Miércoles. 24.04.2019 |
El tiempo
Miércoles. 24.04.2019
El tiempo

Gonzalo Caballero: "Os socialistas son o mellor para Lugo; enfronte non hai nada"

Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975). PEPE FERRÍN (AGN)
Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975). PEPE FERRÍN (AGN)

Solta as palabras con moita prudencia, a mesma coa que dá pasos á fronte do socialismo galego. Caballero cre que "non cometer erros" e traballar é o pasaporte para que o PSOE reconquiste a Xunta en 2020

 

Gonzalo Caballero: "

O economista vigués mantén a súa intención de seguir na universidade, quítase presión de cara ás municipais e déixase querer para ser o candidato á Xunta.

Vai facer medio ano á fronte do PSdeG. Cambiaron xa cousas no partido nestes cinco meses?

Empezamos a facer cambiar as cousas. Estou satisfeito co traballo constante e serio para establecer as bases da nova etapa do socialismo galego, cuxo obxectivo é acadar o cambio político en Galicia. O traballo persoal foi intenso, percorrendo o país, recuperando a normalidade orgánica do PSdeG e marcando a referencia política de cara á sociedade. Queda traballo por facer, pero non cometemos erros e iso danos solvencia.

O primeiro test para o novo PSdeG serán as municipais. Que agarda?

Temos que establecer as bases para acadar a maioría social en Galicia e en España. Eu non vou ser candidato nas municipais, pero vou traballar arreo para os candidatos en cada concello. Haberá lugares onde nos poida ir mellor e noutros peor, porque as municipais teñen un compoñente de proximidade moi importante, así que non me atrevo a facer un prognóstico numérico. E menos nun momento no que a política é tan volátil e resulta difícil predecir o escenario electoral dentro dun ano. O que temos que facer é traballar ben, recuperar músculo político e abrir o PSdeG á sociedade.

Eleccións locais
"As municipais teñen un compoñente de proximidade moi alto e o escenario é volátil, polo que é difícil prognosticar nada"

Logo dos rumores con Carmena en Madrid, haberá algunha fichaxe estrela nas candidaturas locais?

O PSdeG ten que tentar ofertar en cada concello os mellores candidatos e listas, con compañeiros que amosen o seu compromiso claro. O cambio da esquerda é posible e temos que representalo nós. Onde gobernamos, os nosos alcaldes aséntanse e as grandes experiencias municipais en Galicia sempre estiveron protagonizadas por socialistas; en Lugo, na Coruña, en Vigo ou en Santiago os alcaldes de referencia foron sempre socialistas. Esa capacidade de xestión é a que temos que ofertar. Como regra xeral, onde gobernamos os alcaldes repetirán de candidatos.

Tentou convencer a González Laxe como aspirante para A Coruña?

Falo moitos días con el por cuestións académicas, políticas e persoais pero non dese tema, aínda que me consta cal é a súa posición. Terá o espazo que queira no PSdeG, pero onde máis se ve el é orientando proxectos, ideas e propostas novas. Espero contar con el e con Touriño no laboratorio de ideas no que estamos traballando e que presentaremos pronto.

E gústalle Bugallo para Santiago?

Foi un alcalde de referencia en Compostela, pero non me vou pronunciar sobre nomes específicos.

Prefire un perfil veterano e coñecido aínda que rache un pouco a filosofía de renovación que vostede promove no PSdeG ou arriscar con candidatos descoñecidos?

É un asunto importante. Temos que entender que pode haber distintos perfís que funcionen segundo a dinámica de cada concello e tamén que a idade non é nin referente de renovación nin garantía de experiencia. O PSdeG ten que trasladar imaxe de cambio, de renovación de proxectos e de ser capaces de adaptarnos á sociedade e conectar coa xente máis nova. E a iso pódese xogar con perfís con máis ou menos experiencia. Nós construímos unha direccion galega moi renovada e nos concellos a responsabilidade será da militancia e das organizacións locais.

Que valoración lle merece a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez?

Os nosos alcaldes volverán ser candidatos así que a nosa previsión é que repita. Tivo un traballo complexo pola aritmética da corporación e malia todo acaba de aprobar os orzamentos, polo tanto terá capacidade de implementar políticas de progreso e amosar a súa capacidade de xestión. Os socialistas son a mellor opción para Lugo; enfronte non hai nada.

Eleccións autonómicas
"A militancia quere un liderado forte e se considera que debo ser o candidato, estou disposto, pero non teño aspiracións"

Agarda un castigo ás mareas polas súas leas internas?

En 2016 todas as enquisas dicían que Podemos daría o ‘sorpasso’ ao PSOE e todas erraron; e son as mesmas casas de enquisas que agora din que Podemos e as forzas que asumiron o seu impulso non están en escalada electoral. Nós respectamos a situación que teñen as outras forzas da esquerda, pero penso que unha organización en clave galega ten que ter unhas siglas, un proxecto para toda Galicia e unha posición.

Pero teme que a conflitividade do rupturismo impida que a sociedade visibilice na esquerda unha alternativa sólida á dereita?

Nós somos unha organización que, malia ás distintas sensibilidades, temos capacidade de diálogo coa esquerda e demostrámolo. Logo de tres maiorías absolutas de Feijóo vemos que Galicia vai a peor polo que é preciso construír unha maioría social de progreso, e non só con forzas da esquerda senón tamén con sectores da sociedade civil e incluso con votantes do PP aos que temos que convencer. Temos vontade de diálogo, pero tamén sabemos que só haberá cambio en Galicia se o PSdeG é capaz de lideralo. E o que fai o PP é trasladar a imaxe de que o conxunto de forzas da esquerda representan a inestabilidade e o rupturismo.

Gustaríalle ser candidato á Xunta no ano 2020?

Son secretario xeral dun gran partido, o principal da esquerda en Galicia, e teño moito traballo por diante. Cando corresponda tomar esa decisión estarei a disposición do partido e da militancia para acadar o cambio político en Galicia. Houbo un resultado importante nas primarias á secretaría xeral e estou en contacto con milleiros de militantes que sei o que me trasladan e cal é o escenario.

E que lle trasladan?

A militancia do PSdeG quere un liderado forte que nos permita corrixir as debilidades que tivemos desde que perdemos a Xunta en 2009. Eu vou traballar para non cometer erros e para lograr o cambio político en Galicia. Serei o instrumento que xogará o papel que poida facer o mellor servizo á miña organzación. En clave persoal non teño aspiracións de altos cargos ou institucións tras máis de vinte anos militando nos que só fun concelleiro uns anos. Esa é a folla de ruta e seguireina. E se creo que debo entrar no Parlamento, fareino; e se o partido decide que eu debo ser o candidato, pois estarei en disposición de selo.

Entrar agora no Parlamento pode queimalo antes de tempo pero entrar tarde ao mellor lle resta visibilidade. Cal é a medida xusta? Un debate da autonomía?

A medida é que levo aquí cinco meses e teño moito traballo por facer; e no Parlamento temos un portavoz solvente e sólido que me dá a confianza que preciso para estar eu centrado á fronte do partido. Dito isto, eu collín un partido que viña dunha etapa orgánica non regular e teño os tempos medidos para reconstruílo: recuperar a normalidade, definir o proxecto, expor que somos alternativa ao PP e partido de goberno e abrirnos á sociedade. E para facer iso non é imprescindible estar no Parlamento de Galicia.

Salto ao Parlamento
"Se considero que debo entrar na Cámara fareino, pero para a folla de ruta que teño para o PSdeG non é algo imprescindible"

Tampouco é algo novo. Besteiro non estivo na Cámara e agora Pedro Sánchez tampouco. Hoxe a visibilidade política pode lograrse desde outras plataformas como as redes sociais, por exemplo.

A todo o mundo lle gusta ter máis visibilidade da que ten, pero eu agora estou centrado en darlla ao partido. Despois, para acceder á Xunta hai unha vía parlamentaria, que é máis clásica, e outra alternativa. O meu servizo hoxe está a pé de rúa, coa cidadanía galega, percorrendo Galicia e escoitando a xente co fin de cambiar o declive económico, político, social e demográfico que deixa a dereita.

E onde cre que estará Feijóo en 2020, en Galicia ou en Madrid?

En Galicia ou en Madrid, pero na oposición.

Co que parece o fin de ciclo de Feijóo e as leas de En Marea, ten vostede un bo escenario, non cre?

Teño moita experiencia na vida política, veño moi curtido no profesional e no persoal e teño resistido os ventos que sopraron en contra dun heterodoxo militante de base que chegou a conseguir o apoio maiortario da militancia do PSdeG. Penso que se non se cometen erros e se traballa ben, estaremos en condicións de lograr o apoio maioritario dos galegos.

Caso Martínez
"As aventuras políticas independentes son flor dun día ou cantos de serea; a experiencia dinos que non duran no tempo"

O primeiro grande incendio ao que se enfronta como líder do PSdeG é o de Manuel Martínez en Lugo. Preocúpao ou xa é historia?

Eu levo cinco meses e atopei nos distintos territorios inercias previas que levan moitos anos, polo que corresponde aos compañeiros de Lugo orientar unha situación política conflitiva que nos obriga a tomar unha decisión de expulsión a quen non cumpre coas indicacións dos órganos do partido. A min como líder tócame apoiar a executiva provincial e o presidente da Deputación de Lugo, unha institución que leva feito un traballo de moito valor ao longo dos anos. A Deputación ten permitido avances importantes para os concellos da provincia e iso ten que ser a nosa prioridade.

Ve posible reconducir a situación?

Quen tomou unha decisión e un camiño que sabía a onde o levaba non foi o PSOE senón este compañeiro. Penso que non é o mellor para ninguén, porque o noso é un gran partido e a mellor garantía para facer boas políticas para os veciños. Eu apoio con claridade a posición política dos órganos do partido na provincia de Lugo.

E teme que Martínez encabece unha candidatura independente en Becerreá e arrastre no seu movemento outros alcaldes?

Antes das eleccións municipais sempre chegan este tipo de exposicións, pero a experiencia amósanos que estes van ser uns comicios cun compoñente de partido moi importante e, ao final, as aventuras independentes acaban como cantos de serea ou flor dun día; ao longo da democracia española amosan que non levan a ningures, porque ao final non existen experiencias similares que teñan resistido no tempo. Así que máis alá dos anuncios que se fagan, penso que ao final son profecías que non se cumpren.

Ve unha man negra no socialismo lucense detrás da manobra de Martínez? El di que Besteiro segue a conservar moito poder.

O único que sei é que o partido marcou unha posición política, un membro nun cumpriu o deber que ten coas listas coas que foi elixido e cando se produce unha falta moi grave hai que tomar decisións. Eses son os feitos obxectivos e nou vou entrar en ningunha outra especulación.

Por certo, Martínez dixo que o votara a vostede nas primarias...

Non cumprir cos mandatos da organización nos nosos estatutos considérase falta moi grave e o camiño que queda é retiralo da organización.

Escenario local
"En Pontevedra pode haber desgaste do BNG logo de tantos anos e o PP non está en condicións de facerse co goberno"

En Ferrol, o seu apoio a Beatriz Sestayo tampouco lle sentou ben a todo o mundo no partido.

Os partidos son institucións con regras, así que cando hai un recurso o partido resólveo de acordo con elas. Eu teño que respectalo e iso non implica nin dar un apoio a ninguén nin deixar de dalo, porque a resolución dun recurso non se debe cinguir a esas cuestións. En Ferrol, os militantes votaron en liberdade, unha parte recorreu para que os votos de dous militantes fosen válidos e Ferraz dixo que levaban dous anos sen pagar as cotas e non tiñan dereito a voto. A dirección galega respecta iso e, a partir de aí, haberá outro escenario cando haxa que definir as estratexias municipais.

González Formoso queixouse nos medios polo ocorrido en Ferrol. Teme que isto afecte a súa relación co líder coruñés?

A relación que teño con Valentín é fluída nos distintos ámbitos, entendendo que cada un ten o seu espazo: el como dirixente provincial e eu como secretario xeral. Non podo máis que destacar a cordialidade que existe.

Pero deulle a vostede persoalmente as queixas?

El sabe que a dirección do PSdeG resolve recursos conforme a criterios que el coñece. Non só non me trasladou ningunha posición senón que ademais a cordialidade é plena. Outra cuestión é que el faga a interpretación dalgunha cuestión sen ter toda a información previa.

"O mastergate de Cifuentes dana a credibilidade da política e da universidade; é moi grave"

O líder do PSdeG, no seu despacho da sede central do partido na compostelá rúa do Pino. PEPE FERRÍN (AGN) - Gonzalo Caballero

Vostede compatibiliza o seu traballo na universidade co liderado do PSdeG. Non lle gustan os políticos profesionais?

Levo moitos anos no PSdeG e a miña militancia sempre tivo un compoñente heterodoxo, de alguén que combinou o activismo político intenso coa vida profesional e persoal. Neste momento correspóndeme manter o posto na universidade porque non teño cargo institucional, pero non poido descartar ocupar algún. Nunca deixei de atender as necesidades do partido e onde máis custes implica iso é na vida familiar. Pero penso que é positivo que existan políticos que entendan isto como servizo público e non como profesión; estamos conectando cun tempo novo onde moita xente que ten a vida resolta se implica en política.

E de onde saca o tempo?

Estou acostumado a traballar moito, xa na universidade. Estou reducindo a actividade investigadora para poder compatilizalo coa política e teño a sensación do deber ben feito, porque moitos compañeiros dinme que había moito que un referente do PSdeG non estaba tan presente nas bisbarras e concellos. Insisto en que onde me queda menos tempo é no persoal, porque eu sigo vivindo en Vigo e teño que estar en Santiago e no resto de Galicia.

Xa que fala de Vigo, desde que é secretario xeral vese unha relación máis fluída co alcalde da cidade, o seu tío Abel.

Sen que houbese un pacto explícito é certo que hai esa fluídez e non existe unha problemática especial. Coñecémonos moi ben en todos os aspectos, mantivemos diferenzas e eu aprendín moito do alcalde de Vigo na proximidade, pero tamén na discrepancia con el. Iso axudoume a curtir a miña bagaxe e formación política, como tamén me axudaron Touriño, Laxe ou Borrell.

Que lle parece por certo o plantón do presidente do Celta de Vigo a Abel Caballero no palco?

Convén distinguir o ámbito político do futbolístico. O alcalde de Vigo é a referencia municipal para todos os veciños e nesa liña defende o que xorde no eido político, o que debe ser compatible cun grande equipo como é o Celta, que tamén é sentimento e propiedade dos vigueses.

Políticos
"Os meus referentes son Willy Brandt, Borrell e a nivel galego, Touriño"

Por certo, é vostede dos que tamén vai ao palco de Balaídos?

Non son moi futboleiro, aínda que son do Celta.

Neste tempo que leva á fronte do PSdeG, con que político doutro partido ten máis ‘feeling’?

O meu trato persoal con Pontón, Villares e Feijóo ten sido extremadamente correcto nos tres casos, pero convén aclarar que eu non convivo tanto con eles, máis alá de coincidencias puntuais.

Que opina da ‘titulite’ que parece que invade España tras o escándalo de Cifuentes en Madrid?

O ‘mastergate’ de Cifuentes é moi grave, porque dana a credibilidade da clase política e da universidade pública, que garante por igual os dereitos a todos. A partir de aí, isto funciona como un tirón de orellas para que todos sexamos máis veraces á hora de expor os nosos currículos.

Pero non cre que hai unha obsesión por acumular titulacións?

A formación é fundamental en calquera país e para calquera cidadán e penso que á xente nova hai que darlle oportunidades de formarse, porque é o mellor xeito de construír o seu futuro e o do país. E cuestións como a de Cifuentes danan a credibilidade nas nosas institucións educativas e minan os incentivos da xente nova para formarse, estudar e entender que as regras teñen que ser igual para todos.

Que referentes políticos ten?

Willy Brandt, Borrell e a nivel galego, Touriño, porque foi o presidente que saíu das urnas con apoio de esquerda.

Cre que estamos ante a fin dun modelo, o do bipartidismo?

Ata agora non se desfixo; foi debilitado pola emerxencia doutras forzas de esquerda e centro dereita, pero penso que o seu debilitamento freouse. O que vexo é un desgaste do PP sen precedentes e a Podemos en ciclo de caída.

E a Ciudadanos como o ve?

Hai que ser cautos, pero detecto unha burbulla laranxa impulsada por sectores conservadores do país para tentar facer o relevo da dereita que non se corresponde coa realidade. E en Galicia Cs non ten estrutura nin proxecto.

Gonzalo Caballero: "Os socialistas son o mellor para Lugo; enfronte...
Comentarios