Galicia foi a comunidade autónoma co peor saldo vexetativo durante o 2017

O número de nacementos diminuíu en toda España e o defuncións aumentou, excepto en Asturias

As pensións galegas son as segundas máis baixas de España. EP
photo_camera Só seis comunidades rexistraron un saldo vexetativo positivo. EP

Galicia foi a comunidade autónoma con peor saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) no ano 2017 (-13.522), segundo os datos da enquisa sobre Movemento Natural da Poboación que este martes publica o Instituto Nacional de Estatística (Ine).

O saldo vexetativo foi negativo en 11 comunidades autónomas e positivo nas outras seis, así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. As comunidades cos saldos vexetativos máis negativos, ademais de Galicia, foron Castela e León (-13.446) e Principado de Asturias (-7.140). 

Pola súa banda, as que rexistraron os maiores saldos vexetativos foron Comunidade de Madrid (13.433), Rexión de Murcia (3.617) e Andalucía (3.337).

En canto ao número de nacementos, este diminuíu en todas as comunidades e cidades autónomas durante 2017, rexistrándose os maiores descensos respecto de 2016 na cidade autónoma de Melilla (-7,3 %), Castela e León (-7,1 %) e País Vasco (-6,5 %). En Galicia a taxa de variación anual do número de nacementos foi de -3,4 %.

O número de defuncións aumentou en todas as comunidades, salvo no Principado de Asturias (-0,4 %), e os maiores aumentos anuais déronse na cidade autónoma de Ceuta (9,8%), Illas Baleares (6,1 %) e Aragón (5,1 %). En Galicia a taxa de variación anual do número de defuncións foi do 0,6 %.

Respecto da taxa bruta de mortalidade (defuncións por 1.000 habitantes) por comunidades autónomas no ano 2017, na Comunidade galega foi do 11,8 %.

A esperanza de vida ao nacemento alcanzou os valores máis altos en Comunidade de Madrid (84,5 anos), Comunidade Foral de Navarra e Castela e León (83,8 anos en ambas as), mentres que os valores máis baixos déronse nas cidades autónomas de Ceuta (79,4 anos) e Melilla (80,4) e en Andalucía (81,8). No ano 2017 esta taxa foi en Galicia de 83,1 anos. 

Comentarios