González Formoso: "Alá onde Rajoy e Feijóo non sean capaces, imos estar os socialistas"

O líder coruñés do PSdeG-PSOE, presidente da Deputación coruñesa e alcalde das Pontes, asegura que esta formulación é a "esencia da boa e nova política"

Valentín González Formoso. CABALAR (EFE)
photo_camera Valentín González Formoso. CABALAR (EFE)

Cunha "ilusión enorme", Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, asumiu o liderado provincial no PSdeG-PSOE a pouco máis dun ano para as eleccións municipais, desexando que "Rajoy e Feijóo acerten" nas súas políticas, pero aclarando que, "alá onde non sexan capaces, imos estar nós".

Nunha entrevista con Efe, cre que esa formulación é a "esencia da boa" e da "nova política". "Operamos con sentido positivo, queremos gañar porque cremos nesta idea", estimou.

O dirixente socialista remarca, ademais, que a "sociedade ten fame de que a xestionen políticos que non teñan clave cicatera" e anuncia un traballo intenso para mellorar os resultados da formación en todos os municipios, pero especialmente en aras de gañar presenza naqueles en que é minoritaria ou inexistente.

Para iso, prevé un "novo proxecto" de cara aos comicios do 2019, deseñado por un "equipo amplo". Nesa liña, avoga por ir "agrupación por agrupación" e revitalizar as que "foron a menos" ou "non teñen representación".

González Formoso non descoida a implantación do PSdeG-PSOE en prazas onde exhibe unha "conexión absoluta coa sociedade", pero admite que "noutras teñen dificultades".

Con esa misión, a súa formación xa está "a deseñar estratexias". Afronta a dirección dese traballo sen detectar "gran diferenza" entre as súas tarefas como alcalde, presidente da Deputación coruñesa e responsable provincial do seu partido, sobre o cal aprecia que así pode "aproveitar un coñecemento que non podes desdeñar" en relación co territorio da Coruña.

"É o propio que deposite a súa confianza en quen mellor coñece a provincia", aseverou o rexedor, que opina sobre a actuación do ente provincial que o seu "programa está francamente despregado".

En todo caso, admite a súa frustración porque a Xunta non aceptase aínda a "transferencia de activos" dependentes do organismo herculino. Esta situación afecta, por exemplo, a centros de maiores ou de educación: "Déronse pasos máis ben escasos; estabamos dispostos a seguir sostendo, non leva gasto a maiores por parte de consellerías".

En plena recta final do mandato, Formoso enxalza a reconversión dos plans de axudas, "unha auténtica revolución", con aumento de partidas e incidencia no asentamento de empresas. Lonxe das discrepancias da política autonómica ou estatal, alude a unha estratexia de "acordos moi ampla e xenerosa, aquí a xente vén pelexada da casa e vén construír; ás veces discrepamos, pero supedítase todo ao interese municipal".

Preguntado pola supresión das deputacións, afirma que é "un debate moi mal exposto; son suprimibles, pero non as súas funcións".

Comentarios