A Garda Civil incáutase de máis de 2.500 petardos de venda ilegal na Guarda

Os explosivos estaban á venda na Festa do Monte Santa Trega

A Garda Civil incautouse de máis de 2.500 petardos durante a Festa do Monte Santa Trega, do 6 ao 13 de agosto na Guarda. A persona que se dedicaba á venda ambulante destes produtos pirotécnicos sen autorización, natural de Ecuador, foi denunciada. 

A venda dos artificios pirotécnicos só pode realizarse en establecementos autorizados e a maiores de 12 e 18 anos –dependendo do tipo–, segundo informou nun comunicado a Benemérita. 

Os efectivos da Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil de Tui foron os encargados de realizar as inspeccións e incautáronse duns 55 envases que contiñan unhas 2.775 unidades. 

Os produtos incautados son de clase F1 –baixo perigo, para o seu uso dentro e fóra de edificios residenciais– e F2 –perigo medio, para uso ao aire libre en zonas de gran superficie, que teñen unha limitación para a súa venda de 12 a 18 anos. 

A venda destes artificios pirotécnicos sen autorización administrativa supón unha "infracción grave" do regulamento de artigos pirotécnicos e cartuchería e as sancións oscilan entre 300 e 30.000 euros, segundo explicou a Garda Civil.