Galicia foi a segunda comunidade que executou máis investimentos en 2017 

Facenda resalta que o gasto en investimentos en Galicia representou o 10,1% do conxunto das autonomías

Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)

Galicia foi a segunda comunidade autónoma que executou máis investimentos no ano 2017, xa que os gastos de capital executados pola administración autonómica superaron os 1.065 millóns de euros, segundo destaca a Consellería de Facenda por mor dos datos publicados pola Administración Xeral do Estado. 

"As estatísticas confirman que Galicia se mantén un ano máis entre as comunidades autónomas que dedican máis recursos a investimentos", sinala. De feito, engade que os gastos de capital en Galicia en 2017 situáronse en 1.065,2 millóns de euros, "unha cifra superada só porAndalucía, unha comunidade cuxo orzamento total practicamente triplica o galego". 

O gasto en investimentos en Galicia representou o 10,1% do total de investimentos realizados no conxunto das autonomías, chama a atención a consellería, que indica que isto é así "a pesar de que o peso do PIB galego ou do orzamento da administración autonómica no total do Estado é inferior ao 6%". 

Ademais, Facenda sinala que os datos da Administración Xeral do Estado "confirman tamén que Galicia é unha das comunidades que lidera o esforzo investidor en España". "Este indicador permite relacionar os recursos que se dedican a investimentos respecto do total de recursos cos que conta unha administración pública", explica.

Así, afirma que en 2017 Galicia dedicou o 11,9% do seu gasto non financeiro a investimentos, un dato "só superado por Baleares e Castela e León". 

Engade que o esforzo investidor realizado pola Xunta de Galicia superou en case cinco puntos á media autonómica (7%) e "inclusotriplicó o que realizaron as comunidades autónomas que fan menor esforzo".

EXECUCIÓN. En canto ao orzamento global da Xunta, en 2017 Galicia volveu conseguir unha execución orzamentaria "mellor que a media" autonómica. 

Deste xeito, a execución do gasto non financeiro de Galicia o pasado ano situouse no 94,5%, un dato superior á media autonómica (93,5%), e o grao de execución foi mellor tanto nos gastos correntes como nos gastos de capital. 

Comentarios