O goberno de Santiago nega "competir" con Vigo nas luces de Nadal

O orzamento compostelá pasará de 100.000 a 180.000 euros para 2019
Luces de Navidad en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Luces de Nadal en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O goberno de Santiago asegurou que "non quere competir" co alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que se refire á iluminación de Nadal, que aumenta a súa antiga partida orzamentaria de 100.000 euros e ascende aos 180.000 este ano. 

O xoves, o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, criticou en rolda de prensa as declaracións que o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, realizou o pasado mércores. 

A xuízo de Noriega, "Bugallo quere facerlle a competencia ao alcalde de Vigo, Abel Caballero", coas luces de Nadal no canto de "darlle importancia" ás políticas que afectan á cidadanía.

 Segundo Muíños, esta comparación é "ridícula" porque o concello vigués destina un millón de euros á iluminación do Nadal, mentres que o goberno de Santiago investirá 180.000 euros para este fin, e estas non son cifras "que se poidan comparar". 

O concello vigués destinará un millón de euros á iluminación do Nadal, o de Santiago 180.000 euros

Neste sentido, o concelleiro de Festas reivindicou que o que quere o goberno socialista é "unha iluminación digna" da veciñanza santiaguesa, coa que todo o mundo "poida gozar", xa que durante os pasados anos as luces colocadas pola xerencia de Compostela Aberta foron "cutres".

MUÍÑOS DESMENTE A NORIEGA.  Ademais, Gonzalo Muíños desmentiu o que Martiño Noriega afirmou o pasado mércores, cando dixo que "a partida de festas ascendía aos 600.000 euros" este ano. 

Así mesmo, o administrador deste departamento explicou que o nadal compostelán contará con 150.000 euros para actividades e 180.000 euros destinados á iluminación, no que se valorará a "imaxe, efectividade e deseño" do mesmo. 

Igualmente, anunciou que o goberno local fará unha proposta formal aos comerciantes santiagueses para que poidan colaborar coas luces de nadal. 

Respecto da cabalgata de reis, Muíños adiantou que buscará a "participación" do maior número de persoas e que a súa planificación quedará pechada nos próximos días, porque é necesario buscar as empresas que teñan "unhas carrozas dignas" e que se axusten aos orzamentos establecidos. 

Comentarios