Galicia en Común aposta por "desconfinar" o rural

Os cabeza de lista por Lugo e Ourense coincidiron en Os Peares
Bruzos e Fernán Vello en Os Peares. GEC
photo_camera Bruzos e Fernán Vello en Os Peares. GEC


Os candidatos de Galicia en Común-Anova Mareas por Ourense e Lugo, David Bruzos e Miguel Anxo Fernán Vello, respectivamente, insistiron este mércores na necesidade de conformar unha nova Xunta que "desconfine o rural" despois de once anos.

Os aspirantes da coalición mantiveron unha comida de traballo en Os Peares, o enclave con menos de 200 habitantes repartido entre catro concellos de Ourense e Lugo no que naceu Núñez Feijóo, e que é o perfecto "exemplo" do abandono do rural.

Ambos coincidiron na urxencia de poñer fin aos once anos "de confinamento a Galicia rural imposto pola forza” desde a Xunta que castigou ás zonas de interior con “atrasos na dixitalización e malas comunicacións".

Con todo, lamentaron, en campaña o candidato do PP volve acordarse do mundo rural cando a realidade é que "Feijóo só acode a Os Peares unha vez cada catro anos para iniciar aquí as súas campañas".

Para Bruzos, Os Peares constitúe un claro exemplo de carencia de insfraestructuras e servizos públicos que conlevan ao despoboamento das zonas rurais.

Pola súa banda, o candidato por Lugo referiuse ao deixamento e falta de dotación de recursos e servizos esenciais no sector sanitario e educativo que se reflicte na “emigración das xeracións máis novas e máis preparadas, que non atopan saídas laborais nas súas poboacións e comarcas de orixe”.

Galicia en Común quere formar parte do novo Goberno galego para acabar con ese tipo de políticas e aproveitar que “estamos nunha zona privilexiada a nivel de recursos e contamos cunha tremenda riqueza esquecida” que debe empregarse “para fixar poboación ao territorio e, ao mesmo tempo, garantir unha vida digna e plena aos habitantes das zonas do interior”.

Comentarios