Galicia contará cun helicóptero con radar para o 2008

O tenente coronel Xefe da Agrupación de Tráfico en Galicia, José Luis Ulla, anunciou hoxe que a Garda Civil de Tráfico incrementará o seu cadro de persoal en Galicia despois do verán, e que un helicóptero con radar comezará a funcionar na comunidade galega a partir do ano que ven. Ambas medidas supoñen un novo intento da Garda Civil de Tráfico de reducir a siniestralidade nas estradas galegas.

Ulla asegurou que o novo helicóptero con radar está pensado especificamente para controlar a velocidade nas estradas secundarias galegas, onde non se poden establecer controis dende terra.

Ademais indicou que o próximo mes de setembro incrementará a plantilla de persoal cun primeiro reforzo que se completará nunha segunda fase, a principios de 2008. José Luis Ulla recoñeceu que "fan falla máis recursos humanos" para estender a vixilancia a varios puntos de Galicia, aínda que puntualizou que "os que vixían, estano facendo ben".

Competencias de tráfico
O responsable da Agrupación de Tráfico en Galicia negou que o problema da siniestralidade nas estradas galegas se poida resolver con máis competencias, como pide o BNG. Ulla puxo como exemplo o caso de Cataluña, onde "teñen as competencias, pero ó longo deste verán os accidentes mortais incrementáronse en máis do 12%".

Comentarios