Galicia reivindica nas rúas a súa lingua e a figura de Casares

Ambiente festivo na marcha do Día das Letras ►Xinzo centralizou os actos adicados ao homenaxeado resaltando o seu "compromiso coa construción do país"

Miles de persoas chegadas de toda Galicia percorreron esta mañá as rúas de Santiago de Compostela, convocadas pola plataforma Queremos Galego, para reclamar ás autoridades avances para poder vivir o día a día utilizando a lingua propia "sen restricións".

Trátase dunha marcha xa tradicional neste Día das Letras Galegas, que cada ano reúne centos de persoas e colectivos para celebrar este 17 de maio e pór o acento reivindicativo á xornada, que este ano dedica a súa especial homenaxe a Carlos Casares. 

A comitiva saíu da Alameda compostelá sobre as 12,15 horas deste mércores nun ambiente marcadamente festivo e ao berro de 'Na Galiza en Galego', seguida de música e a ritmo de gaitas e pandeiretas. 

A marcha estivo encabezada por unha pancarta co lema 'En galego sen límites', portada por diversos representantes de entidades que apoian a plataforma, como Suso Seixo (CIG), Olalla Rodil (BNG) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística). 


Pontón: "O galego é unha lingua útil, moderna e fainos estar no mundo con voz propia, con personalidade e ábrenos as portas a miles de persoas"


En declaracións previas ao comezo da manifestación, Maceira reivindicou o dereito a poder vivir en galego "sen restricións", dado que día a día existen dificultades en asuntos tan cotiáns como "abrir unha conta bancaria en galego". 

Unha situación que se reproduce noutros ámbitos, como no ensino, onde as restricións para o uso do galego "aumentaron estes anos no canto de diminuír". Por iso, reclamou á Xunta "pór fin ao apartheid lingüístico" e comprometerse cos acordos establecidos.

"REBELDÍA" EN DEFENSA DO IDIOMA.  A convocatoria foi secundada, ademais, por representantes de formacións políticas como o BNG, En Marea, PSdeG ou Esquerda Unida. 

En declaracións aos medios, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou que a sociedade "quere vivir en galego sen límites" e "con normalidade", criticando que "todo o mundo parece entendelo menos Feijóo". 

Villares reiterou que "se segue prohibindo que as matemáticas se impartan en galego", lanzando "unha mensaxe" de que o idioma "non é hábil para vivir todas as facetas da vida". "O presidente ten pouca química co galego", ironizou, para esixir que a Xunta ofreza a súa "colaboración" para que prevaleza a "normalidade" no día a día dos falantes. 

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que se trata dunha marcha "importante para o futuro" do país e do idioma para advertir que non se vai dar "nin un paso atrás" no dereito a vivir en galego. 

Así mesmo, lanzou unha mensaxe "de optimismo" ao contemplar a "miles de galegos e galegas reunidos en Compostela para reivindicar o idioma" e realizou "un chamamento á mocidade para que sexa protagonista da rebeldía" a favor da lingua. "É unha lingua útil, moderna e fainos estar no mundo con voz propia, con personalidade e ábrenos as portas a miles de persoas", recalcou.

Maceira reivindicou o dereito a poder vivir en galego "sen restricións", dado que no día a día danse "impedimentos" en asuntos tan cotiáns como "abrir unha conta bancaria en galego". Ademais, alertou de que o idioma propio cada vez ten "menos presenza" no ensino.

XINZO, EPICENTRO DA HOMENAXE. A Real Academia Galega (RAG), co seu presidente Víctor F. Freixanes á fronte, reivindicou en Xinzo as "distintas caras" de Carlos Casares, "figura poliédrica" e escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, no seu papel de "home comprometido" coa cultura e o idioma e na "construción de país".

Casares foi, da man de Piñeiro, deputado nas eleccións autonómicas de 1981 e tan só catro anos despois foi nomeado o membro máis novo da Real Academia Galega.

"Carlos Casares foi un home comprometido co seu tempo e que defendeu o país como proxecto de futuro e un país que necesita dunhas institucións sólidas", sinalou Freixanes, en Xinzo, localidade que acolleu a sesión extraordinaria da RAG e que deu paso ao descubrimento da placa na praza anexa, que recibe o nome do escritor de Vento Ferido.


Víctor Freixanes: "Carlos Casares foi un home comprometido coa cultura e co idioma"


A RAG rendeu homenaxe a Casares na vila ourensá na que creceu o escritor, durante a sesión extraordinaria que se celebra con motivo do Día das Letras Galegas, no cal se rende homenaxe a este autor.

Este acto contou coas alocucións de Henrique Monteagudo e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, ademais do propio Freixanes.

Todos abordaron as "distintas caras" do escritor de A galiña azul nun acto que se celebrou na casa consistorial, onde asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outros.

Na súa alocución, Freixanes, quen se centrou na "dimensión" de Casares como xestor cultural e editor, defendeu o compromiso do autor "por Galicia e a cultura e lingua galegas", non desde unha etiqueta política senón ideolóxica e que, segundo comentou, pódese ver reflectido en "a súa dedicación" á editorial Galaxia, dixo.

Tal e como lembrou, ademais de escritor, Casares foi membro da Real Academia Galega en 1977 e presidente do Consello da Cultura Galega en 1996, e dirixiu durante moitos anos a Editorial Galaxia, circunstancia que, segundo o presidente da RAG, reflectiuse na súa defensa para construír unhas "institucións sólidas". Tamén foi deputado autonómico polo PSdeG nas eleccións de 1981.

Previamente, Fina Casalderrey fixo un repaso pola traxectoria do escritor como "construtor" e a súa vinculación coa terra limiana, que lle deu "unha fonda pegada" na súa obra literaria ademais de destacar a súa "sabedoría" e como comunicador universal.

A Académica, que considerou "de xustiza" esta homenaxe na localidade que viu dar os seus primeiros pasos ao escritor, destacou "a súa contribución" ao mundo intelectual e literario e tamén na "universalización da cultura".

Comentarios