacastela e Samos, onde hoxe hai casas niño, pero antes tiñan que desprazarse a escolas infantís de Becerreá ou Sarria. Consideramos que coas 32.000 prazas actuais damos cobertura total aos galegos, aínda que hai que lembrar que o ciclo de 0 a 3 anos é voluntario.

A gratuidade tirou da matrícula e aínda que pode haber algunha lista de espera, non nos consta que haxa nenos sen plaza

Hai sitios con lista de espera?
Só onde hai máis demanda, como nas grandes cidades, especialmente en Vigo. Pero o noso plan é aproveitar este curso, o primeiro coa gratuidade extendida ao 100% das escolas, para analizar como se comporta a demanda en función da oferta que temos e, en base a iso, ver onde hai que abrir máis escolas ou ampliar as que temos. Antes de poñernos a abrir centros sen razonamento temos que ver como se comporta a demanda.

Pero hai risco real de que quede algún neno sen plaza?
Non temos constancia de nenos que queden fóra ou non teñan un recurso á súa disposición dentro de toda a oferta. Unha familia pode estar en lista de espera dunha escola pública, pero poder mentres estar usando unha praza privada. Se alguén quedase fóra tomaríamos nota para ampliar prazas.

Dixo o presidente Rueda que esta medida "quedará para sempre".
É unha medida incluida na Lei de Impulso Demográfico de 2020 e como toda medida no ámbito da conciliación e a natalidade, ten que ser estrutural e non improvisada. Non pode ocorrer o que pasou co cheque bebé de Zapatero, que se aplicou en 2007 e 2008 e logo el mesmo o suprimiu en 2010. Neste caso concreto é unha medida estrutural con vocación de permanencia e non teño dúbida de que é irreversible.

Interesáronse noutras comunidades pola proposta galega?
Si. Varias preguntáronnos e outras non preguntaron pero vemos que están implantando esa gratuidade de forma parcial: na franxa de 2- 3 anos, só en centros públicos... Todos van dando pasos e está claro que detrás de Galicia virá o resto.

Non podemos obrigar á xente a ter fillos, só axudarlles se os teñen; e sen as medidas aplicadas a situación sería aínda peor

Citou a Lei de Impulso Demográfico de Galicia. Foi a primeira se España pero naceu entre fortes críticas da oposición.
Lamentablemente! Hai tres leis de ámbito demográfico en España: a galega, a de Castela-A Mancha e a de Estremadura. As dúas últimas aprobáronse por unanimidade, pero en Galicia tivo o voto en contra do resto de grupos. A min doeume por varias razóns: porque en outros sitios os partidos si tiveron visión dabondo para ver que non era un asunto político, porque se incorporaron achegas da oposición e porque obxectivamente non hai unha soa medida na lei que poda ter o voto en contra de BNG e PSdeG. Pode haber alguén en contra da gratuidade das escolas infantís? Ou das casas niño para o rural? Aquí non houbo oposición ás medidas contidas na lei, houbo oposición política á Xunta.

Impactan as medidas de conciliación na natalidade?
As medidas máxicas de impacto directo na natalidade non existen. Se as houbera xa as terían tomado hai tempo en Xapón, onde sofren problemas demográficos e de envellecemento desde hai décadas. E por que non existen? Porque a decisión de ter un fillo é estrictamente persoal e ningunha administración ou goberno ten capacidade aí. Nin podemos nin queremos dicirlle á xente que teña fillos, pero si reforzamos a mensaxe de que, se queren telos, contarán co apoio da Xunta. Iso é no que traballamos.

E funciona?
É moi difícil saber se alguén tivo un fillo porque a Xunta lle axudou, pero do que si temos certeza é de que as familias coñecen ese apoio da Administración desde o momento no que reciben a Cesta Benvida. E tamén temos claro que, de non existir estas medidas, a situación sería moito peor. E non só no referido á natalidade, porque a demografía ten outras vertentes como o retorno, que é a nosa capacidade para captar xente de fóra. Ata a pandemia tivemos cifras espectaculares de xente que veu vivir a Galicia e grazas a iso a comunidade gañou poboación en 2019. Logo a pandemia cortou os fluxos migratorios, pero na Lei de Impulso Demográfico tamén hai políticas e medidas de retorno e seguiremos nesa liña.

Por que é tan complexo reverter a curva negativa da natalidade?
É un problema poliédrico que ten moitas razóns. O Ine preguntou nun estudo ás mulleres por que non tiñan fillos e non había unha causa que aglutinara as respostas: porque non querían, por problemas económicos, pola conciliación, pola falta de rede familiar, pola idade... Eran moitos factores e, por riba, cada territorio ten as súas particularidades. Por iso é algo moi difícil de abordar.

Segue a Tarxeta Benvida e chega a gratuidade das escolas infantís. Hai máis medidas nesta liña?
Estamos potenciando o Bono Coidado, que ten aberto o prazo de solicitude este mes e co que cubrimos parte do gasto de conciliación fóra do periodo lectivo: ata 200 euros por neno para axudar a pagar os campamentos de verán e outras actividades.

Comentarios