Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Galicia consolídase como a segunda comunidade en produción de carne bovina

Exemplares de vaca rubia galega. EP
Exemplares de vaca rubia galega. EP

A comunidade tan só é superada por Castela e León

Galicia consolidouse como unha das principais comunidades españolas en produción de carne de bovino, ao colocarse no segundo posto en España, segundo reflicten os últimos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que a sitúan cun 14% do censo nacional.

As cifras, correspondentes a 2016, mostran que a comunidade galega só é superada por Castela e León, que alcanza o 22% da cifra total. En canto ao número de cabezas sacrificadas, Galicia ocupa o terceiro lugar, con 400.280 animais, após Cataluña, que ostenta o primeiro posto, con 525.139, e Castela e León, que suma 427.991.

As tres comunidades referidas concentran así máis da metade da produción total de España, que alcanza os 2,3 millóns de cabezas.Por provincias resalta o caso de Lugo, que con 122.051 cabezas sacrificadas non só é o primeiro territorio no ranking galego, senón tamén o terceiro en España, só por detrás de Barcelona e Xirona.

Do resto de provincias galegas, o segundo posto correspóndelle a Pontevedra, con 115.607 animais sacrificados, seguida da Coruña, con 109.134 e Ourense, con 53.488.

Realizando a contabilización tan só das tenreiras e o bovino novo (de menos de 12 meses) sacrificado, Galicia mantén o segundo posto dentro de España, con 227.695 cabezas, fronte aos 364.924 animais de Cataluña. Ambas comunidades autónomas representan, en conxunto, máis da metade do total nacional neste ámbito.

LIDERADO EN CARNE BOVINA. Por outra banda, Galicia mantén ademais, con Tenreira Galega, o liderado nacional na produción de carne bovina de calidade amparada por un selo de garantía.

Deste xeito, dentro das 10 indicacións xeográficas protexidas (IGP) existentes en España, Tenreira Galega é a de maior produción, co 54'8% do total, moi por encima da denominación Tenreira Asturiana, que representa o 16,6% do conxunto nacional.

Galicia consolídase como a segunda comunidade en produción de carne...
Comentarios