Galiza Sempre estuda sumarse á denuncia contra o Franco polo Pazo de Meirás

A Fundación Galiza Sempre conmemora o seu vixésimo aniversario dando paso a unha nova etapa na que Francisco Jorquera pasará a testemuña a Rubén Cela
Pazo de Meirás.CABALAR (Efe)
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)

A Fundación Galiza Sempre conmemora o seu vixésimo aniversario dando paso a unha nova etapa na que Francisco Jorquera, ata agora presidente da entidade, pasará a testemuña a Rubén Cela, excandidato do BNG á alcaldía de Santiago e membro da Executiva Nacional da formación.

Entre os eixos fundamentais que predominarán durante este novo camiño na Fundación, a memoria histórica será un dos ámbitos centrais e tanto Jorquera como Cela lembraron este mércores, en rolda de prensa, a publicación da obra Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, un traballo de investigación que foi a base para o proceso xudicial contra a familia Franco para tentar recuperar a titularidade pública o Pazo.

Precisamente por iso, o propio Cela avanzou que están a estudar solicitar sumarse "xuridicamente" na denuncia presentada polo Goberno do Estado contra os herdeiros de Franco, que está baseada nese traballo de investigación asinado por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo e editado pola Fundación Galiza Sempre.

"É un ensaio decisivo", insistiu Jorquera, en alusión a esta obra "fundamental" para "desmontar o relato" elaborado ao longo da historia polos partidarios do Franquismo para "enmascar o espolio" emprendido polo ditador co patrimonio cultural galego.

O tamén concelleiro do Bloque no Concello da Coruña considerou que "se hai unha posición unánime hoxe" sobre a recuperación de Meirás foi "en gran medida" grazas á documentación e investigación achegada por este traballo, que a Fundación tivo "a honra de divulgar e editar".

É por iso que argumentou que "ferramentas" como esta (a Fundación) son "máis importantes que nunca" nos tempos que corren, posto que se trata dunha entidade con vocación de análise e de reflexión fronte ao "cortoplacismo" que rexe na política actual.

"ENORME RESPONSABILIDADE". Entre os fitos destacados por Jorquera durante a súa etapa, ademais da publicación da investigación sobre Meirás, atópase a consolidación do Festigal, as distintas publicacións, ou os debates sobre o novo modelo de financiamento autonómico.

"Foi unha honra", insistiu, ademais de considerar "un pracer ceder a testemuña" na Presidencia a "un profesor, compañeiro e amigo", Rubén Cela, unha persona preparada, dinámica e "chea de ideas e enerxía".

O propio Cela asegurou que asumirá este rol "con orgullo e cunha enorme responsabilidade", tanto polo que representan os "20 anos de intenso traballo" cos que conta esta entidade ás súas costas como por tomar a substitución de "unha referencia crave no galeguismo contemporáneo", como é Jorquera.

Así, avanzou que esta "nova etapa" será continuista nos acertos, pero que abrirá unha reflexión sobre "novos ámbitos de actuación" e de estudo.

A pesar diso, os aspectos fundamentais que abordará esta entidade pasarán pola formación e a información fronte á "infantilización da política, continuando co traballo editorial realizado; a reflexión, investigación e o pensamento propio, sobre financiamento ou ordenación territorial, entre outros temas; ou a memoria histórica.

Así mesmo, a Fundación ten previstas unha serie de actuacións para este último trimestre do ano, como un ciclo de conferencias vinculadas sobre o españolismo, accións vinculadas a alternativas á situación actual da sanidade pública e a conmemoración en novembro da súa XX aniversario.

Comentarios