'Gobernar unha deputación é un choio, reparte cartos pero non cobra impostos'

quintanilla.jpg
photo_camera quintanilla.jpg

O Goberno galego achégase ó ecuador da lexislatura, coa resaca dunhas eleccións municipais e coas vistas postas nos comicios xerais, que serán o vindeiro ano. Neste contexto, o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fai un repaso destes dous anos de goberno. Segue a defender que aínda sendo PSdeG e BNG "forzas moi diferentes con proxectos moi diferentes e cun xeito diferente de entender as institucións", foron capaces de acadar "un programa de goberno conxunto, co que nos comprometemos e que vamos a cumprir".

O líder nacionalista descarta, do mesmo xeito, que as discrepancias que podan existir entre ambas forzas ou a competencia entre departamentos partan dun afán diferenciador. E, aínda recoñecendo que coordinándose é posíbel "eliminar na medida do posible calquera tipo de discrepancia pública", considera que eses asuntos carecen de importancia e atribúeos a que "non hai cultura de coalición".

Facendo unha análise do acordo marco entre PSdeG e BNG para os gobernos municipais, Quintana ten claro que "o máis significativo dos pactos é que os hai", máxime tendo en conta que a situación política actual, na que "os cidadáns parecen dispostos a que non haxa con carácter xenérico maiorías absolutas", fai relevante "que forzas políticas diferentes sexan capaces de chegar a acordos".

Neste senso, o vicepresidente da Xunta considera "un déficit importantísimo e grave" para os intereses do partido e para a normalidade política "que o PP se exclúa destes acordos e deste diálogo".

As deputacións
Nesta mesma semana, PSdeG e BNG asinaron un novo acordo de goberno, neste caso para as deputacións provinciais de Lugo e A Coruña. Para Quintana, estas institucións establecen unha división provincial que "carece de sentido", polo que propón "proxectar un modelo de organización político administrativo que parta dos concellos, que prevea un estadío superior que serían as comarcas e as áreas metropolitanas e outro estadío que son as institucións galegas".

Por esta percepción das institucións provinciais, Quintana entende que "que non queda outro camiño máis que a súa desaparición", aínda para iso será preciso desenvolver "un novo Estatuto de Autonomía para Galiza" e, no seu momento, emprender "un cambio constitucional que permitira superar a división provincial que para Galiza está obsoleta e non ten ningún sentido". Fundamentalmente, porque o seu "espíritu caciquil" non é só "por roubar, senón precisamente polo paternalismo institucional" que asumen.

Entende, non obstante, que algúns responsables políticos defendan a súa permanencia, porque "gobernar unha deputación é un choio, pois é a única institución do mundo que reparte cartos pero non cobra impostos". En todo caso considera que "esa é a esencia do mal goberno".

Galicia en Madrid
Quintana referiuse tamén ás vindeiras eleccións xerais, nas que o BNG aspira a que "Galiza teña outra presenza política no Estado e que o nacionalismo teña unha posición política reforzada en Madrid". Isto debe ser así, a xuízo do líder nacionalista, porque se trata duns comicios "especialmente importantes para Galiza", pois é preciso que o Goberno central "nos respecte polo que significamos en Galicia" pero tamén "polo que podemos determinar en Madrid".

Os retos do Goberno galego
O dirixente nacionalista afondou tamén no principal reto que afronta a Vicepresidencia nesta lexislatura, que se centra na creación do Servizo galego de atención á dependencia, tralo recoñecemento deste dereito. Trátase, sostén, "dun reto importantísimo" tanto pola súa responsabilidade no Goberno como por ser "nacionalista", pois considera que esta tarefa "é unha oportunidade para que todo o mundo comprobe en Galiza que o nacionalismo é a defensa da nación e a defensa dos intereses dos cidadáns da nación".

Á marxe da Lei de Dependencia, o vicepresidente da Xunta afonda noutro proxecto emprendido polo Goberno galego, neste caso máis polémico. Trátase do decreto para o galego no ensino, do que "o PP descabalga sen ningunha razón obxectiva". Quintana non dubida ao asegurar que "o PP, na mesa de negociación, aquí en Galiza, chegou a un acordo ao mesmo nivel que o BNG e o Partido Socialista".

Respecto do Estatuto, o líder nacionalista non descarta que nesta lexislatura, en Galicia, se poda retomar unha negociación, aínda que todo dependerá "do cambio do ciclo político do Estado que conleve un cambio de estratexia do PP" dado que, "como acontece do decreto do galego, a decisión en Galiza depende directamente da estratexia de Madrid".

Sobre outro decreto, o que regula a posibilidade de que os ex presidentes entren a formar parte do Consello Consultivo, Quintana explicou que se finalmente mudaron a súa postura é porque "cambiou o propio decreto e non cambiou a postura dialogante do BNG", que propuxo modificacións que se recolleron no texto. 

Novo empramento para Ence

Buscar un novo emprazamento para Ence é unha cuestión pendente de resolver na cidade de Pontevedra e, sobre esto, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegura que o BNG "é a única forza" que de cotío meteu "o tema de Ence no debate político". Quintana sostén que "un enclave industrial como Ence é necesario para Galicia, para o noso sector forestal", pero hai que buscar un novo emprazamento. Confía en que o Estado, que "colocou a Ence na ría e en solo público, teña a obriga moral, política e institucional" de colocar esta industria "nun lugar máis acaído".

O acordo marco lugués
O "acordo marco" negociado por PSdeG e BNG para establecer gobernos de coalición non deu os froitos agardados na cidade de Lugo. Anxo Quintana, aínda que recoñece que "cando dúas partes dialogan as dúas teñen responsabilidade", asegura que "por parte do BNG tentouse aplicar un acordo marco que vale para todo o país". Lembra que os nacionalistas lugueses "renunciaron a algo que polo pacto nacional tiñan dereito, que era unha única tenencia alcaldía". A xuízo de Quintana, o alcalde socialista, José Clemente López Orozco, non "asumiu con normalidade" que os cidadáns, logo de probar un goberno de coalición (PSdeG-BNG) e logo un coa maioría absoluta dos primeiros, "valoraron as dúas opcións e gustoulles máis" a coalición que a outra. "Se non se fai esta lectura", indicou, "os acordos son máis difíciles".

Comentarios