Galicia reivindica as súas Letras

Música, recitais e actos institucionais para lembrar neste 17 de maio a Manuel María, o poeta do verbo combativo. Outeiro de Rei, epicentro dunha celebración con marcha en Compostela a prol do idioma galego

Galicia visteuse de poesía para recordar a Manuel María este 17 de maio, con todo tipo de actos de homenaxe que percorreron as catro provincias galegas co obxectivo de reivindicar a pegada e a obra do autor de 'Terra Chá', o epicentro da cal será en Outeiro de Rei. Nesta localidade, a Real Academia Galega celebra unha sesión extraordinaria e pública na Casa-Museo Manuel María, ás 12.30 horas, coa intervención de distintos académicos, como o propio presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, Manuel Rivas Barrós, Margarida Ledo Andión e Darío Xohán Cabana Yanes.

Previamente, colocouse unha placa conmemorativa no CEIP Laverde Ruiz, ás 11.00 horas, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o propio Alonso Montero, a viúva do poeta e presidenta da fundación, Saleta Goi, entre outras autoridades.

O Consello da Cultura Galega celebrou á súa vez o 17 de maio co clásico 'Concerto das Letras Galegas', que terá lugar no Teatro Rosalía ás 21.00 horas da man do grupo Milladoiro, musicando os textos de Manuel María para esta efeméride.

A outra cara desta xornada foi a máis reivindicativa, cunha grande manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela convocada pola plataforma 'Queremos Galego'. Segundo detallaron os organizadores, a voz e a palabra de Manuel María estivo presente na marcha que saiu ás 12.00 horas da Alameda co lema 'O idioma é a vida', e un acto final que se celebrou na Praza da Quintana, coa actuación de Mini e Mero e de Fran Amil e A Tribo Incomprensíbel.

Nesta feirada xornada en Galicia haberá outras moitas actividades paralelas ao longo da nosa xeografía.

Comentarios