Martes. 25.06.2019 |
El tiempo
Martes. 25.06.2019
El tiempo

Galicia e Portugal estrean a primeira conexión mundial transfronteiriza 5G

Primera conexión mundial transfronteriza 5G. SALVADOR SAS
Primera conexión mundial transfronteriza 5G. SALVADOR SAS

A Xunta aspira a aplicala na loita contra incendios ► Vigo e A Coruña serán das primeiras cidades de España e das "poucas" de Europa que van ter esta cobertura

A primeira conexión 5G de datos transfronteiriza en mobilidade do mundo estreouse con "éxito" este mércores entre as localidades de Tui e Valença do Minho, nun acto no que se fixeron probas con gamers –xogadores– profesionais de videoxogos e no que ademais da empresa que o puxo en marcha, Vodafone –en colaboración con Ericson– estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. 

Con esta conectividade, explicou o mandatario autonómico, Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispor dos servizos avanzados que posibilita o 5G en ámbitos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios. 

De feito, Feijóo manifestou que a comunidade galega quere "seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar a calidade dos servizos públicos básicos", como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia– ou a educación, así como para incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento das cidades intelixentes e os vehículos conectados. 

Para iso, indicou que Galicia conseguiu confirmar un nodo 5G co compromiso do tres principais operadores –Vodafone, Telefónica e Orange– para realizar nove casos de uso de 5G até 2020. A cidade de Vigo e a da Coruña serán as "primeiras" de España e das "poucas" de Europa que van ter cobertura 5G. 

Vodafone fixo tres proxectos piloto: un en materia de incendios; outro sobre a ambulancia 5G, conectada en tempo real a través de redes sen fillos de alta capacidade que permite a monitorización do paciente crítico remoto; e un máis coa aposta polo coche conectado, para a mellora da xestión do tráfico en interseccións coa comunicación entre vehículos e viandantes.

PROBA CON ÉXITO. Tal e como explicou a compañía, do xogadores profesionais do club de Esports Vodafone Giants (Ricardo Fox Pacheco e Toni Tojor Jordá) completaron o traxecto entre Tui e Valença en dous coches mentres xogaban en senllas tablets a PUBG Mobile. 

No traxecto, os gamers gozaron das vantaxes de 5G, "mantendo unha conexión estable e ininterrompida no cruzamento de fronteira". O gaming é un dos sectores que se verá máis beneficiado desta tecnoloxía, xa que proporciona as latencias necesarias para xogar en tempo real en calquera momento e en calquera lugar. 

Ademais, o 5G reducirá notablemente os tempos de resposta das aplicacións móbiles, permitindo a aparición de novas categorías de xogos móbiles, así como de potenciais campionatos e ligas profesionais nestas plataformas. E

ESPECIFICIDADES TÉCNICAS. A demostración foi realizada na rede precomercial da empresa de telecomunicacións usando os sistemas de radio e infraestrutura de núcleo de rede de Ericsson, así como oito antenas 5G. 

As antenas instaláronse en estacións basee existentes en Portugal e en España. Isto permitiu aproveitar a rede 4G de última xeración, xunto coas especificacións do estándar 5G Non-Standalone (NSA) pechadas polo sector para a comercialización desta tecnoloxía. Ademais, para esta demostración utilizouse Massive MIMO e outras tecnoloxías en desenvolvemento. 

Estas son dous das innovacións, explica a compañía, que permitirán desenvolver a nova xeración de comunicacións móbiles, proporcionando maiores capacidades e eficiencia. 

Nesta demostración tamén participaron Groupe PSA, CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e a Xunta de Galicia, como partners destacados de Vodafone e Ericsson no desenvolvemento conxunto de futuras aplicacións para Vehículo Autónomo e Conectado, cuxos ensaios utilizan o corredor europeo Porto-Vigo.

"Galicia, presente nesta revolución cotiá"
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia "non só quere estar presente nesta revolución cotiá" que se vai a vivir, senón que conta ademais con capacidade e fortalezas para situarse: con empresas tractoras en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación; cun hípersector TIC, formado por 3.4000 empresas e máis de 23.000 profesionais; con universidades e centros tecnolóxicos en ámbitos como as telecomunicacións, a supercomputación e a automoción ou a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo; con proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredor entre Vigo e Porto; e o operador público Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos en rede. 

Feijóo tamén fixo fincapé na importancia de ofrecer formación neste ámbito e referiuse á posta en marcha, en setembro, do novo curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial. 

Así as cousas, o mandatario autonómico remarcou que Galicia aspira a "seguir situándose" no ámbito do 5G como a única comunidade en presentar iniciativas do tres operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. "E a cidade de Vigo e A Coruña converteranse en dúas das primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G", abundou.

Galicia e Portugal estrean a primeira conexión mundial...
Comentarios