Gonzalo Caballero non desvela se a ministra Calviño será cabeza de lista pola Coruña

Gonzalo Caballero. PEPE FERRÍN

O líder do PSdeG está convencido de que o seu partido terá bos resultados nos vindeiros comicios e que o PPdeG sufrirá unha caída

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostrouse este xoves prudente sobre o proceso da configuración de listas, posto que "neste momento están abertas todas as posibilidades", polo que prefire cinguirse aos "prazos" marcados desde a Executiva.

"Aventurar nomes, como secretario xeral, é algo que non podo facer, nin creo que deba facer", proclamou en rolda de prensa o líder dos socialistas galegos que, con todo, augurou que as do PSdeG serán unhas magníficas candidaturas que axuntarán perfís de "renovación" con perfís con "experiencia".

Con todo, Caballero preferiu sacar o foco do debate da configuración das mesmas, entendendo que o realmente importante na cita electoral do 28 de abril é "a causa colectiva" que supón conseguir pór á fronte do Goberno central un Executivo progresista presidido por Pedro Sánchez. Para iso, os socialistas galegos queren "contribuír a lume de biqueira", dixo.

Cuestionado sobre a posibilidade de que a ministra de Economía, Nadia Calviño, puidese encabezar a lista pola Coruña, Caballero reiterou que ela é unha persoa que conta con "todo o seu apoio" polo que se decidise dar o paso e a Executiva federal así o quixese, sería unha decisión que "a dirección galega apoiará con plenitude".

No entanto, sinalou que deberá ser ela quen decida respecto diso doutros aspectos ou outras responsabilidades de compoñente electoral. Ademais, Caballero deixou claro que a configuración das candidaturas se rexerá pola máxima de "un militante, un cargo de elección directa" e, en base a iso, elixiranse aos mellores perfís.

A este respecto e cuestionado sobre a posibilidade de contar cos subdelegados do Goberno en Galicia para formar parte das listas, Caballero lembrou que todos eles son "inelegibles" mentres non abandonen o cargo público, polo que aínda que "algún podería dimitir" para participar nos comicios, a intención do PSdeG é que se manteñan na súa "tarefa de goberno e manteña as súas responsabilidades" para continuar nela despois do 28 de abril, cando se ratifique a reedición do un Goberno o PSOE.

A idea, por tanto, é "mantelos" para que despois de abril sigan desenvolvendo os mesmos cargos.

Finalmente, Caballero comprometeuse a pór todo o seu esforzo na campaña pondo ao servizo do partido "todos os efectivos da organización" cunhas listas que poñan de manifesto o "compromiso feminista da organización".

Nun prazo de aproximadamente quince días os socialistas galegos presentarán as súas propostas ao aparello federal que será a quen lle corresponda "escoller as mellores candidaturas" e "implicar aos compañeiros que consideren óptimos".

O PSOE fixou o 17 de marzo como data para que o Comité Federal ratifique todas as candidaturas, tanto para as listas ás municipais -en cidades de máis de 50.000 habitantes- así como para as europeas, xunto ás do Congreso e o Senado.