sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

González Laxe e Santiago Lago, conselleiros da sociedade para impulsar unha Galicia "máis verde, sustentable e dixital"

Reunión de constitución da sociedade. EFE
Reunión de constitución da sociedade. EFE
Celebrada a reunión constitutiva con Conde como presidente, Botas como vicepresidente e outros sete integrantes do consello de administración 

A sociedade da que forman parte Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama e que ten por obxectivo impulsar proxectos "estratéxicos" para a comunidade no marco dos fondos para a recuperación contra a crise da covid celebrou este luns a súa reunión constitutiva. O encontro transcorreu na Cidade da Cultura coa participación do vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e de Medio Rural, José González, así como responsables de Abanca, Reganosa e Sogama. 

Esta sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia terá un consello de administración integrado por nove membros, e dará acollida ao expresidente da Xunta e economista Fernando González Laxe e ao tamén economista e director do Foro Económico de Galicia Santiago Lago, como "mellor garantía para que o traballo do grupo de expertos" na identificación de iniciativas para os fondos Next Generation poida "ter continuidade". Así o destacou o vicepresidente Conde en declaracións aos medios de comunicación antes de iniciarse o encontro no Gaiás. Esta sociedade márcase, segundo subliñou, un obxectivo "sinxelo pero ambicioso", que é "contribuír á maduración dos proxectos tractores" xa identificados e dar con outros novos que tamén se aliñen coa meta de lograr unha Galicia "máis verde e máis dixital". 

En concreto, a presidencia corre a cargo de Francisco Conde, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, será o vicepresidente e como conselleiros da sociedade figuran Valeriano Martínez e José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o secretario do consello de administración e director xeral de goberno corporativo de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas. O secretario será o responsable de asesoría xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo. 

O primeiro reto, segundo explicou Francisco Conde, é "madurar o polo de transformación de Galicia para impulsalo e aspirar a que teña o recoñecemento do Goberno de España para poder xerar oportunidades na transición ecolóxica e dixital". Pero, a continuación, a sociedade "traballará na identificación de máis proxectos". Así, agradecendo aos socios promotores, recalcou que esta "cooperación multinivel" é ao seu xuízo "necesaria para que Galicia poida acudir á convocatoria en condicións de trasladar os mellores proxectos posibles". 

Polo momento, a Xunta traballa cunha candidatura conformada por 354 proxectos, 307 deles de iniciativa privada e cunha capacidade de mobilización de 20.000 millóns de euros na súa totalidade. A semana pasada, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, presentoulla á vicepresidenta económica, Nadia Calviño.

"EN NINGÚN CASO VAI INVESTIR". Pola súa banda, Conde fixo fincapé en que a finalidade desta sociedade é "buscar futuros investidores pero en ningún caso ser unha sociedade de investimento". "Nace para identificar e madurar proxectos, levalos ao seu punto de investimento, que será sempre desde a iniciativa privada e esta sociedade en ningún caso vai investir nos proxectos", salientou. 

Así, apuntou que prestará "servizos de asesoramento, análise, identificación de oportunidades, asesorar xuridicamente, traballos de enxeñaría...". "Será unha sociedade cun carácter puramente impulsor e en ningún caso investidor", concluíu. O capital inicial é de 5 millóns de euros e a participación, do 40% da Xunta, 38% Abanca, 12% Reganosa e 10% Sogama. 

González Laxe e Santiago Lago, conselleiros da sociedade para...
Comentarios