Galicia mima a súa canteira de cidadáns

A Xunta activará con 191 millóns de euros a nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (Egia), que propón 24 obxectivos operativos e 227 actuacións para blindar os dereitos dos nenos e cimentar políticas de benestar ata o ano 2020

Un grupo de nenos. AEP
photo_camera Un grupo de nenos. AEP

A Consellería de Política Social ten lista a nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (Egia), que recolle unha detallada planificación das políticas de benestar dirixidas aos menores que o Executivo autonómico impulsará nos vindeiros dous anos. Trátase dunha aposta "clara e decidida", precisa a Xunta, por situar as necesidades e intereses das persoas menores de idade como prioridade na axenda política. 

Neste sentido, a Egia propón 24 obxectivos operativos e 227 actuacións concretas por un orzamento de algo máis de 191 millóns de euros que se aplicará no próximo bienio. A estratexia integra as liñas máis relevantes de acción dos distintos departamentos do Goberno galego que actúan de maneira directa ou indirecta no campo da atención aos nenos, nenas e adolescentes. A finalidade é seguir a avanzar na consecución do benestar integral dos menores, incrementar a súa calidade de vida e contribuír ao seu pleno desenvolvemento como suxeitos activos. O documento é o resultado da colaboración de todos os organismos e axentes que traballan na atención e protección deste colectivo: unidades administrativas, sindicatos, colexios profesionais e entidades do terceiro sector. Estes grupos e institucións tiveron a ocasión de abordar de novo a Egia na reunión que celebrou o pasado martes o Consello Galego de Benestar Social.

A Xunta propón crear un Observatorio da Familia e da Infancia, realizar campañas informativas e facer novos informes

No que atinxe ao contido, a iniciativa estrutúrase en catro liñas estratéxicas, cada unha delas cuns obxectivos e medidas específicas, que son: a promoción dos dereitos e a participación —51 actuacións—; a procura dun crecemento equilibrado e saudable —84—; o desenvolvemento dunha atención integral en situacións de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social —51—; e a mellora da calidade do sistema e a práctica institucional —41—. Algunhas destas actuacións concretas son, entre outras, a inclusión dun informe sobre o impacto na infancia dos orzamentos xerais da comunidade autónoma durante a tramitación dos mesmos, a creación do Observatorio da Familia e a Infancia e do Consello da Infancia, a realización de campañas informativas e a entrada en funcionamento de recursos específicos para a prevención de casos de desprotección e de violencia exercida contra os nenos ou a posta en marcha de programas sociosanitarios dirixidos a mulleres embarazadas e aos nenos e nenas nos primeiros meses de vida para previr situacións de risco social.

Serán catro liñas estratéxicas: promoción de dereitos, crecemento equilibrado, atención integral en casos de risco e mellora da calidade

Estas liñas estratéxicas, os seus obxectivos e accións propostas baséanse en principios como a supremacía do interese superior dos nenos, nenas e adolescentes, a promoción dos dereitos e benestar dos mesmos e a prevención e apoio no propio medio da persoa menor de idade. A Egia tamén se fundamenta nos valores de participación, a perspectiva da infancia e a adolescencia como enfoque transversal, o respecto pola diversidade, a atención á discapacidade e o enfoque de xénero.

Os obxectivos son avanzar na consecución do benestar dos nenos, mellorar a súa calidade de vida e contribuír ao seu desenvolvemento

AS ADOPCIÓNS. Por outro lado, Política Social sinala que cómpre avanzar na mellora dos procesos de adopción para que cada menor de idade que o precise dispoña dunha familia axeitada ás súas necesidades. Convén, polo tanto, articular os mecanismos necesarios para minimizar os riscos de ruptura e conflitividade e potenciar o apoio ás familias nas distintas fases do proceso. Ademais, para facer efectivos os dereitos das persoas adoptadas na lexislación vixente sistematizaranse accións de apoio, asesoramento e seguimento das familias e dos menores, así como o impulso e mellora das canles de información.

Clave: a adaptación
Con esta estratexia, o Goberno autonómico cumpre o seu compromiso de desenvolver novas medidas e actuacións encamiñadas a protexer os menores na comunidade. Faino despois de case tres anos nos que as conversas con distintos entes e asociacións foron habituais e fundamentais de cara a elaborar un plan totalmente adaptado ás numerosas necesidades que teñen hoxe en día os cativos.

 

A importancia do labor xornalístico
A realización de estudos, a recompilación de datos e a súa adecuada difusión sitúanse a través desta estratexia no horizonte de actuación de distintos departamentos da administración galega, recordan desde o Executivo autonómico. Desta forma, os medios de comunicación xogan un papel central na transmisión de valores, estilos de vida e pautas de comportamento Por iso promover unha prensa, unha radio e unha televisión comprometidas coa infancia e a adolescencia tórnase vital, e máis agora que a eles se une internet.

EN POSITIVO. O tratamento axeitado e en positivo das informacións relacionadas cos menores de idade é un dos obxectivos desta estratexia.

Comentarios