lunes. 27.09.2021 |
El tiempo
lunes. 27.09.2021
El tiempo

"Galicia necesita unha presidenta coas mans libres para defender os seus intereses"

Ana Ponton. PEPE FERRÍN
Ana Pontón. PEPE FERRÍN
Impulsada pola corrente de "simpatía" que percibe arredor do Bloque, Pontón ve moi preto a posibilidade de dirixir a Xunta tras o 12-X. fronte ás "políticas suicidas" do PP e a "submisión" a Madrid

O escenario electoral ten mudado desde o 5-A pola pandemia. Como afecta ás opcións do BNG?
Eu sinto que a forza que había o 5-A que camiñaba cara a un cambio volve verse agora que estamos máis cerca das eleccións. Estou convencida de que o 12-X temos oportunidade en Galicia de facer historia e poner unha muller na presidencia da Xunta. Ese é o gran cambio que precisa este país.

Ve posible o sorpasso ao PSdeG?
Eu o que vexo é moito ambiente e moita simpatía arredor do BNG. Queda moita campaña e estou moi ilusionada de que se produza un cambio en clave de país. Galicia necesita unha presidenta que teña as mans libres para defender os seus intereses nun momento clave no que nos xogamos o futuro. As vellas políticas non valen para enfrontar o escenario poscovid, precísanse novas ideas e iso é o que ofrece o BNG o 12-X.

As vellas políticas non valen para afrontar os retos da época poscovid; precísanse ideas novas e iso é xusto o que ofrece o BNG

As enquisas póñenllo algo mellor ao PPdeG que en abril.
Non creo demasiado nas enquisas, é unha cuestión persoal. O que nos dan son tendencias e aquí hai unha clara: o PP está á baixa e sábeo, senón non agocharía as súas siglas, o que é unha mestura de engano e de sentimento de vergoña pola opción política que representa. E ao lado desa baixada do PPdeG hai unha forza política que é a que máis sobe: o BNG. Estamos sendo os catalizadores da ilusión polo cambio galego e esas tendencias irán aínda a máis durante os vindeiros días. A pena é que vaiamos cara a unha campaña con poucos debates.

Xa que fala de debates, vostede reclama un a dobre volta.
Aínda estamos a tempo. Se os debates son importantes, nun contexto como este moito máis xa que haberá restricións en actos e grandes concentracións. Un maior grao de debate facilitaría que a xente vote con maior coñecemento de causa e iso implicaría unha maior participación, xa que un dos problemas aos que nos enfrontamos é que vaia menos xente votar. E tamén axudaría a darlle crédito á política, porque o CIS di que os políticos son o primeiro problema do país, o que provoca desafección, e detrás dela está o auxe de movementos totalitarios.

"Os profesionais da sanidade taparon os buratos de once anos de recortes de PP; a Xunta non se adiantou para nada"


O debate previsto na TVG terá máis forzas que nunca: sete.
É unha cuestión da xunta electoral e nós nunca imos criticar o pluralismo político; só que estaría ben que fose o máis representativo posible da sociedade galega.

Ata que punto será decisivo?
Nós hai catro anos vimos como un debate cambiou moitas cousas na campaña, por iso entendemos que o PP quere difuminalo ao máximo poñéndoo o primeiro luns de campaña e fuxindo de máis debates Eu pediríalle ao candidato do PPdeG que solte o mando da TVG e permita que os medios públicos poidan cumprir a súa función, porque entre outras cousas cústannos 100 millóns de euros ao ano aos galegos.

Ana PontonConvéncea xa a data electoral?
Non é un problema de gustos e ese debate xa está dado. Eu pediríalle aos galegos que o 12-X vaian a votar e quero convencelos de que o mellor xeito de que Galicia teña un futuro digno é o BNG.

Feijóo di que hai políticos meténdolle medo aos maiores para non ir a votar. Séntese aludida?
A verdade é que non.

Como será a campaña do BNG?
Segura. Cremos que ten que facerse con hixiene sanitaria pero tamén democrática, porque levamos toda a precampaña vendo como o PP quere facer trampa usando a Xunta para a súa campaña e a TVG para dar mitins encubertos. Pero eu estou convencida de que toda esta propaganda e manipulación non vai tapar que o Goberno do PPdeG é o peor da historia deste país e ten un balance desastroso: cero competencias, nin unha residencia de maiores e unha crise demográfica que amosa o fracaso de cara a onde nos conducen as políticas de submisión a Madrid. Podemos confiar no futuro porque este país ten de todo para saír adiante, pero temos unha Xunta co motor parado. Temos que reactivar Galicia.

Teme unha campaña monográfica sobre o coronavirus?
O balance destes once anos de Feijóo hai que facelo e o propio coronavirus o que nos deixa é a lección de que o camiño que leva o PPdeG é suicida. Di que o futuro é a telemedicina, cando o Covid-19 nos di o contrario: se queremos saír desta hai que fortalecer o noso sistema sanitario. Afortunadamente aquí o impacto do virus foi menor e non tensionou o noso sistema público; e temos excelentes profesionais que taparon once anos de recortes e privatizacións do PP. A estratexia de Feijóo é agochar unha década de fracasos detrás da pandemia, pero non o vai conseguir. Esta crise dinos que as políticas do PP son receitas equivocadas e que se precisan novas ideas. Galicia ten de todo para ser a envexa de Europa: riqueza, capacidade, talento, xente traballadora… O que se precisa é un cambio de modelo e é xusto agora cando hai que facelo.

Pero os datos galegos na pandemia avalan a xestión da Xunta.
Eu non sei cal é a xestión da Xunta! O que vin toda a pandemia foi un presidente agochándose detrás do mando único e facendo campaña na TVG. Feijóo non pode dicir que todos os problemas foron do Goberno central e o que saíu ben foi grazas a el. O que vimos foi que a pandemia chegou máis tarde e o confinamento tivo máis efecto. Ademais, a dispersión poboacional dificultou a propagación do virus. En todo caso, o éxito débese a que os galegos cumprimos de xeito exemplar. A Xunta non se adiantou a esta crise, o único que adiantou foron as eleccións.

Ese centralismo no que Madrid recada e reparte non lle vai ben a Galicia; a chave dos nosos cartos ten que estar aquí


Que ocorreu nas residencias?
Pois que vemos as consecuencias letais dese modelo que quere facer negocio coa atención ás persoas maiores. Hai que investigar en que se errou para non repetilo no futuro. Cando a metade de mortes de Covid-19 en Galicia se concentra nun colectivo de 20.000 persoas que están en residencias é evidente que algo non se fixo ben e debe investigarse a fondo.

Actuou tarde o Goberno central?
Actuaron tarde a Xunta e o Goberno central, ninguén se anticipou. O BNG dicía que había que tomar medidas eficaces adoptadas noutros países como illar os focos de contaxio. Os dous grandes erros aquí foron non ter a valentía de pechar Madrid e apostar por unha centralización que se demostrou ineficaz. E nese modelo coinciden PP e PSOE. Se eu fose presidenta da Xunta tería esixido pechar Madrid.

Vana acusar de ‘madrileñofobia’.
Para nada. Trasladei o meu afecto e cariño a Madrid pola situación tan dura que viviu. Eu non pido que se peche Madrid por ser Madrid, porque pediría o mesmo se fose Bilbao, Barcelona ou Sevilla. Pero estou convencida de que se o foco de contaxio fose outro a decisión do Goberno tamén sería outra. En España, para as forzas estatais parece que o mundo empeza e acaba en Madrid e temos que acabar con iso. Ocorre con Alcoa: se en lugar de ser o 30% do PIB lucense o fose do madrileño, hoxe xa habería solución.

Témelle ao verán? 
Temos que ter toda a precaución. Ten que haber protocolos claros en caso de rebrote e fortalecer a Atención Primaria, a gran damnificada dos recortes do PP.

Vostede comprometeu convocar as 6.000 prazas pendentes que hai no Sergas. É posible legalmente?
Temos que traballar para que se eliminen as restricións á contratación pública. Non é posible que teñamos necesidade de contratar máis persoal no Sergas e unha lei estatal o impida. Iso é un auténtico disparate! Agardo que o Goberno que se declara máis progresista da historia non quede anclado nesas políticas neoliberais da dereita.

Hai un novo actor á esquerda nestas eleccións, a Marea Galeguista. Como o valora?
A valoración dese proxecto imos vela o 12-X e farana os galegos.

A pandemia silenciou outros debates vitais para Galicia como o territorial ou o financiamento.
O financiamento é un dos grandes debates de fondo xa que nel están as ferramentas que imos ter os galegos para construír un futuro mellor. O modelo de centralismo financeiro onde Madrid recada e reparte non lle vai ben a Galicia, como acabamos de ver co fondo de 16.000 millóns, cuxa distribución é totalmente discriminatoria para Galicia. Por que ten que recadar todo o Estado? Por que os galegos non podemos recadar os nosos impostos? É fundamental que a chave dos cartos galegos non estea en Madrid.

Un prognóstico para o 12-X?
Eu non son de prognósticos. O que si podo expresar é que o 12-X podemos facer realidade un soño: que en Galicia por vez primeira teñamos unha muller na presidencia e unha presidencia do BNG.

"Galicia necesita unha presidenta coas mans libres para defender os...
Comentarios