Galicia traballa pola economía social apostando pola vía da internacionalización

Os programas Aprol Economía Social, a Rede Eusumo e as liñas de apoio ás cooperativas beneficiarán a 130 entidades e 3.150 persoas

Estudantes lucenses, nunha actividade do programa Eusumo.EP
photo_camera Estudantes lucenses, nunha actividade do programa Eusumo.EP

LUGO. A economía social é un sector que está en auxe en Galicia. A Comunidade está apostando por consolidar e internacionalizar o sector a través da innovación e a formación. Así, a Administración autonómica investirá este ano máis de 20 millóns de euros en programas que permitan o seu impulso.

Dentro deste compromiso destacan tres programas de axudas —Aprol Economía Social, asesoramento a través da Rede Eusumo e apoio ás entidades asociativas— cos que se prevé beneficiar a máis de 130 entidades e 3.150 persoas; e dúas iniciativas, os Premios á cooperación e o Certame de cooperativismo no ensino, cos que se busca promover os valores cooperativos entre o alumnado de ensinanzas non universitarias e recoñecer o labor das cooperativas, que sumaron o pasado ano 1.341 en toda Galicia, un 3,6% máis que en 2017.

Aprol Economía Social

Con respecto aos apoios, dedícanse dous millóns de euros a Aprol Economía Social, un 15% máis que en 2018, contemplándose a posibilidade de ampliación de crédito se fora necesario para atender o maior número de solicitudes posibles. O pasado ano contratáronse a 225 persoas e apoiouse a incorporación de novos socios en 107 organizacións. O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto, rematando o próximo 1 de outubro.

Trátase dun programa centrado en apoiar o emprendemento colectivo incentivando ás cooperativas e ás sociedades laborais para que incorporen novos socios e apoiando ás persoas desempregadas para que traballen con carácter indefinido neste tipo de entidades. Así, prevese beneficiar a 60 entidades para que amplíen o número de socios e a 150 persoas para que atopen un emprego. A contía base destas axudas é de 12.000 euros, unha cantidade que se incrementará nun 25% (1.500 euros) para os maiores de 45 anos, emigrantes retornados e persoas trans. Deste xeito, o apoio máximo pode alcanzar os 16.500 euros por beneficiario e no caso da incorporación de desempregados establécese un máximo por entidade de 67.500 euros.

A Rede Eusumo

O segundo dos programas de axudas está dirixido ao asesoramento, formación e investigación a través da Rede Eusumo, unha iniciativa que creou o Goberno galego en 2012 para impulsar o cooperativismo e a economía social promovendo o seu desenvolvemento no eido local.

Ao longo dos dous próximos anos destinaranse a este obxectivo 760.000 euros, sendo a contía máxima que se conceda de 170.000 euros.

A previsión é poder beneficiar a 65 entidades e 3.000 persoas. Poden solicitar estas axudas as asociacións de entidades de economía social, os concellos, áreas metropolitanas, mancomunidades e consorcios locais, as cámaras de comercio, as universidades e as fundacións, asociacións e organizacións profesionais, empresariais e sindicais. Nos criterios de avaliación destas axudas refórzanse este ano os parámetros de innovación e calidade das actividades propostas. A Rede Eusumo conta a día de hoxe con 206 entidades adheridas entre as que destacan 149 concellos. A través do asesoramento que presta esta rede creáronse xa en Galicia 142 entidades de economía social que xeraron preto de 530 empregos directos.

Apoios a organizacións

A Xunta de Galicia tamén apoiará con 290.000 euros ás organizacións máis representativas das entidades que forman parte da economía social procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas e favorecendo a súa consolidación. Como novidade este ano inclúese como criterio de valoración ter persoal contra tado con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. O prazo de solicitude para optar a estes dous últimos programas está aberto, rematando o 7 de marzo.

Premios para 2019

Os Premios á cooperación inclúen tres categorías: a mellor cooperativa nova, a mellor traxectoria cooperativa e o premio aos valores cooperativos que se outorga á cooperativa galega que máis teña destacado no impulso dos principios cooperativos. Cada galardón está dotado con 5.000 euros.

Pola súa banda, o Certame de cooperativismo no ensino conta con tres modalidades: actividades artísticas, dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria, que está dotado con catro premios de 2.500 euros e catro accésits de 1.500 euros cada un; actividades cooperativizadas para o alumnado de ESO, que conta cun único galardón de 2.500 euros e un accésit de 1.500 euros; e a modalidade de proxectos empresariais cooperativos destinado aos estudantes de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Neste caso concédese un premio de 4.500 euros e un accésit de 3.500 euros. O prazo de solicitude para presentarse aos dous certames remata o 30 de abril.

Estratexia sectorial

As cinco medidas forman parte da Estratexia galega de economía social 2021 que a Xunta de Galicia vén de activar. O obxectivo desta folla de ruta é incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina en todas estas entidades.

TRES FUCIÑOS

Asesoramento especializado e formación para impulsar a firma

Os dez socios que integran a empresa, con sede en Carballedo, crían porcos celtas e desenvolven todo o proceso produtivo

Tres Fuciños é unha cooperativa con sede en Carballedo que participa na aceleradora Es-Conecta. Constituiuse no ano 2017 e a súa principal actividade é a produción e comercialización de produtos da raza autóctona galega Porco Celta. Intégrana dez socios repartidos por Galicia. Desde Friol a Arzúa, A Cañiza, Ordes, Serra de Outes, Negreira, Culleredo, Vila de Cruces e Agolada.

"Só criamos e producimos porco celta", explica a súa presidenta, María Isabel Costas Vázquez. "Facemos toda a cadea, desde que nacen os leitóns nas nosas explotacións ata que o produto chega ao cliente final". engade. Nacen os leitóns, críanse os cebos nos montes galegos —en carballeiras e castiñeiras—, e unha vez que está o cebo listo sacrifícase para despois vender desde o produto fresco a elaborados como chourizos ou salchichóns, culares, unha liña de cachucha prensada... "Nós mesmos vendemos ao cliente final, particulares, restaurantes, hostalería... A quen chegamos", afirma.

Segundo María Isabel Costas, a participación de Tres Fuciños na aceleradora Es-Conecta proporciónalles a oportunidade de tomar impulso e seguir evolucionando. "Cando montas unha empresa ou unha cooperativa como esta sempre faltan apoios", explica. "Tanto o que aprendemos a nivel de vendas como a formación que adquirimos sobre financiamento, entre outras áreas, é moi importante", explica. "Supón un esforzo levar esto adiante, pero é unha iniciativa moi interesante", comenta.

A cooperativa naceu porque un socio só pode criar 40 ou 50 porcos ao ano, pero non pode dar continuidade nin abastecer o mercado. "Se traballas cun restaurante ao que lle funciona ben o porco celta e resulta que só tesproduto para abastecelo entre novembro e xaneiro o resto do ano ten que buscar o produto noutros proveedores", asegura

Seleccionados 18 proxectos empresariais
de economía social para Es-Conecta
Un total de 18 proxectos empresariais de economía social foron seleccionados para participar na aceleradora Es-Conecta, un programa que nace da rede da Xunta StartIN Galicia e que estará centrado no impulso de proxectos de economía social. Entre as diferentes temáticas dos proxectos, destacan os relacionados co medio ambiente e a biotecnoloxía, a educación e a formación e as novas tecnoloxías. Cómpre resaltar tamén que dúas propostas empresariais pretenden contribuír á integración de persoas en risco de exclusión social. A maiores, na aceleradora estarán incluídas diversas ideas relacionadas co deseño de negocios que precisen instalación física, coa saúde, con servizos audiovisuais, coa alimentación, e tamén coa cosmética nacida do viño. star tup day. Os 18 proxectos superaron con éxito a fase selectiva do proceso, a xornada Startup Day, que incluíu dinámicas para potenciar a creatividade dos emprendedores, mellorar a comunicación, dotes de negociación e tamén o traballo en equipo. Analizar o tipo de investimento que se precisa, potenciar a capacidade de argumentación e facer unha escoita activa ou incentivar as habilidades na xestión dos conflitos son algúns dos aspectos que os emprendedores puideron abordar durante a xornada de selección que se desenvolveu en Vigo durante o pasado 30 de xaneiro. Un total de 56 ideas empresariais presentáronse á aceleradora, facéndose unha primeira escolla de 25 proxectos, que son os que posteriormente participaron na xornada de selección. A partir de agora, os emprendedores dos 18 proxectos seleccionados recibirán asesoramento ata o mes de xuño. Durante este tempo estarán baixo a supervisión dun equipo de especialistas e participarán nun conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo. Para máis información da aceleradora, pode consultarse a web www.esconecta.com.

De aí que se xuntasen os dez socios, para poder abastecer o mercado. "Este ano estamos vendendo entre cinco e sete porcos á semana, dependendo das necesidades", explica Costas. "Esta semana por exemplo foron cinco, e a pasada oito. Facemos despece e uns clientes lévannos a canal enteira, outros os despezamentos... Traballamos baixo pedido, xa que non se poden sacrificar sete porcos se non os tes vendidos". Así ademais garántese unha maior calidade, e ao facerse embutido, chourizos culares e salchichóns, o produto non se estraga. A cooperativa está a ter boa aceptación co seu produto e conta "cun elaborador pequeno que temos aquí no Saviñao. Traballa case como se facía antes nas casas", engade.

COMERCIALIZACIÓN. Os xamóns comezaran a vendelos a partir do 2020, e xa empezaron a curalos en xaneiro de 2018. "O que vendemos durante a semana son principalmente o produto fresco e os embutidos. E despois están os despeces. Se temos todo o porco vendido, o do cocido é para salgar, e vai para o secadoiro a curar. Afumamos todo con leña de carballo e logo facemos os embutidos segundo precisamos", di.

Costas considera que para unha empresa como Tres Fuciños a aceleradora Es-Conecta é "unha iniciativa moi interesante, porque se non fose por esta axuda non poderiamos pagar a xestión e a formación que adquirimos a través das empresas que a Xunta achega para asesorarnos. O máis probable é que tivesemos que priorizar outras cousas", afirma.

Destaca tamén a importancia da economía social para as empresas pequenas. "É un xeito de apoiar iniciativas como a nosa", di. "A formación e a información que estamos a recibir por moito que nos empeñásemos ata dentro de dous ou tres anos non poderiamos pagala", explica Costas.

Participar na aceleradora permítelles seguir co seu ritmo de traballo, cos pedidos, aínda que agora fan todo máis rápido. "Se non fose por estas axudas daríamoslle prioridade a outras cousas. Se necesitásemos unha báscula, por exemplo, comprariamola e non poderiamos pagar a formación", exemplifica a presidenta de Tres Fuciños. "É cuestión de desenvolver prioridades", conclúe.

BAGAROK TEMPO LIBRE

As axudas constitúen un "importante aval ao emprendemento"

Juan Ignacio Escobal Andrieszyn é un dos socios que integran a cooperativa Bagarok Tempo Libre, unha das que participa no programa Aprol Economía Social que desenvolve a Xunta.

"Somos tres socios. O meu irmán Matías Escobal, Cristian Marques e eu", comenta Escobal. Os tres son directores de tempo libre e levaban moitos anos desenvolvendo campamentos e traballando para outras empresas, polo que decidiron montarse pola súa conta cun proxecto que comezou a xestarse hai tempo e se concretou coa alta da empresa en maio de 2018.

"Fundamos Bagarok Tempo Libre e creamos tamén o espazo de lecer Hakuna Matata, na Rolda das Mercedes 27, onde fixemos todo o investimento", engade. O centro de lecer que puxeron en marcha está dirixido a nenos e adolescentes. Dispón dunha zona de xogo con inchables, outra de lectura, unha pequena pista deportiva, camas elásticas... "Nestas instalacións organizamos aniversarios e todo o relacionado co lecer. Como empresa desenvolvemos actividades para colexios e institucións, así como diversas iniciativas propias como os campamentos de verán, entre outras", explica.

Escobal valora como "moi positiva" a súa participación no programa Aprol Economía Social, pois grazas ao asesoramento de Reigosa e Varela acadaron a axuda outorgada pola Xunta, "que para nós supuxo un 18% do que foi o investimento inicial total. Nas obras sempre hai imprevistos, atrasos e cousas que van sumando. Grazas a esta axuda puidemos montar todo como queriamos e a tempo", engade. Este emprendedor considera que de non ser por este programa terian "que deixar algunhas cousas para máis adiante".

Para este empresario a contribución desta iniciativa á economía social "é moi importante", di. Os tres socios eran menores de 30 anos e resultáballes "moi dificil" acceder ao financiamento tradicional. "Viñamos todos menos eu de contratos a terceiros, e ao ser tan novos e querer desenvolver un plan de empresa como o noso, poder optar a esta axuda para nós foi un aliciente máis, que realmente nos permitiu optar ao financiamento, con viabilidade e grazas tamén ao asesoramento de Reigosa e Varela. Supuxo un importante aval ao emprendemento".

O investimento inicial foi grande e os tres mozos non poderían chegar onde están "de non ser por este programa", afirman.

Consideran que as axudas contribúen ademais a dinamizar a economía e xerar emprego. "Nós puidemos crear un posto de traballo a maiores dos nosos", explica Escobal. "A axuda permitiunos xestionar o investimento de maneira que resulta rendible para catro postos de traballo. Posibilitou que pomovésemos a creación de emprego porque se xerou unha estabilidade que permite crear novos postos de traballo desde o inicio", conclúe.

Comentarios